29 de febrero de 2024
Expuxo o seu estudo de ingreso baixo o título ‘Directo al corazón de la Ciudad Vieja de A Coruña: Sueños y realidad de la antigua plaza de la Harina, hoy llamada de Azcárraga (1700-1897)’
O Salón de Sesións do Palacio de María Pita acolleu esta tarde a cerimonia de ingreso do historiador Alfredo Vigo Trasancos no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto e destacou o Palacio de María Pita como o "quilómetro cero da cidade e tamén do seu coñecemento e razón, tan ben representado nesta tarde de febreiro". Estivo acompañada polo concelleiro responsable da área de Cultura, Gonzalo Castro e Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Institutos Coruñeses.
A alcaldesa definiu o catedrático como "un deses ferroláns da Coruña, ou coruñés de Ferrol, que mellor representa a erudición ártabra". Destacou o seu traballo como historiador de Galicia e da Coruña. "O intenso labor histórico desenvolvido por Vigo Trasancos abrangue moito territorio histórico, que vai desde a Torre de Hércules ata Luís Seoane e ademais sempre amosando especial tendencia a actuar na realidade, con luces longas, sen ningunha intención de reducirse a un nicho intelectual" aseverou.
O catedrático expuxo o seu estudo de ingreso baixo o título 'Directo al corazón de la Ciudad Vieja de A Coruña: Sueños y realidad de la antigua plaza de la Harina, hoy llamada de Azcárraga (1700-1897)'. Alfredo Vigo presentou as diferentes etapas da transformación da actual praza de Azcárraga, que en case dous séculos pasou de ser punto de referencia social e político do século XVI a converterse nun símbolo da burguesía coruñesa de finais do século XIX. Ademais, o historiador puxo especial atención no seu estudo á itinerancia do edificio consistorial, orixinariamente situado na praza da Fariña.
Rey rematou reivindicando o legado histórico da Coruña como motor de Galicia tamén na defensa do galeguismo. "Ese orgullo de cidade, orgullo coruñés, toma hoxe a súa mellor representación en Alfredo Vigo Trasancos. Un coruñesismo que non pode ser senón galeguista de acordo coa súa historia" concluíu.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible