Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello amplía a información ás familias para facilitar a formalización de matrículas nos centros escolares da Coruña

Cando:

27 de febreiro de 2024

Este venres 1 de marzo abre o período de solicitude de prazas para o próximo curso 2024-2025

Do 1 ao 20 de marzo abre o prazo do proceso de admisión para o curso escolar 2024-2025 nos centros docentes da Coruña, un proceso no que colabora o Concello e do que é responsable a Xunta de Galicia. Serán aproximadamente 30.000 as alumnas e alumnos que teñen que solicitar praza de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, ademais de Educación Especial.

A gran maioría do alumnado que estaba matriculado nun centro público ou concertado xa formalizou a súa reserva de praza entre o 15 de xaneiro e o 5 de febreiro. O actual proceso de escolarización está destinado a quen comeza o colexio en segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria por primeira vez ou solicitan praza porque estaban escolarizados noutra cidade.

Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, remitiulle unha carta ás familias dos 1.528 nenos e nenas nados en 2021 na Coruña e que o próximo curso se matricularán por primeira vez no segundo ciclo de Educación Infantil, de 3 a 6 anos. Na misiva inclúese o certificado de empadroamento do menor e, ademais, explícanse os pasos necesarios para facer a reserva de praza en calquera dos centros de Educación Infantil, públicos e concertados, da cidade.

Ademais de indicar o prazo para efectuar a admisión, do 1 ao 20 de marzo, detállase que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario denominado ED550B, dispoñible na aplicación informática "admisionalumnado" ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Tamén se poden presentar as solicitudes presencialmente no centro docente indicado en primeiro lugar ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Un mapa interactivo para facilitar a cada familia a localización do seu colexio

Por outra banda, o Concello editou un mapa das zonas de influencia de todos os centros educativos (ver en  Zonas de influencia #TEXT#, así como nos rexistros de María Pita, Fórum, Mesoiro e Ágora, nas Bibliotecas Municipais e no Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX), situado no Fórum Metropolitano. Grazas a esta nova ferramenta, todas as familias poden coñecer o colexio que lles corresponde en función do seu domicilio.

Na carta da alcaldesa inclúese tamén unha folla informativa con todas aquelas cuestións que poden resultar de interese neste proceso. Así, por exemplo, lémbrase que a solicitude será única e pode conter unha relación de ata seis centros, por orde de preferencia. No caso de que a persoa solicitante non fose admitida no centro indicado en primeiro lugar, aplicarase o procedemento para a adxudicación subsidiaria de postos escolares regulado, seguindo no posible a orde de preferencia indicado na solicitude.

Ademais, infórmase sobre o calendario de escolarización, con achega de documentación complementaria do 21 de marzo ao 3 de abril, publicación o 15 de abril das listas provisionais, prazos de reclamacións, ata finalizar o 15 de maio coa publicación das listaxes definitivas e a posterior formalización da matrícula, do 20 ao 30 de xuño no caso de Educación Infantil e Primaria, e do 25 de xuño ao 10 de xullo, no caso de Educación Secundaria.

Na misiva lémbranse tamén os criterios da Xunta para a adxudicación das prazas, entre os que figuran a existencia de irmáns matriculados no mesmo centro, a proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar do traballo, a renda anual da unidade familiar, a condición de familia numerosa ou monoparental, o posible grao de discapacidade ou a condición de vítima de violencia de xénero, entre outros, incluíndo en cada caso a puntuación correspondente que lle pode supoñer ao solicitante. Ademais, detállanse os criterios seguidos en caso de empates na puntuación final e achéganse os teléfonos de contacto para consultar calquera dúbida sobre o proceso.

Ademais o Servizo Municipal de Educación ofrece na súa páxina web a posibilidade de realizar visitas virtuais a distintos centros de Educación Infantil e Primaria, para coñecer as súas instalacións. É o caso de colexios como o CEIP Anxo da Garda, Alborada, Cidade Vella, CEE Nosa Señora do Rosario, Concepción Arenal, Curros Enríquez ou Emilia Pardo Bazán, entre outros.

Na mesma web está dispoñible o calendario de xornadas de portas abertas que viñeron realizando os diferentes centros públicos de Educación Infantil e Primaria, centros concertados e institutos para dar a coñecer as súas instalacións e características. Esta información complétase ademais coa dispoñible no buscador de centros educativos que figura na mesma páxina.

No actual curso 2023-2024 matriculáronse na cidade da Coruña un total de 31.910 estudantes, dos que 13.046 corresponden a Educación Primaria, 9.559 a Educación Secundaria, 5.197 a Educación Infantil, 3.948 a Bacharelato e 160 a Educación Especial.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión