20 de marzo de 2024
O Goberno de Inés Rey ten previsto apoiar á Comunidade de Propietarios do polígono para acometer as obras de mellora na rede de saneamento, sufragando a metade dos custos asociados a esta intervención
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou inicialmente a addenda ao convenio de execución urbanística para a regularización do viario, instalacións e servizos do polígono de Pocomaco.
Cómpre lembrar que no Pleno municipal de febreiro aprobouse, tamén de forma inicial, o convenio en si, "para solventar unha situación anómala existente desde hai máis de medio século en Pocomaco, un polígono de titularidade privada", lembrou a rexedora. Xa hoxe, e co obxectivo de que a Comunidade de Propietarios de Pocomaco poida levar á súa asemblea xeral este convenio, engadiuse esta addenda que determina os compromisos e achegas de ambas as dúas partes para acometer o plan de melloras urbanísticas que necesita o polígono para que, a continuación, o Concello asuma o coidado e mantemento dos espazos que pasen a ser de uso público.
Na addenda estipúlase un prazo de catro anos para que a Comunidade de Propietarios de Pocomaco execute obras para mellorar os accesos peonís e tamén na rede de iluminación do polígono, o que suporá un investimento de 1,6 millóns de euros para a Comunidade de Propietarios.
A isto engádese outra intervención, que poderá desenvolverse ao longo do prazo de duración do convenio, para regularizar o sistema de reixas salvacunetas e introducir técnicas de drenaxe sostibles, mellorando así a rede de saneamento para a recollida de augas residuais e pluviais. O importe desta actuación, 1,9 millóns, tamén deberá ser sufragado pola Comunidade de Propietarios, "mais o Concello ten previsto apoiar economicamente esta actuación, financiando ao 50% os custos de adaptación deste novo sistema, entre os exercicios 2026 e 2027, para favorecer a modernización das infraestruturas do polígono", indicou Inés Rey. A aportación municipal rondará o millón de euros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible