Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de outubro de 2018

O Concello consolida coa reforma do edificio veciñal do Campanario un espazo “vital para garantir a dinamización e a dignidade” desta área da cidade

Silvia Cameán e Xiao Varela visitaron esta semana as obras de rehabilitación integral do inmoble e incidiron na aposta do Goberno local por unha xusta redistribución dos recursos municipais, especialmente nas áreas da cidade que acumulan máis débedas históricas

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a edil de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, comprobaron esta semana o bo desenvolvemento das obras de reforma integral que o Concello acomete dende o pasado mes de xullo no edificio da asociación de veciños do Campanario, unha actuación que busca mellorar tanto a funcionalidade dos diferentes espazos do edificio como as súas condicións de accesibilidade e habitabilidade. "O edificio é centro importante da vida comunitaria dun área da cidade que foi sistematicamente esquecida e apartada das políticas públicas postas en marcha polos anteriores gobernos locais. A mellora das súas condicións é vital para garantir a dinamización e tamén a dignidade desta parte da cidade", defendeu Cameán, quen lembrou que este edificio, que data de 1968, alberga actividades que teñen grande acollida no Campanario como, por exemplo, o espazo de compensación socioeducativa extraescolar que leva a cabo a Concellería de Xustiza Social no Portiño.

A actuación, que ten un período de execución de nove meses e un investimento de 307.778,48 euros, "vén a solventar unha vella demanda da veciñanza que reclamaba o acondicionamento do edificio", como apuntou Varela. As obras consisten na distribución de novas estancias máis funcionais no interior do edificio --que se converterán en aulas, despachos, salas de usos múltiples, aseos e almacéns--, a instalación de saneamento, fontanería, calefacción, ventilación, electricidade, telecomunicacións, a realización dunha nova cuberta, a mellora da envolvente térmica do inmoble e a eliminación de humidades, así como a adaptación de todos os elementos para garantir o acceso a persoas de mobilidade reducida.

"O Goberno local reafirma con este investimento a súa aposta por unha xusta redistribución dos recursos municipais entre todas as áreas da cidade, poñendo especial atención ás que acumulan décadas de déficit de investimento e accións, sobre todo no ámbito social", indicou Cameán. Así, explicou que esta actuación complétase con outras iniciativas postas en marcha polo Goberno local dende comezos de mandato "tanto de carácter social, con especial reforzo na inclusión, como de cursos de formación e accións ambientais".  Tal e como exemplificou Cameán, a Concellería de Xustiza Social mantén un espazo de compensación socioeducativa no Portiño, dentro das accións do programa para a inclusión social de familias en situación de vulnerabilidade, no que se realizan actividades de reforzo escolar e tamén de hábitos saudables e preventivos para os nenos e nenas tanto no curso escolar como no período de vacacións estivais. O proxecto, no que dende o mes de xullo ata comezos de setembro participaron unha media de 27 menores entre os 5 e os 14 anos, manterase mentres duren as obras no centro cívico de San Pedro de Visma.

Esta área do Goberno local traballa tamén, en coordinación con Rexeneración Urbana,  no fomento do acceso da poboación a unha vivenda e a unha contorna dignas, a través do recoñecemento de uso das vivendas, en tanto non se regularice a situación, para recoñecer a condición de residentes e facilitar a estas familias a concesión de axudas sociais autonómicas como a Risga. Ademais, a Concellería de Medio Ambiente leva a cabo proxectos relacionados coa limpeza das fincas para a prevención de incendios e tamén coa retirada de residuos dentro do marco do Proxecto Integral de Xestión de Residuos nos asentamentos precarios, onde se recolleron 14 toneladas de residuos entre 2015 e 2016 coa participación da veciñanza da zona, na que tamén se procedeu á renovación de contedores e se incorporou ao servizo de limpeza viaria.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión