Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Vivenda e rehabilitación

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

26 de decembro de 2019

Consulta previa ao inicio do procedemento de aprobación dunha nova Ordenanza municipal reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas (OMACREV).

De acordo co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co obxectivo de mellorar a participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas, ábrese o prazo para participar na consulta previa ao inicio do procedemento de aprobación dunha nova Ordenanza municipal reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas, en substitución da regulación dada na actualidade ás axudas á rehabilitación recollidas no título VI da Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles.

Para tal efecto lévase a cabo unha consulta pública, a través do portal web do Concello da Coruña, coa finalidade de recoller a opinión da cidadanía, organizacións e asociacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma sobre:

1. Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

O Concello da Coruña conta dende o ano 2006 cunha Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles na que regula as súas axudas á rehabilitación de inmobles tanto mediante convocatorias realizadas con cargo a recursos propios, como dentro das actuacións para a rehabilitación e renovación de áreas urbanas promovidas polos sucesivos plans estatais de vivenda, coa finalidade de promover a conservación e rehabilitación da cidade.

As sucesivas modificacións realizadas no documento dende entón, nos anos 2007, 2008, 2009, 2011, 2016 e 2018, teñen producido unha certa disfunción no seu articulado, que conduce á dificultade da súa interpretación pola cidadanía e da tramitación das solicitudes de axuda por esta Administración, fundamentalmente no referente á análise e validación da documentación que se achega coas solicitudes, o cumprimento das condicións esixidas ás persoas solicitantes e aos inmobles, e a determinación das contías das axudas.

Deste xeito, a dificultade na tramitación das ultimas convocatorias realizadas nos anos 2017 e 2018 están a amosar claramente as debilidades da actual ordenanza para facilitar procedementos áxiles para a concesión das axudas, e a comprobación do executado e os seus importes.

2. A necesidade e oportunidade da súa aprobación

A ordenación actual das subvencións á conservación e rehabilitación de edificios de vivendas non acada tampouco a desexable eficacia cara á implementación dos obxectivos de desenvolvemento sostibles adoptados pola ONU no ano 2015 nas políticas estratéxicas deste concello, e en particular o ODS 11, referido á necesidade de acadar cidades e comunidades sostibles, e co que se aliñan tanto a Nova Axenda Urbana das Naciones Unidas (Quito, 2016) como a Axenda Urbana para a Unión Europea (Ámsterdam, 2016), instrumentos que deben guiar as actuais políticas de intervención sobre a cidade, co fin de acadar cidades máis compactas e inclusivas, a través da mellora das súas condicións de eficiencia enerxética, mobilidade, accesibilidade, integración da diversidade e preservación do seu patrimonio cultural.

3. Os obxectivos da norma

Considérase axeitado acometer unha revisión profunda da ordenanza que permita simplificar o procedemento da concesión de axudas e o control económico das obras obxecto delas, e unha determinación e cuantificación máis polo miúdo dos seus obxectivos:

1º Simplificación do procedemento

A simplificación do procedemento debe pasar tanto por unha mellor ordenación da documentación que hai que presentar, tanto no momento da solicitude como o da posterior xustificación do executado, como pola integración co procedemento de obtención do título urbanístico habilitante para a execución das obras (licenza ou comunicación previa, segundo proceda), e a supresión de trámites intermedios que non resulten imprescindibles.

2º Mellora na definición e obxectivos das obras subvencionables

A nova norma proporá unha nova estruturación das actuacións que poidan ser obxecto de axudas, definindo para cada unha delas os requisitos ou obxectivos mínimos que estas deberán acadar nos eidos da mellora da súa eficiencia enerxética, das súas condicións de accesibilidade, habitabilidade e sustentabilidade, a conservación dos inmobles e, en especial, dos seus elementos obxecto de protección, co obxecto de facilitar unha posterior cuantificación mediante indicadores, dos resultados obtidos en cada un deles tras a implementación da nova ordenanza.

3º Mellora na determinación das contías das axudas

As contías das axudas deberán establecerse en relación directa con cada un dos tipos de actuación subvencionables (o que non acontecía na ordenanza anterior), e os seus importes deberán revisarse tendendo a homoxeneizarse segundo os tipos de obras e os niveis de protección dos inmobles, independentemente da súa localización.

4º Mellora na definición técnica e orzamentaria das actuacións

É necesaria unha mellor armazón entre a documentación técnica que defina inicialmente as actuacións para as que se solicite unha axuda, os orzamentos que acheguen os promotores facilitados polos posibles contratistas, e a documentación técnica xustificativa das obras realmente executadas, de xeito que permitan establecer unha relación directa e inequívoca entre as obras ás que se refira cada documento e eviten discrepancias posteriores sobre a procedencia de outorgar definitivamente as axudas.

4. As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias

A realización de convocatorias públicas para a concesión de axudas á conservación e rehabilitación de edificios de vivendas, conforme aos criterios establecidos nun regulamento, é o mellor xeito de lles garantir a igualdade de oportunidades ao conxunto de persoas e colectivos potencialmente afectados pola futura norma.

De xeito, non existen posibles solucións alternativas que permitan garantir as ditas condicións de igualdade fóra dun marco regulatorio.

En consecuencia, a cidadanía, organizacións e asociacións que así o consideren, poden remitir as súas opinións sobre os aspectos propostos neste documento ata o día 21 de xaneiro de 2020, a través do seguinte correo electrónico: rehabilitacionvivenda@coruna.es

Novas

Consulta do rexistro de ITE

  • Logo pé
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?