18 de octubre de 2018
O edil de Rexeneración Urbana explicou que o terreo municipal está cualificado como dotacional e de continxencia polo que non é preciso que o Pleno aprobe un cambio de uso
A Xunta de Goberno Local autorizará mañá a sinatura dun convenio entre o Concello e a Consellería de Política Social polo que a cidade cederá gratuitamente unha parcela de uso dotacional en Eirís para a construción dunha residencia para persoas maiores. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou esta mañá os termos do acordo, que consiste na cesión por parte do Concello, de maneira gratuíta e sen cargas fiscais, dun terreo de 8.026 metros cadrados situado no parque Eirís-Tras do Hospital. Nela, a Xunta de Galicia comprométese a levantar unha residencia de maiores cunha capacidade de 150 persoas. "Levamos traballando varios meses en conversacións técnicas coa Xunta de Galicia para consensuar a localización e as condicións do convenio. Mañá, a Xunta de Goberno Local habilitará ao alcalde para asinalo e ceder a parcela para que a Xunta poida dar os pasos que son da súa responsabilidade, como a execución do proxecto e a construción da residencia, que agardamos que sexa áxil", explicou Varela.
O terreo que aporta o Concello é unha parcela plana e de cota elevada e poucas construcións ao seu redor, polo que conta con vistas sobre a ría, un nivel de soleamento óptimo e boa conexión coa rede viaria. Ademais, está situada moi preto do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O concelleiro informou de que a parcela está clasificada como dotacional e de continxencia, "o cal permitiría non ter que pasar polo Pleno para cambiar o uso". "Si será preciso que a Xunta faga un estudo de detalle previo á construción porque é o que marca o planeamento para equipamentos, pero que non limita a volumetría e a edificabilidade", aclarou.
O convenio estipula que as instalacións que se ergan sobre este terreo deben manter sempre a finalidade de uso, é dicir, como residencia para persoas maiores, xa que de non ser así, a parcela será revertida ao Concello, así como calquera construción que se atope alí. O acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa sinatura e terá unha duración máxima de catro anos, pero contempla un prazo de prórroga por un período similar ou inferior. A resolución do mesmo só poderá darse en caso de acordo das dúas partes, do transcurso do prazo sen ter activo o tempo de prórroga ou debido ao incumprimento das obrigas dalgunha das partes. O seguimento do cumprimento do convenio farase a través dunha comisión mixta e paritaria, formada por dous representantes do Concello e dous da consellería.
15 de mayo de 2024
12 de mayo de 2024
10 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible