Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de setembro de 2016

O Concello potenciará o uso de “mobilidades alternativas ao vehículo privado” durante a Semana Europea da Mobilidade, que se celebra desde hoxe na Coruña

O servizo do transporte público urbano nocturno, o bus Búho, será gratuíto nas noites de hoxe, venres 16, e mañá, sábado 17 e as actividades, que continuarán ata o xoves 22, estenderanse por distintos puntos da cidade

A Coruña celebra desde hoxe a Semana da Mobilidade, unha iniciativa que se desenvolve a nivel europeo na terceira semana do mes de setembro e que pretende sensibilizar á cidadanía de todas as idades do uso de medios que favorezan a mobilidade sostible. O Concello participará nesta proposta coa organización de numerosas actividades, enmarcadas nunha programación denominada Cara unha nova cidade e que se realizarán, na marioría dos casos, desde o luns 19 ao  xoves 22 en distintas localizacións da cidade. Entre elas inclúense a celebración do Día Sen Coches, o I Festival de Monólogos en Movemento ou a gratuídade do bus Búho nas noites desta fin de semana. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, sinala que o obxectivo da iniciativa municipal é "camiñar cara a unha realidade na que o peón sexa o protagonista no espazo público, unha cidade na que tanto as nenas e nenos como as persoas maiores poidan gozar de maior autonomía á hora de xogar ou moverse nunhas rúas máis seguras", así como introducir nos usos alternativos ao vehículo privado á veciñanza, potenciando sobre o coche a mobilidade peonil, ciclista e o transporte público, "de xeito que o consumo destes medios tamén produza beneficio para a economía local, como o aumento de emprego".

O concelleiro salienta que na Semana da Mobilidade coruñesa "o público infantil terá especial protagonismo na programación", xa que tanto a seguridade viaria como a adopción de novas formas de mobilidade centrarán as actividades dirixidas ao alumnado da cidade, "traballando a prol dunha educación a favor do uso do espazo público e da sustentabilidade na súa contorna".   

Entre as principiais novidades desta edición atópase a gratuitade do transporte público urbano nocturno nas noites de hoxe, venres 16, e do sábado 17, co obxectivo "de dar a coñecer este servizo entre a poboación de distintas franxas de idade e fomentar o seu uso na fin de semana", expón o responsable municipal. Outra das novas propostas deste ano será o espazo de desenvolvemento das actividades, "xa que a celebración se expandirá por distintas ubicacións da cidade", explica o edil, como é o caso das actividades do programa Camiños Escolares Seguros, unha iniciativa que o Concello puxo en marcha coa intención de mellorar a seguridade viaria nas contornas escolares así como de facilitar o acceso das e dos cativos aos colexios. "Nestes momentos, contamos con nove escolas da cidade que colaboran no programa, e durante esta semana unirase un novo centro", avanza o concelleiro. Así, do luns 19 ao xoves 22, o Goberno local potenciará a educación e seguridade viaria nos CEIPS que colaboran no programa con charlas informativas á entrada e saída de clase. Na última xornada da Semana da Mobilidade, o xoves 22, o CEIP Zalaeta incorporarase ao programa cun primeiro obradoiro realizado coa colaboración de Stop Accidentes, entidade coa que o Concellería desenvolverá tamén o concurso escolar de cartas e debuxo Agora imos camiñando ao cole durante este mes de setembro nos centros adscritos á iniciativa de Camiños Escolares.

Día sen Coches

As nenas e nenos terán tamén especial relevancia nas accións previstas para o martes 20, o Día sen Coches, no que se cortarán as rúas Alcalde Marchesi e Primavera para realizar, durante toda a mañá, actividades co alumnado dos CEIP Wenceslao Fernández Flores e Concepción Arenal. "Instalaranse seis estacións na rúa, polas que pasarán todas as rapazas e rapaces, e nas que poderán deste desenvolver habilidades coa bici, ata descubrir as hortas urbanas o xogos tradicionais e realizar actividades de deseño urbano, de como lles gustaría que fosen esas rúas, que ese día non terán vehículos".

Como na pasada edición, tamén realizarán actividades "para premiar a aquelas persoas que se atopen pola rúa e circulen correctamente", afirma o responsable da área de Mobilidade Sostible, á fin de reforzar positivamente unha conducta viaria "respectuosa co resto da veciñanza". A iniciativa, na que tamén participarán os comercios da zona, celebrarase ata as 19.30 horas.   


I Festival de Monólogos en Movemento

Outra das novidades desta edición da Semana da Mobilidade acontecerá no interior dos autobuses. Coa colaboración coa Compañía de Tranvías, durante as xornadas do luns 19 ao xoves 22, en horario de mañá e de tarde, celebrarase a primeira edición do Festival de Monólogos en Movemento da Coruña, "unha sorte de evento cultural sorpresa para as e os usuarios do servizo de transporte público", expón o concelleiro, "xa que se atoparán, de súpeto, cun espectáculo escénico no seu itinerario habitual". O encontro, que nace con vocación de continuidade, terá lugar en distintas liñas e horarios, sen aviso previo, coa finalidade de sorprender ao público coruñés.

Cinco xornadas de Park(ing) Day

Este ano tamén terá lugar o coñecido como Park(ing) Day, unha acción performativa que ten lugar no espazo público e consiste en ocupar prazas de estacionamento para realizar unha actividade distinta a habitual. Nesta ocasión, celebrarase durante cinco xornadas en tres puntos distintos da cidade "para obter unha maior difusión ao realizar en distintas localizacións", di Grandío. A primeira acción terá lugar na mañá do sábado 17, de 10.00  a 14.00 horas, na que se ocupará un estacionamento situado na rúa Compostela coa praza de Lugo. Contará coa colaboración de Greenpeace e do colectivo Stop Accidentes, que nos cruzamentos peonís da contorna desenvolverá a campaña Móvete con seguridade, na que se distribuirán folletos con recomendacións e brazaletes reflectores.

Este mesmo emprazamento tamén se empregará dos días 19 ao 22 de setembro para artellar durante catro días seguidos actividades, así como outros dous espazos na rúa Ramón y Cajal con Alcalde Marchesi, e na rúa Torre con Campo da Leña. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de toda a xornada, contará coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente.

 

Proxección de Bikes vs Cars

Na xornada do mércores 21, a Concellería de Mobilidade Sostible proxectará de balde o documental Bikes vs Cars, un traballo de Fredik Gertten que sitúa, a través de testemuñas de activistas, a biblicleta como ferramenta para o cambio cara a un modelo de cidade máis sostible. A iniciativa, aberta ao público ata ata completar as localidades, terá lugar ás 20.30 na Domus.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión