Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de marzo de 2024

Os orzamentos do Concello para este ano inclúen unha partida específica de 150.000 euros coa que o Goberno de Inés Rey prevé acometer melloras de accesibilidade ao Castro de Elviña e na súa contorna

As últimas sondaxes arqueolóxicas levadas a cabo na ladeira sur do Castro de Elviña desvelan novos achados de cerámica romana e proxectís de granito

As escavacións executadas a comezos de ano, dirixidas polo investigador Samuel Nión, inciden na posibilidade dunha fase de asedio ao Castro, que deberán corroborar as probas científicas e datacións de carbono 14

Avanzan as análises dos materiais achados nas últimas sondaxes arqueolóxicas executadas na ladeira sur do Castro de Elviña, onde a finais de xaneiro se levou a cabo unha campaña financiada polo Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais baixo a dirección do investigador Samuel Nión Álvarez.

Ao abeiro do proxecto 'As dúas vidas dos poboados fortificados', entre os días 22 e 29 de xaneiro acometéronse escavacións na coñecida como a Terraza Sur, un promontorio situado a menos de cen metros do castro, fóra do espazo amurallado. Neste enclave, e atendendo ás anomalías identificadas por medios xeofísicos no ano 2022, analizouse a súa relación cunha posible fase de asedio ao castro. "E a día de hoxe, contamos con algúns indicios que sinalan esta posibilidade", apunta Nión.

En termos prácticos, os traballos de investigación impulsados a finais de xaneiro exploraron a teoría de que a Terraza Sur, unha superficie de planta cuadrangular de aparencia defensiva, formase parte dunha estrutura campamental de asedio. Nas sondaxes realizadas a comezos de ano identificouse unha gabia lonxitudinal de máis dun metro de anchura ao leste da Terraza Sur, onde se atoparon fragmentos de cerámica romana e unha esfera de granito de 5,6 quilogramos, tallada e picada, semellante aos proxectís da época romana, que polas súas características podería encaixar co sistema de pesos e medidas da Roma republicana.

A este respecto, Samuel Nión Álvarez incide en que "os indicios aínda son probas circunstanciais" e apunta á importancia das probas científicas en si, "datacións de carbono 14 e máis elementos materiais que, unidos ás pistas xa existentes, permitan corroborar ou desbotar a hipótese que barallamos".

O traballo de Nión, investigador posdoutoral Juan de la Cierva no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, así como o do seu equipo, é apoiado polo Goberno de Inés Rey, que ten o obxectivo de poñer en valor o Castro de Elviña e a súa contorna, potenciándoo como un espazo cultural e histórico de primeira orde.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello consignou fondos nos orzamentos deste ano para acometer un plan de melloras de accesibilidade ao castro, cun investimento previsto de 150.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión