Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de abril de 2024

A proba do carbono-14 apunta a que a mikvé de Sinagoga se construíu a mediados do século XV

Inés Rey: “Suporía que no edificio estaría unha das únicas catro coñecidas no conxunto de España”

O Concello da Coruña está a realizar diversas intervencións arqueolóxicas no edificio da rúa Sinagoga núm. 4, co obxectivo de obter datos sobre a historia e orixe do enclave. A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá os traballos que remataron a súa terceira fase esta mesma semana. Estivo acompañada de Fran Alonso Toucido, arqueólogo encargado dos traballos da campaña; Marco Antonio Rivas, arqueólogo municipal; e Ana Debén, arquitecta municipal, xunto con José Manuel Lage, concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana; Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo e Rehabilitación; e Nereida Canosa, concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas.

Segundo os informes elaborados polo persoal técnico municipal e os estudos arqueolóxicos encargados polo Concello, todo apunta a que o baño de Sinagoga é unha antiga mikvé. Estase a estudar, tamén baseándose nos restos achados, a posibilidade, aínda por confirmar, de que esta formase parte dunha antiga sinagoga. Dado o seu potencial interese histórico e patrimonial, o Goberno de Inés Rey iniciou no pasado mandato os trámites para adquirir o inmoble, hoxe de titularidade municipal.

Na última campaña de sondaxe e investigación do inmoble, o equipo arqueolóxico realizou un estudo da mampostería, con catro catas para extraer mostras de morteiro que serán sometidas a datación por termoluminiscencia. "Os resultados non estarán antes de nove meses, é dicir, a comezos do próximo ano" sinalou a alcaldesa.

Na fase anterior, o equipo da intervención atopou un resto no pavimento dunha estancia contigua ao baño xudeu, unha espiña de bacallau que foi enviada para a súa datación por carbono-14.

A alcaldesa anunciou que a proba confirma que, cun 80,9% de probabilidade, se trata dun resto cunha cronoloxía comprendida entre mediados do século XV ou principios do XVI, entre os anos 1432-1520, e nun 68,2% que sexa entre 1442 e 1490. Este resultado indicaría que é moi probable que este espazo estivese en uso con anterioridade á expulsión dos xudeus, producida no 1492. "O achado reforza a tese de que se trata dunha mikvé, o que suporía que no edificio estaría unha das únicas catro coñecidas no conxunto de España", explicou.

Rey avanzou que nas últimas escavacións non apareceron restos arqueolóxicos mobles, tal e como se prevía. Con todo, informou da existencia de dúas estruturas arqueolóxicas contiguas con relación nos pavimentos, probablemente da mesma época, e que poderían pertencer a unha posible sinagoga. "Sería a única anterior a 1492 rexistrada en Galicia, aínda que non podemos afirmar que sexa unha sinagoga, precisamos de máis estudos", explicou.

O proxecto de rehabilitación do edificio, en redacción

A alcaldesa avanzou que o Concello prevé a rehabilitación do edificio da Cidade Vella seguindo na liña de conservación e protección iniciada no pasado mandato. "Continuamos dando pasos no estudo e investigación para coñecer todo sobre o inmoble e conservalo como un dos tesouros do patrimonio da cidade", sinalou.

En paralelo á actividade arqueolóxica, o Goberno de Inés Rey encargou a redacción do proxecto para recuperar e rehabilitar o edificio. "O obxectivo é rematar a redacción este ano mentres seguimos afondando no seu estudo, un gran descubrimento non só para A Coruña senón tamén para Galicia" concluíu a alcaldesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión