12 de abril de 2018
Dende as 07.00 horas do 9 de abril até as 07.00 horas do 12 de abril do 2018
DETIDO POR RESISTENCIA GRAVE A AXENTES DA AUTORIDADE NO EXERCICIO DAS SÚAS FUNCIÓNS
- Ás 07.18 horas do 10 de abril, unha patrulla foi comisionada pola Sala operativa do 092 para que se trasladase á zona do barrio da Sagrada Familia onde un vehículo estacioanara diante dun vao permanente, impedindo a entrada e saída de vehículos do garaxe. Xa no lugar, a dotación comprobou que no asento do piloto deste turismo estaba a durmir un home coa música posta. Esta persoa, que presentaba síntomas evidentes de ter consumido bebidas alcohólicas, manifestou que estivera bebendo alcol toda a noite, polo que a dotación instoulle a que localizase a alguén que puidese retirar o vehículo ao atoparse mal estacionado. Ante a súa negativa, a patrulla informoulle que procederían a denunciar o vehículo e a retiralo co guindastre, pero este comezou entón a poñerse cada vez máis nervioso, e á chegada do guindastre, tentou impedir que a retirada do vehículo, chegando a poñerse diante do vehículo impedindo ao operario realizar as tarefas de retirada. Dado que esta persoa non cesou na súa actitude, a patrulla tentou apartalo físicamente do lugar en varias ocasión e no canto de depoñer a súa actitude, comezou a forcexear cos axentes, até caer ao chan xunto con un dos axentes, que sufriu lesións nas costas. No chan o home chegou mesmo a agarrarse a unha das rodas do vehículo para evitar que o levasen, mentres gritaba e forcexeaba en todo momento. Este home, de 57 anos, foi detido e denunciado de oficio por un delito de resistencia grave a axentes da autoridade, con resultado de lesións a axente da autoridade no exercicio das súas funcións. O vehículo foi denunciado, por estar estacionado nun vao e impedir a entrada/saída doutros vehículos, e retirado ao Depósito municipal.
DENUNCIADOS POR NON OBEDECER OS PRECINTOS DE ZONAS COSTEIRAS/PRAIAS
- Dende ás 13.00 horas do martes 10 de abril acoutouse o acceso aos areais da cidade xunto con outras medidas preventivas e de vixilancia de acordo aos protocolos existentes con motivo da alerta laranxa por temporal no mar, decretada para ás 15.00 horas. Seguindo o protocolo establecido, encomendóuselle a varias dotacións da Policía Local, tanto na quenda de tarde como na da noite, que supervisasen os accesos ás praias. Estas patrullas, na tarde do martes denunciaron a 4 persoas e na noite do martes ao mércores a unha máis por non respectaren os precintos policiais, infrinxindo así os seguintes artigos da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá:
Artigo 36, apartado 6. Infracción grave: A desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa para identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes.
Artigo 37, apartado 15. Infracción leve: A remoción de valos, encintados ou outros elementos fixos ou móbiles colocados polas Forzas e Corpos de Seguridade para delimitar perímetros de seguridade, aínda con carácter preventivo, cando non constitúa infracción grave.
Artigo 39, apartado 1. Sanción: As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 30.001 a 600.000 euros; as graves, con multa de 601 a 30.000 euros, e as leves, con multa de 100 a 600 euros.
CONTROIS PREVENTIVO-DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA
- Ás 09.30 horas do 9 de abril, unha dotación deu o alto a unha furgoneta que chocara contra o bordo da beirarrúa á altura do número 96 da rúa Orillamar. O seu condutor, un home de 44 anos, arroxou uns resultados negativos en alcol e positivos pola presenza de cocaína no organismo, polo que a patrulla tramitoulle dilixencias ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Peugeot Vipper, fíxose cargo un coñecido do condutor, habilitado e en condicións normais para conducir.
- Ás 00.47 horas do 10 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na rúa Comandante Fontanes e o seu condutor foi sometido ás probas de alcolemia. Este home, de 39 anos, arroxou uns resultados positivos de 0,44 mg/l e 0,44 mg/l, polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 500 € e a perda de 4 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.
- Ás 21.30 horas do 10 de abril, unha dotación deu o alto a un turismo na avenida Rubine e o seu condutor, un home de 41 anos, arroxou uns resultados positivos de 0,67 mg/l e 0,67 mg/l, polo que se lle tramitaron dilixencias ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.
- Ás 00.50 horas do 11 de abril, unha patrulla deu o alto a un turismo na avenida Alfonso Molina e someteu ao seu condutor ás probas de alcolemia. Este condutor arroxou uns resultados positivos de 0,49 mg/l e 0,44 mg/l polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 500 € e a perda de 4 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.
- Ás 09.50 horas do 11 de abril, unha dotación deu o alto a un turismo no Paseo Marítimo e o seu condutor, un home de 34 anos, arroxou uns resultados positivos en THC e cocaína nas probas de drogas, polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que poderá supoñerlle unha sanción de 1.000 € e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía fíxose cargo un coñecido do condutor.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible