Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de agosto de 2016

A Concellería de Xustiza Social aumentará os servizos municipais de axuda a domicilio cun novo programa, por importe dun millón de euros, que ofertará 60.000 horas de atención

A Xunta de Goberno local dará o visto e prace este venres á tramitación anticipada do expediente de contratación deste novo servizo, que tamén buscará “garantir a calidade no emprego e fomentar a inserción laboral de persoas con dificultades particulares”

A Concellería de Xustiza Social e Coidados ten previsto poñer en marcha un novo servizo de axuda a domicilio (SAD IV) composto por 60.000 novas horas de atención. O citado programa terá carácter bianual, e cada exercicio contará cun orzamento máximo dun millón de euros. A intención da Xunta de Goberno local é dar este venres o visto e prace á tramitación anticipada do expediente para a contratación deste servizo público de axuda a domicilio mediante a modalidade de concerto para así, posteriormente, sacar a concurso o novo paquete de horas de coidados. A titular deste departamento do Goberno local, Silvia Cameán, destacou hoxe que se trata dunha "moi boa e esperada noticia", xa que o número de horas ofertadas dende o Concello para atender, no seus propios fogares, a persoas en situación de dependencia, aumenta un 23%. Ademais, Cameán destaca que á hora de sacar a concurso esta nova bolsa de horas primarase que a empresa adxudicataria fomente "tanto a calidade do emprego como a inserción no mercado laboral de persoas que presenten dificultades particulares", como é o caso de persoas desempregadas de longa duración.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados salientou o papel da Xunta de Galicia, como institución que se encarga de distribuír as bolsas de horas para atender a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade recoñecida a través do Sistema de Autonomía e Atención á Depedencia de Galicia (SAAD), que logo son xestionadas polos concellos. "Saudamos o feito de que tivese en conta as necesidades dos e das veciñas da cidade en situación de dependencia e nos ofrecese esta nova bolsa de horas, que decidimos tramitar de forma anticipada mediante un novo concerto. Non obstante, lamentamos que houbera que esperar á cercanía das eleccións autonómicas para que se apliquen medidas tan necesarias", comentou Cameán, quen recordou o fondo compromiso do Concello, e da súa área de Goberno, con estes servizos en particular, o que levou ao seu departamento a sancionar a unha das actuais adxudicatarias debido ás queixas que estaba a recibir por parte das persoas usuarias. "Garantir unha adecuada cobertura para as persoas en situación de vulnerabilidade é un dos motores do nosa acción de Goberno. Por iso xa en setembro do pasado ano, tan só tres meses despois de chegar á María Pita, demandamos un incremento nas horas do SAD. Nese momento a petición foi rexeitada, polo que nos aledamos inmensamente de que, finalmente, sexa polo motivo que fose, a Xunta se aviñese a ter en conta á situación dos e das dependentes desta cidade, onde segue a crecer o número de demandantes deste servizo", comentou, que aproveitou para reclamar tanto á Administración autonómica como ao actual Goberno central en funcións "que revertan todos os recortes que efectuaron na atención á dependencia".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión