Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2024

O Goberno de Inés Rey aproba o proxecto de demolición dun esqueleto urbanístico no barrio do Martinete

Ademais, a alcaldesa lembrou esta mañá que nas vindeiras semanas comezarán as obras correspondentes á primeira fase de reurbanización da rúa Manuel Ferrol

Este mércores 7 de febreiro aprobouse en Xunta de Goberno Local o proxecto de demolición do esqueleto urbanístico existente no barrio do Martinete, un inmoble abandonado situado entre as rúas Mozart e Luís Peña Novo, que comezou a construirse nos anos da crise financieira do 2007-2008.

A propiedade nunca chegou a completar as obras de construción das vivendas, polo que o edificio ficou sen rematar e, polo paso do tempo e a súa conseguinte deterioración, a licencia caducou e as obras declaráronse ilegalizables trala entrada en vigor do novo planeamento no ano 2013. "O esqueleto en cuestión ocupa un soar cunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados, e co paso dos anos foi convertíndose nun foco de insalubridade e maleza, entrañando tamén un risco para a seguridade das persoas pola súa progresiva deterioración ante a inacción da propiedade, que fixo caso omiso das súas obrigas", expuxo a alcaldesa, Inés Rey.

A este respecto, os requerimentos emitidos de forma reiterada polo Concello non bastaron para que a propiedade asumise a súa responsabilidade para co inmoble, polo que o Goberno municipal, tras avaliar o estado do edificio, optou por recorrer á vía da execución subsidiaria de cara á súa derruba total.

O plan de traballos suporá, en primeira instancia, o desmonte do valado perimetral do predio. A continuación, levarase a cabo o rozado e limpeza do terreo nas zonas próximas á edificación. Xa de forma previa á demolición, está previsto drenar os sotos do inmoble, que se atopan parcialmente inundados. Despois, iniciarase a derruba en si, de forma combinada e usando única e exclusivamente maquinaria. Finalmente, levaranse a cabo tarefas de recheo no terreo, para que quede nivelado á mesma altura que a contorna.

O seguinte paso, unha vez que se aprobe este mércores o proxecto, será licitar as obras para a súa demolición, que terán un prazo de execución de catro meses a contabilizar desde a adxudicación dos traballos.

"Seguimos, pois, dando os pasos administrativos que marca a lei, co obxectivo de dar solución a unha demanda da veciñanza do Martinete, que consideramos xusta e necesaria", indicou a alcaldesa.

A primeira fase de reurbanización da rúa Manuel Ferrol

A rexedora lembrou, ademais, que nas vindeiras semanas comezarán os traballos correspondentes á primeira fase de reurbanización da rúa Manuel Ferrol, tamén no Martinete, unha actuación que forma parte das solicitudes das veciñas e veciños do barrio.

Está previsto acometer a mellora de beirarrúas, plantar novas árbores, elevar os pasos de peóns co obxectivo de pacificar o tráfico rodado e, ademais, tamén se reacondicionará a parada de autobús para facela máis accesible.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión