Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de febreiro de 2024

As persoas que desexen participar deberán incribirse no formulario en liña habilitado dende o próximo mércores 6 de marzo

O Concello organiza un obradoiro de interpretación poética coa Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño

É de carácter gratuíto e realizarase os días 14 e 15 de marzo na DOMUS, no marco do proxecto europeo «Urban Travel Machines»

O Concello da Coruña pon en marcha un novo obradoiro de interpretación poética da man da Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, coordinadora do programa que contará con outras voces destacadas da poesía en Galicia. O Goberno de Inés Rey avanza así na programación cultural para todos os públicos, incluíndo actividades formativas gratuítas en materia literaria.

O obradoiro, de carácter gratuíto, desenvólvese no marco do proxecto europeo «Urban Travel Machines» e terá lugar entre os días 14 e 15 de marzo na DOMUS en horario das 18.00 ás 20.30 horas. Conta cun total de 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade interesadas no mundo da poesía xa que se traballará o aspecto oral e interpretativo dos textos poéticos.

En canto ao programa, o xoves 14 de marzo celebrarase a benvida e presentación do obradoiro a cargo de Bibiana García, técnica dos Museos Científicos Coruñeses, e Philip Meersman, coordinador do proxecto «Urban Travel Machines». Logo seguiralle o relatorio 'Introdución á interpretación poética e ao contexto inmersivo 360º' con Marcos Pérez, director dos Museos Científicos; e a poeta Yolanda Castaño. A xornada rematará cunha sesión moderada pola poeta e astrónoma Estíbaliz Espinosa, sobre a experiencia poética nunha residencia creativa. A segunda e última xornada, venres 15, contará cunha aula de interpretación poética impartida pola poeta Silvia Penas e rematará cunha nova aula impartida pola tamén poeta María Lado.

As persoas que desexen inscribirse no obradoiro deberán cubrir o formulario habilitado en liña a partir do mércores 6 de marzo ás 10.00 horas no seguinte enderezo web: https://forms.gle/Fexx1SB4MYNpcTLw6. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición.

Festival no planetario

Ademais deste taller, o proxecto «Urban Travel Machines» contará cun festival de poesía que se realizará no planetario da Casa das Ciencias a fin de semana do 16 e 17 de marzo ás 20.00 h. As entradas para este festival sairán á venda o luns 11 de marzo ás 10.00 na web dos Museos Científicos Coruñeses.

Os Museos Científicos Coruñeses, a través da Casa das Ciencias, participan desde outubro de 2022 no proxecto europeo «Urban Travel Machines», que se prolongará ata o outono do 2024, con distintas actividades que buscan promover obras poéticas contemporáneas, experimentais e innovadoras. Teñen como obxectivo crear experiencias inmersivas do público en planetarios europeos, a través de actuacións en directo acompañadas de narracións orais e visuais. O proxecto está financiado polo programa «Europa Creativa» da Unión Europea.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión