Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de marzo de 2024

O Concello acometerá a renovación integral do céspede artificial na pista de fútbol Cruyff Court, no barrio de Novo Mesoiro

O Goberno de Inés Rey avanza na súa folla de ruta para remodelar e modernizar as infraestruturas deportivas da cidade

O Concello da Coruña acometerá nas vindeiras semanas os traballos de renovación do céspede artificial da pista de fútbol Cruyff Court, unha das principais dotacións deportivas do barrio de Novo Mesoiro.

Esta instalación, de uso público, abriuse ao uso e gozo da cidadanía hai máis de dez anos, na contorna do pavillón polideportivo municipal situado na rúa dos Ancares. Cofinanciouse no seu momento polo Concello e a Fundación Johan Cruyff, impulsores dun proxecto que, desde os seus inicios, tamén abriu camiño á posta en marcha de competicións de fútbol base e campionatos en modalidades como o fútbol 6x6, por exemplo.

Agora, o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao seu plan de renovación das infraestruturas deportivas da Coruña coa substitución do tapete de herba artificial da Cruyff Court, unha instalación inspirada nos primeiros campos construídos pola Fundación Johan Cruyff no ano 2003, nos Países Baixos.

A empresa encargada dos traballos ten previsto iniciar este luns 4 de marzo unha serie de traballos de acopio e fabricación que se prolongarán tres semanas. Xa a continuación, procederase á retirada do céspede artificial xa existente e instalación do novo, unhas tarefas que terán unha duración aproximada de outras dúas semanas e incluirán a colocación do novo manto de céspede artificial, cunha altura de 40 mm.

"O obxectivo é mellorar unha instalación deportiva fundamental no día a día da rapazada de Novo Mesoiro. E incidir, ademais, na importancia de fomentar hábitos saudables desde idades temperás, facendo fincapé na promoción de valores esenciais no deporte, como o traballo en equipo, a integración e a responsabilidade", destacou hoxe o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

As dimensións do campo de xogo son de 42x28 metros, superficie de herba artificial que será substituída ante a erosión experimentada co paso do tempo, polo uso habitual da instalación, de acceso libre e empregada por centos de rapaces e rapazas do barrio de Novo Mesoiro. 

O investimento previsto polo Concello nesta actuación é de máis de 44.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión