Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de decembro de 2015

As Ordenanzas Fiscais permitirán a bonificación do 50% do IBI para todas as actividades da Lonxa relacionadas coa pesca

O Goberno local levará a Pleno mañá (09.30 horas) o documento para a súa aprobación definitiva, despois de estudar as alegacións e incorporar ás relativas á Lonxa, que responden, segundo indicou hoxe o alcalde, Xulio Ferreiro, á intención de que todo o sector pesqueiro se vise beneficiado

A Corporación local celebrará mañá martes un Pleno extraordinario (ás 09.30 horas) co obxectivo de aprobar de forma definitiva as modificacións das Ordenanzas Fiscais para 2016, un texto que incorpora a posibilidade de bonificacións fiscais de ata o 50% do IBI para aquelas actividades económicas relativas á extracción, produción e transformación de produtos de pesca, de xeito que non se prexudique a un dos sectores estratéxicos da cidade. Deste xeito, amplíase o documento inicial, que vinculaba esta bonificación ao comercio ao por maior e menor de peixe e outros produtos de pesca e acuicultura. O cambio na redacción da ordenanza responde á estimación das alegacións presentadas desde a Lonxa e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social, FREMSS, nas que se solicitaba a inclusión desta bonificación para estes bens inmobles de características especiais nos que se desenvolven actividades económicas que se declaren de especial interese ou utilidade municipal, circunstancia que concorren nas actividades relacionadas co sector pesqueiro. A bonificación, segundo se recolle na ordenanza, está vinculada a que esta actividade económica constitúa “a actividade principal do negocio” e servirá para compensar a modificación ata o 1,3% do tipo aplicable aos grupos de aeroportos e portos comerciais dentro dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES), que deste xeito se iguala ao tipo que se aplica ao resto de BICES da cidade.

“O Goberno local atendeu a alegación que ten que ver coa Lonxa para que quedase claro que a bonificación afectaba a todo o sector. A nosa intención desde un principio foi que todo o sector pesqueiro se vise beneficiado”, salientou este luns ao respecto o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

A modificación das Ordenanzas Fiscais e as de Prezos Públicos para o exercicio 2016, que recibiu a aprobación inicial do Pleno o pasado 9 de novembro, introduce nos impostos e taxas municipais criterios de equidade, progresividade, xustiza social e sostibilidade ambiental, para acadar, en palabras do rexedor coruñés, “unha distribución máis xusta da carga tributaria local”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión