26 de abril de 2024
O Goberno de Inés Rey inviste case 600.000 euros nesta intervención, que levará aparellada a renovación do pavimento no carril bici de Salvador de Madariaga, que pasará a estar diferenciado en cor vermella
O plan de melloras levarase a cabo desde a rotonda de Camilo José Cela con Matogrande ata a rúa Caballeros, pasando pola avenida Salvador de Madariaga. A previsión é que as obras rematen a mediados de maio
O Concello da Coruña inicia este domingo 28 os traballos para renovar o firme da calzada nun treito de quilómetro e medio entre os barrios de Matogrande, Elviña e Catro Camiños, unha intervención que se levará a cabo nunha superficie de case 19.000 metros cadrados entre a rotonda de Camilo José Cela con Matogrande, a avenida Salvador de Madariaga e a rúa Caballeros.
O plan de obra, estruturado en tres fases, executarase en horario nocturno (23.30 a 06.00 horas), co obxectivo de facilitar o tránsito do tráfico rodado nas súas horas de máis actividade, durante o día. Neste sentido, na primeira fase (ata o día 2 de maio) acometeranse tarefas de fresado profundo na rúa Caballeros, desde o seu cruzamento con Montevideo, na rotonda coa avenida de Monelos e tamén en Salvador de Madariaga, exceptuando a rotonda de Matogrande.
Na segunda quenda de traballos, que se acometerá entre os días 5 e 9 de maio, incidirase xa no estendido da capa de rodadura en puntos como a avenida Salvador de Madariaga, onde a actuación será progresiva, por treitos, ata chegar á glorieta que conecta con Matogrande e a rolda Camilo José Cela, onde tamén se levarán a cabo melloras no firme tanto en sentido de baixada como de subida, ata a altura do cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes.
"É unha medida necesaria coa que daremos solución a unha demanda da veciñanza e das persoas que pasan habitualmente cos seus vehículos por este percorrido. Aproveitaremos os traballos para sanear o firme desde a súa base, e tamén para adaptar a calzada de tal forma que facilite a evacuación de augas pluviais cara a rede de sumidoiros nos laterais", indicou a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa.
Cómpre lembrar que os pasos alternativos para a circulación de vehículos sinalizaranse durante as diversas fases de intervención, que suporá cortes e restricións parciais do tráfico rodado, por sectores. A estimación do Concello é que os traballos poderán rematar, aproximadamente, a mediados de maio, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o seu desenvolvemento.
O investimento previsto polo Concello é de case 600.000 euros.
O carril bici da avenida Salvador de Madariaga, diferenciado en cor vermella
O plan de melloras entre Matogrande, Elviña e Catro Camiños levará aparellada unha actuación complementaria: a disposición dun novo pavimento, en cor vermella, que permitirá diferenciar os percorridos específicos do carril bici da avenida Salvador de Madariaga, desde o cruzamento coa rolda Camilo José Cela ata a avenida de Monelos.
Estes traballos executaranse, de forma específica, entre os días 12 e 15 de maio, tamén en horario nocturno (23.30 a 06.00 horas).
Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan para mellorar a mobilidade interior da cidade, homexeneizando a estética dos percorridos e itinerarios ciclistas nos barrios e facilitando así a súa distinción con respecto aos espazos peonís e os carrís de tránsito para os automóbiles.
21 de mayo de 2024
20 de mayo de 2024
10 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible