4 de marzo de 2024
A nova edición desta campaña terá unha duración de cinco meses. O Concello apoiará a uns 30 establecementos na posta en marcha de medidas que axuden a visibilizar e mellorar as súas vías de negocio
O Concello impulsa no barrio da Sagrada Familia unha nova edición do programa municipal 'Tendas a exame', un servizo de consultoría personalizado co que o Goberno de Inés Rey busca apoiar e dinamizar o comercio de proximidade en todos os distritos da cidade.
Nesta convocatoria, que comezará ao longo de marzo e terá unha duración de cinco meses, poderán participar un total de 30 comercios do barrio. A súa selección levarase a cabo baseándose nas visitas do persoal técnico municipal que explicará o programa nos diversos establecementos da zona. Neste sentido, e se o número de inscricións así o permite, tamén se prevé estender esta iniciativa á contorna de Vioño e dos Mallos, nos sectores máis próximos á área principal de actuación.
Cómpre lembrar que, para poder participar no programa, é necesario rexentar un establecemento comercial aberto ao público. "A principal finalidade deste programa é axudarlle ao pequeno comercio da cidade a resolver as principais dificultades coas que se atopa no seu día a día, e buscar posibles oportunidades ou vías de negocio", apuntou hoxe a concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas.
Avaliación de cada negocio participante, para buscar posibles melloras
Os establecementos participantes na campaña recibirán apoio e asesoramento do Concello ao longo de seis visitas. En primeira instancia, avaliarase o estado específico de cada negocio para, posteriormente, achegar propostas de mellora a cada un dos comercios. A súa implantación levarase a cabo de forma progresiva e co acompañamento do propio persoal técnico do Concello, que examinará as melloras de forma continua para, finalmente, facer balance dos resultados baseándose nas accións propostas. "É dicir, estudarase o antes e o despois de cada establecemento, para comprobar os avances palpables", agregou Cabanas.
Estas accións inclúen, por exemplo, a posta en marcha ou implantación de novas ferramentas web de comunicación, merchandising e escaparatismo, que axuden a visibilizar a actividade de cada negocio.
E, ademais do asesoramento individual, o Concello tamén realizará unha sesión grupal na que as e os participantes poderán compartir a súa experiencia, intercambiar información e recibir formación sobre aspectos comerciais e legais de importancia.
As persoas interesadas en solicitar máis información sobre a nova edición das 'Tendas a exame' poderán facelo remitindo un correo electrónico ao enderezo tendasaexame@gmail.com.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible