5 de abril de 2024
O vindeiro sábado 20 de abril, de 10.00 a 19.30 horas, o Museo Arqueolóxico abrirá as súas portas con acceso de balde
Tamén se realizarán visitas guiadas ao Castelo e no Castro de Elviña, cuxo prazo de inscrición abrirá o próximo mércores 10 de abril
O Concello da Coruña conmemorará o Día Internacional dos Monumentos e Sitios Históricos 2024 con diferentes actividades no Castelo de San Antón, seguindo a liña do Goberno de Inés Rey para a dinamización dos museos e recintos culturais da cidade. A efeméride, impulsada polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e a UNESCO, instaurouse o 18 de abril de 1984 co obxectivo de sensibilizar á cidadanía co patrimonio histórico.
O Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón celebrará a data cunha xornada de portas abertas o vindeiro sábado 20 de abril. En horario de 10.00 a 19.30 horas, as persoas que desexen visitar e coñecer o Museo poderán acceder ao recinto de balde.
Ademais, como complemento á xornada de portas abertas, o Concello organiza tres visitas guiadas en dous enclaves históricos da cidade. O sábado 20 de abril realizaranse dúas visitas, ás 12.00 e 17.00 horas, ao Castelo de San Antón. A duración prevista é de unha hora e 45 minutos e farase en dous grupos de 25 persoas. E o domingo 21 de abril, ás 12.00 horas, realizarase a visita ao Castro de Elviña. A duración aproximada do percorrido é de hora e media e dispón dunha oferta de 25 prazas.
Ambas actividades están dirixidas ao público adulto e precisan de reserva previa. O prazo de inscrición comeza o vindeiro mércores 10 de abril ás 10.00 horas a través do teléfono do museo 981189850.
Xogo de pistas
O Concello da Coruña organiza unha actividade infantil con motivo do Día Internacional, co obxectivo de ampliar a conmemoración da efeméride ao maior público e dar a coñecer aos máis pequenos/as o patrimonio histórico e sensibilizalo sobre a importancia da súa conservación e protección.
O sábado 20, ás 11.45 horas, desenvolverase un xogo de pistas baixo o título 'Sabes quen son?' con diversas actividades como procura de tesouros e quebracabezas. A través deles, os nenos e nenas poderán descubrir algúns dos monumentos e sitios históricos e arqueolóxicos máis importantes da contorna da Coruña.
Ten unha duración prevista dunha hora e trinta minutos e está orientada a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. O número de prazas dispoñibles son 20 con previa inscrición no teléfono do Museo, tamén dende as 10.00 horas do próximo mércores 10 de abril.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible