Concello da Coruña

Concello da Coruña

Falamos primaria o 18 de outubro de 2023

Actividade dirixida aos centros públicos de ensino da cidade

Servizo municipal:

Normalización Lingüística

Tipo de actividade:

Complementaria

Titularidade do centro:

Público

Normalización Lingüística do Concello da Coruña ten establecida, entre as súas funcións, a de realizar diferentes programas de dinamización lingüística para avanzarmos na normalización social do galego, entre os que se atopa o Falamos primaria. Este programa pretende promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibles os recursos e os esforzos deses dous ámbitos en prol da normalización do galego. Con este fin, o mércores 18 de outubro de 2023 imos desenvolver a seguinte actividade no auditorio do Centro Ágora:

  • 3 pases escolares (10.00, 11.00 e 12.00 h) do espectáculo "Mil maxias máis", do Mago Antón, dirixidos ao alumnado de 3.º curso de primaria en diante dos CEIP públicos da cidade.

Cada centro só poderá asistir a unha función (de aproximadamente 45 minutos). A cada pase asistirán 2 centros (por orde de solicitude de inscrición) con 50 alumnos/as como máximo, mais o profesorado acompañante. Deberannos indicar o curso, número de alumnado e de profesorado acompañante. Confirmaráselles a inscrición aos centros por orde de solicitude ata que se complete a capacidade prevista. A actividade é de balde. O transporte para asistir a ela, se for necesario, é por conta dos colexios. Pídese que se estea no Centro Ágora con 15 minutos de antelación.

Obxectivos do programa Falamos primaria:

  • Promover a utilización da lingua galega nos centros públicos de educación primaria da Coruña.
  • Asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, tanto no ámbito docente coma no das relacións interpersoais entre os distintos membros da comunidade educativa.
  • Garantir que os produtos de máxima difusión e demanda poidan chegar en galego á sociedade galega.
  • Darlle ao alumnado unha visión útil e moderna da lingua galega.
  • Eliminar os prexuízos lingüísticos existentes na infancia sobre o galego.

"Mil maxias máis", do Mago Antón é un espectáculo para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que o alumnado e profesorado espectador lembre a importancia que ten a palabra en galego.

A maxia é moito máis ca unha actividade de lecer ou unha industria cultural, é unha arte escénica que, ademais de sorprender, divertir e emocionar, pode e debe contribuír a que a fala, que é o don máis prezado que temos como galegas e galegos, non desapareza nunca. Foi Álvaro Cunqueiro, un gran mago da palabra, quen falou das "mil primaveras máis para a nosa lingua". Parece cousa de maxia dicir tanto con tan só tres palabras.

Este espectáculo quere ser unha homenaxe a Cunqueiro e tamén a todas as mulleres e homes que -cultivando a literatura, as artes, a música, ao longo da historia- sempre tiveron presente que a nosa fala era unha especie de variña máxica que tiñamos nas nosas mans para facer que Galicia durase mil primaveras máis.

Máis información a través de inscricionslingua@coruna.es 

Cando:

18/10/2023

Ficha de inscrición

Xa rematou

Inscricións:

Dende o 02/10/2023 ata o 17/10/2023

*ata esgotárense as capacidades marcadas para cada pase (50 alumnas/os de 2 centros -por orde de solicitude de inscrición na web de Educación- e o seu profesorado)

Contacto:

Normalización Lingüística

CONCELLARÍA DE FOMENTO E PROMOCIÓN DA CIDADE 

Tel.: 981 184 200, exts. 34311, 34310, 34333

lingua@coruna.gal

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Máis información:

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión