Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de marzo de 2024

Haberá actividades para todos os públicos da man de profesionais da artesanía, previa inscrición en liña

A Coruña festexará os Días Europeos da Artesanía cunha decena de obradoiros gratuítos no Ágora

O vindeiro sábado 6 de abril terá lugar a xornada ‘Oficios en Acción 2024’, promovida pola Asociación Galega de Artesáns

O Centro Sociocultural Ágora foi o espazo escollido pola Asociación Galega de Artesáns para a programación da xornada 'Oficios en acción 2024', no marco do desenvolvemento dos Días Europeos da Artesanía 2024. A actividade, organizada pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración con Artesanía de Galicia, conta co apoio do Concello da Coruña.

Ao longo do vindeiro sábado 6 de abril, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, unha escolma de profesionais da artesanía en Galicia ofrecerán unha decena de obradoiros gratuítos, xunto con dúas actividades de demostración de elaboración artesanal en xoiaría e talla de vidro. O obxectivo é dar a coñecer os diferentes oficios artesanais da comunidade con especial atención ao público infantil, poñendo en valor a artesanía de Galicia.

En canto ás actividades de demostración de oficio, Manuel Villares de A Feitura mostrará os dos procesos de elaboración duns pendentes de prata de lei, con recortado en diferentes formas, soldadura e puído. A demostración da talla de vidro estará a cargo de Eugenio Soto de Corman, ensinando o uso do torno eléctrico para diferentes procesos de traballo (marcado, rebaixado, afinado e puído).

De acordo cos diferentes oficios artesanais, a Asociación Galega de Artesáns ofrecerá ademais unha escolma de obradoiros gratuítos en diferentes disciplinas e orientadas a un público diferente segundo a dificultade e instrumentos a utilizar. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey avanza na dinamización dos recintos culturais da cidade con actividades para todos os públicos.

O programa completo, ao detalle

As persoas que desexen participar nos obradoiros deberán inscribirse mediante a canle de Whatsapp habilitada pola Asociación Galega de Artesáns para o encontro, no número 616 539 251 ou premendo na seguinte ligazón: i.gal/InscricionOficiosAccion, indicando datos de contacto e obradoiro de interese. No caso dos talleres de menores deberán estar sempre acompañados de pais, nais ou titores legais. Os obradoiros ofertados son:

Tear de baixo lizo | Con María José Lois Vázquez de "Cuaderna Maestra"

Obradoiro con bastidores de alto lizo no que cada participante poderá poderá realizar un pequeno tapiz e levalo consigo. A participación é a partir dos 8 anos en quendas dunha hora, cun máximo de dez persoas por quenda.

"Transforma nunha xoia o teu xoguete vello" | Con Mario López de "Mario López - Joyería de Autor"

Obradoiro de reciclaxe de xoguetes vellos no que se iran aplicando técnicas de xoiaría, e no que o artesán acompañará os nenos e nenas en todos os procesos de traballo. A participación é a partir de 8 anos en quendas de tres horas, unha pola mañá e outra pola tarde cun máximo de catro persoas por quenda.

Impresión téxtil coa técnica Hapa Zome |  Con María Luisa Mosquera de "Casperlota"

Obradoiro de impresión téxtil, coa técnica xaponesa denominada Hapa Zome, na que se extraen os pigmentos das plantas golpeando repetidamente, e posteriormente fixando as cores con pedra alume. A participación é a partir dos 6 anos. en quendas dunha hora e media cun máximo de 8 persoas por quenda.

Bixutaría artesanal | Con Eugenia Domínguez de "Artesanía Nia"

Elaboración de canudos co punto básico de Miyuki, cos que poder crear complementos ao gusto da persoa participante: pendentes, chaveiros, pulseiras. A participación é a partir de 8 anos en quendas de tres horas, unha pola maña e outra pola tarde cun máximo de seis persoas por quenda.

Pregado de papel | Con Miriam Otero de "Mioco Diseños"

Obradoiro de pregado de libros para facer figuras ou textos en relevo. Con libros que acheguen as propias persoas participantes ou facilitados pola artesá que desenvolve a actividade. A participación é a partir de 10 anos, con quendas de tres horas, unha pola maña e outra pola tarde cun máximo de seis persoas por quenda.

Pulseira de coiro | Con Edita Rodríguez do obradoiro "Jatafarta"

Elaboración dunha pulseira de coiro a partir de pezas xa recortadas con forma de cadrado, triángulo, hexágono ou ondas e cosidas con fío de distintas cores. A participación é a partir de 10 anos, con quendas de unha hora e media cun máximo de seis persoas por quenda.

Tecido de pulseiras e demostración de confección de bonecos | Con Rocío e Belén de "Lucecús"

Elaboración de pulseiras, colares, cintos etc, con cordóns, trapos e restos de la tecéndoos cos dedos. Ao mesmo tempo farán unha demostración da elaboración dun boneco "Docka's Toy". A participación é a partir de 3 anos en quendas de unha hora e media cun máximo de cinco persoas por quenda.

Modelado en barro | Con Víctor Ares

Elaboración de pezas elaboradas coa técnica de churros ou copiando unha peza de mostra, para a reprodución de partes do corpo, nariz, boca, ollos, orellas... coa técnica do modelaxe. A participación é a partir de 6 anos en quendas de unha hora e media, cun máximo de 10 persoas por quenda.

Encadernación artesanal | Con Juan López Casás, de "Códice"

Elaboración dun caderno en tapa dura coa decoración escollida pola persoa participante ou para o pintado de papeis coa técnica de engrudo. A participación é a partir de 10 anos en quendas de unha hora e media, cun máximo de seis persoas por quenda.

Remate de cantos en coiro | Con Isaac Romero de "Coiraxe"

Obradoiro técnico onde se traballarán diferentes remates de cantos de coiro. Para poder realizar o obradoiro, as persoas inscritas terán que levar as seguintes ferramentas: coitelo/coitela de corte, coitela de rebaixar afiada, cristal temperado ou pedra puída para rebaixar o coiro, matacantos, fileteador, martelo para asentar, brunidor de cantos, punzón fino, espátula, retrinco de tea vaqueira ou canvas para brunir e unha superficie de corte.

A participación é para maiores de 18 anos. A duración vai ser de xornada completa (6 horas) cun máximo de 10 participantes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión