Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de decembro de 2023

O Goberno de Inés Rey ten previsto devolverlle a San Andrés a mesma especie de moreira que había antano, a Morus alba, e levar a cabo traballos de conservación no Cercis siliquastrum de Santa Catalina

O Concello adxudica as obras de reurbanización de San Andrés, que recuperará a súa paisaxe orixinal do século XVIII, con máis de 80 novas árbores

A rúa pasará a estar disposta en formato de plataforma única: haberá un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, e disporanse barreiras vexetais para separar a calzada e as beirarrúas

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe a adxudicación das obras de reurbanización de San Andrés, unha intervención que se executará de forma conxunta pola UTE integrada polas empresas Abeconsa e Canarga, que terán un prazo de 12 meses para completar o plan de traballos unha vez que se poñan en marcha. O Concello ten previsto un investimento de 3,2 millóns de euros.

"Tal e como apuntamos cando fixemos balance dos primeiros 100 días de mandato, a adxudicación das obras en San Andrés era un dos compromisos asumidos polo Goberno municipal antes de rematar o ano. Hoxe démoslle cumprimento na sesión ordinaria de Xunta de Goberno Local, cumprindo así os prazos previstos", sinalou esta mañá a rexedora.

Os traballos en San Andrés, unha vez se inicien, levaranse a cabo desde o cruzamento con Juana de Vega e ata a confluencia coa rúa Pórtico de San Andrés. "Nos vindeiros días formalizarase o contrato coa empresa para poder comezar coas obras a principios do ano que vén", engadiu Inés Rey, que recordou que durante o Nadal non comezarán os traballos para evitar molestias nunhas semanas cunha elevada afluencia de persoas e moita actividade comercial.

A rúa de San Andrés pasará a estar disposta nun formato de plataforma única. Haberá un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro disporanse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén se ampliarán e renovarán, con novas lousas de granito.

A alcaldesa incidiu especialmente na "necesaria naturalización de San Andrés", que, a finais do século XVIII, tivo o que foi o primeiro bulevar da cidade, con moreiras procedentes de Valdeorras. "Aquela imaxe foise perdendo, co incremento do tráfico motorizado e a redución dos percorridos peonís. O noso obxectivo é volver ás orixes. Aquela postal do bulevar do século XVIII é a que impulsa esta reconversión promovida polo Concello. Queremos recuperar San Andrés adaptándoo á realidade actual do rueiro da Coruña, na que as persoas e a natureza son as prioridades", concretou Rey.

Por iso, entre as iniciativas medioambientais a executar no contexto das obras, o Concello ten previsto devolverlle a San Andrés a mesma especie de moreira que había antano, a Morus alba. Plantaranse máis de 80 nas barreiras vexetais que se disporán, a un lado e ao outro, entre a calzada e as beirarrúas.

A este respecto, o Goberno de Inés Rey tamén acometerá traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum -coñecido comunmente como a árbore do amor- situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina. Ao seu arredor establecerase un perímetro de protección, que incluirá unha nova área de lecer para a cidadanía, cun banco en formato circular.

Novo mobiliario urbano, e melloras nas redes de saneamento e iluminación

Tamén se habilitará, como xa é habitual nas actuacións promovidas polo Goberno de Inés Rey, novo mobiliario urbano. "A maiores, instalaranse marquesiñas en todas as paradas do autobús urbano, onde tamén se acometerán as melloras necesarias para reforzar a súa accesibilidade a todas as persoas usuarias", explicou a alcaldesa.

En paralelo, tamén se gañarán espazos para as zonas de carga e descarga. Disporanse dúas, de 21 e 30 metros de lonxitude: a primeira, entre os números 144 e 150, a segunda, na intersección coa rúa Nova. Sumarase, ademais, unha nova praza de estacionamento de vehículos para persoas con mobilidade reducida (PMR). Desta forma, pasarán a ser dúas neste treito de San Andrés.

Con todo isto, continuou a rexedora, "tamén se sumarán as melloras pertinentes na rede de saneamento, coa modernización dos materiais dos colectores, para reforzar a súa seguridade ante hipotéticas fugas. Tamén se renovará a iluminación pública, con novos dispositivos led".

A rehabilitación do treito entre as rúas Pórtico de San Andrés e Torreiro

As obras de reurbanización en San Andrés contemplan unha actuación complementaria no treito comprendido entre as rúas Pórtico e Torreiro, un enclave onde é habitual o tráfico rodado correspondente ao transporte público e vehículos de carga. Este treito seguirá a mesma estética da futura rúa San Andrés, cun pavimento feito a base de formigón desactivado.

Esta intervención tamén se estenderá ao treito da rúa Sol que chega ata a rúa Socorro, adentrándose xa no Orzán.

A previsión do servizo municipal de Infraestruturas é que estas dúas actuacións específicas se leven a cabo durante o ano 2024, en paralelo ás obras de reurbanización de San Andrés. Suporán un investimento aproximado de 217.000 euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión