Concello da Coruña

Concello da Coruña

Actualidade do plan

Cando:

27 de xuño de 2018

O Concello iniciará este luns as obras do carril bici metropolitano que, cun orzamento de 915.000 euros, unirá o centro da cidade coa Pasaxe a través dunha rede segura e accesible

O titular de Mobilidade, Daniel Díaz Grandío, manifestou que esta actuación, que derivará na construción de cinco novos quilómetros de senda para bicicletas, “non se realizará a costa do espazo para o tránsito peonil”

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, anunciou esta mañá que o vindeiro luns comezarán as obras de construción do carril bici metropolitano, logo de que, durante as últimas semanas se abordasen actuacións previas necesarias para acometer este proxecto que conectará A Mariña, desde o Teatro Colón, coa Pasaxe mediante unha rede ciclable especialmente segura e accesible e que non restará espazo ao tránsito peonil. Este tramo, duns cinco quilómetros, articulará un percorrido que discorrerá dende a avenida da Mariña á delegación do goberno (pasando polo Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da delegación de goberno ao parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerán pola praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do parque de San Diego) e San Diego a Ponte Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e AC-12 até a Pasaxe). "Esta actuación, unida ao resto de tramos previstos derivará nunha rede ciclables en toda a cidade que medrará en 8 quilómetros, accesible, segura para os e as ciclistas e que non restará espazo aos peóns", resumiu.

Segundo explicou Díaz Grandío, no marco dun almorzo informativo coa prensa, está previsto que as obras deste novo trazado comecen a abordarse o luns á altura da praza de Mina. "A construción do carril bici traerá aparelladas nesta zona melloras visibles no tránsito peonil e nas isletas existentes. Dende aí, o carril continuará até a praza de Ourense, con carrís nos dous sentidos de circulación", explicou o edil, quen explicou que a actuación pola súa entidade se irá abordando en distintos tramos. "Nunhas semanas, por exemplo, tamén se abordará as obras de pintado e sinalización vertical e horizontal entre praza de Mina e Teatro Colón, á vez que, de xeito paralelo, comezará a implantación do carril bici no outro extremo do trazado, á beira da Pasaxe", manifestou. "Este carril bici metropolitano é especialmente importante xa que dá un novo sentido na cidade ao desprazamento en bicicleta, que xa non será entendido meramente como unha infraestrutura de ocio. Agora habilitamos un espazo que dá verdadeira alternativa ao uso do vehículo para os desprazamentos xa que, por poñer un exemplo, pasa polos distintos centros hospitalarios coma o Materno, o CHUAC e o das Xubias", apuntou.

O titular de Mobilidade comentou que a maioría deste percorrido metropolitano farase gañando espazo aos vehículos e habilitando un espazo para a bicicleta completamente seguro e diferenciado do dos turismos. Non obstante, indicou que, polas propias características da vía, existirán dous pequenos tramos de convivencia entre bicicletas e vehículos. "O primeiro será entre a praza de Mina e o Teatro Colón. Un tramo sinalizado tanto horizontal como verticalmente e onde, ao existir carril compartido, a velocidade se limitará a 30 quilómetros por hora. O segundo tramo compartido estará na zona das Xubias, á altura do hospital de Oza, un tramo que, ademais de ter a sombra que ofrecen as árbores da contorna, ten escasa densidade de tráfico", explicou.

O concelleiro salientou ademais que "outro dos puntos fortes deste carril metropolitano é a conexión con itinerarios peonís e ciclables metropolitanos, como a senda do paseo do Burgo que ademais conecta co carril bici que chega até o encoro de Cecebre".

Outros tramos de carril bici

Por outro lado, Díaz Grandío aludiu as outras intervencións en materia de carril bici acometidas polo goberno local e que crearán unha rede accesible en toda a cidade. Así, o concelleiro recordou a actuación xa rematada en Pablo Picasso, que, cun orzamento de 200.000 euros,  derivou na creación de 300 novos metros de carril bici que conectaron o carril bici universitario coa zona de Salgado Torres, onde tamén se acomete outro proxecto de carril bici que rematará de forma inminente. De feito, este tramo garantirá a conexión con Catro Camiños. "Os traballos que están xa a piques de rematar se desenvolven no túnel entre Ramón y Cajal e a glorieta de Xeral Rubín. A actuación que acometemos, cun orzamento de 315.000 euros, comprende a execución de itinerarios específicos peonís e ciclistas, de forma que o túnel teña carril bici en ambos sentidos, ademais de novas beirarrúas e unha modernización da rede semafórica e de pluviais", comentou o concelleiro, que recordou que esta obra se compatibilizou, ademais, coa renovación e mellora da eficiencia do alumeado no túnel.

Por outro lado, e no que atinxe a intervencións xa rematadas, o concelleiro recordou que hai uns meses se procedeu a mellora da sinalización no carril bici do Paseo Marítimo, en base a unha proposta cidadá que foi aceptada para a súa execución dentro do programa de Orzamentos Participativos.

Ao fío, tamén lembrou que, durante as actuacións de repavimentación que se están a acometer desde o pasado 4 de xuño na rolda de Outeiro, no tramo entre a rúa Mercede e a avenida do Ferrocarril, o goberno local está a executar un novo treito de rede ciclable. En total, serán 475 metros de carril bici que se situarán entre a avenida Pérez Ardá e a rúa Mercede, que contarán con sinalización horizontal. No sentido de subida, e de cara a garantir a seguridade e confortabilidade das persoas usuarias da bicicleta, a vía contará cun carril segregado do tráfico, mentres que no sentido de baixada, o carril contará con sinalización específica e será compartido coa circulación rodada.

Por último, Díaz Grandío indicou a inminencia do inicio dun último tramo de carril bici na cidade nesta fase: o que unirá A Palloza e Matogrande, cuxas obras foron xa adxudicadas pola xunta de goberno local. "É un proxecto moi importante xa que unirá o carril bici metropolitano e o que procede de Salgado Torres, co Elviña, Monelos e Matogrande", explicou, para engadir que "este tramo ten un prazo de execución maior que o metropolitano, de 9 meses, xa que comporta bastantes actuacións de obra civil, o que conlevará, ademais, unha mellora dos cruzamentos e dotará de maior seguridade á mobilidade peonil na zona".

Cun orzamento de algo máis de 300.000 euros e un itinerario de 2,11 quilómetros, o carril bici entre A Palloza e Matogrande transcorrerá dende A Casa do Mar até Matogrande, pasando por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga. O tramo caracterizarase pola segregación dos carrís --separando deste modo as bicicletas do tráfico rodado de vehículos e respectando as beirarrúas para peóns--, a seguridade para as e os usuarios --tanto ciclistas coma peóns-- e a súa execución sobre a calzada. Cada carril será de circulación unidireccional e aproveitará os dous sentidos da calzada.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión