Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de novembro de 2017

O alcalde destacou que, “co obxectivo de abrir o debate á cidadanía, realizaranse oito encontros presenciais coa veciñanza coruñesa e coa de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada”

A Coruña desenvolverá até final de ano, xunto a sete concellos máis da contorna, un proceso participativo "para implicar á cidadanía na constitución da Área Metropolitana"

O proceso participativo completarase, ademais, con mesas temáticas de traballo sobre economía, ciclo da auga, tratamento de residuos e mobilidade, así como coa realización dunha consulta pública a través da web municipal que se realizará entre o 20 de novembro e o 20 de decembro e a posibilidade de adherirse á carta de apoio ao proxecto

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá as liñas xerais do proceso participativo que a cidade desenvolverá até final de ano, xunto con sete concellos máis da contorna, e que ten como obxectivo "implicar de xeito directo á cidadanía na constitución dunha verdadeira Área Metropolitana". Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola concelleira de Participación, Claudia Delso, o responsable municipal explicou que tanto no concello coruñés como nos municipios de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, levaranse a cabo unha serie de encontros e accións encamiñadas a xerar "un consenso social, ademais do institucional". "A constitución da Área Metropolitana é un reto ao que nos enfrontamos, e para afrontalo é necesario abrir debates no espazo público coas persoas, en todos os concellos que a conforman", comentou. O rexedor incidiu na importancia de sacar adiante esta lei específica, que debe ser referendada no Parlamento galego. "Nove corporacións municipais da contorna da Coruña acordaron impulsar, dun xeito ou doutro, por maioría simple ou por maioría absoluta, a constitución da Área Metropolitana da Coruña. Concellos de todas as cores políticas e corporacións plurais todas elas. No ámbito institucional, hai un amplo consenso: o futuro do motor económico de Galicia pasa por unha Área Metropolitana coas competencias esenciais", indicou. "As institucións non sempre son doadas de entender. Son determinantes para a nosa vida, pero ás veces non as entendemos, nin sabemos como podemos influír nas súas decisións. É por iso polo que lanzamos, de común acordo co resto dos alcaldes e alcaldesa da área, este proceso participativo e de divulgación. Temos que achegar o proxecto da Área Metropolitana á xente, e a xente ao proxecto da Área Metropolitana", explicou.

A concelleira Delso comentou que este proceso participativo de ámbito metropolitano sostense sobre catro formatos distintos de actuación: encontros presenciais, mesas temáticas de traballo, posibilidade de adhesión á carta de apoio ao proxecto e consulta pública á cidadanía a través dun proceso electrónico habilitado no sitio específico da web municipal destinado a albergar información sobre a estratexia metropolitana. "Con este proceso queremos chegar ao maior número posible de persoas, xa que a poboación que conforma á Área Metropolitana é diversa. Por iso é polo que habilitamos distintos formatos de actuación coa intención de que calquera persoa poida participar, de forma distinta e con distinta intensidade", observou.

Co obxectivo de abrir o debate, unha das actuacións que conforma este proceso participativo de índole metropolitana implica a realización de oito encontros presenciais en cada un dos concellos integrantes. Os mesmos realizaranse entre o 15 e o 30 de novembro. "O noso obxectivo é que tanto os alcaldes como a alcaldesa destes 8 municipios presenten á poboación o proxecto metropolitano e o abran á participación, incorporando as voces da veciñanza", indicou a responsable municipal, que apuntou que estas xuntanzas "buscan promover o debate entre a cidadanía". O primeiro dos encontros previstos terá lugar este mércores, 15 de novembro, no Salón de Plenos do Concello de Sada, mentres que o 16 tocaralle a Bergondo, no lugar da Senra. O 20 de novembro será a quenda de Cambre, cunha xuntanza no centro sociocultural do Graxal, mentres que o 22 de novembro a cita será no Concello da Coruña. O día 23 o debate producirase na Fábrica de Perillo, no Concello de Oleiros, mentres que o 27 de novembro o debate desprazarase a Culleredo, o 29 a Abegondo e o 30 a Betanzos.

Por outro lado, as entidades sectoriais presentes na Área Metropolitana terán espazos participativos específicos a través de mesas temáticas de traballo que tamén estarán abertas, no obstante, ao conxunto da cidadanía. O próximo día 24 de novembro, Culleredo acollerá a mesa de Economía, Emprego e Turismo, mentres que Cambre terá a mesa integral sobre ciclo da auga e políticas ambientais o día 28. O 1 de decembro, Abegondo acollerá a mesa de xestión de tratamento de residuos, mentres que a de mobilidade e ordenamento do territorio terá lugar en Oleiros o 5 de decembro.

A terceira das formas de participación habilitadas consiste na adhesión á carta de apoio ao proxecto metropolitano, que posibilita que persoas, entidades e organizacións "poidan amosar o seu apoio ao proxecto dotándoo do consenso social necesario para impulsalo".

Por último, a concelleira de Participación indicou que, entre o 20 de novembro e o 20 de decembro, a cidadanía poderá participar nunha consulta pública que se realizará a través do espazo habilitado na web municipal para tratar temas relacionados co proceso metropolitano. Esta consulta pública responde ao previsto no artigo 133 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e ten por obxectivo integrar a participación cidadá no procedemento de elaboración de normas. "Esta consulta faise con carácter previo á elaboración da nosa proposta de lei da Área Metropolitana. Nela, o que imos intentar é abordar os problemas que se pretenden solucionar coa creación da área, de forma que a opinión da xente se teña en conta á hora de elaborar as normas que rexeren este novo ente", indicou  Delso. "Con esta consulta pretendemos recoller a opinión das persoas e entidades máis representantivas e potencialmente afectadas pola constitución da área. A participación vai ser aberta e total á cidadanía e terá carácter consultivo, non representativo", engadiu.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión