Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de outubro de 2017

O alcalde envía aos presidentes de Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria unha proposta de protocolo de colaboración “para emprender unha senda de traballo en común para o rescate do bordo litoral da cidade” xunto coa Xunta de Galicia e a Deputación

Ferreiro explicou hoxe que a súa vontade será “traballar esta proposta de colaboración” na reunión que mañá manterá en María Pita con José Llorca e Enrique Losada e nas que se programen a continuación

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixo chegar esta mañá aos presidentes de Puertos del Estado, José Llorca, e da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, unha proposta de protocolo de colaboración que permita que tanto o Concello como o resto de administracións implicadas no rescate dos terreos portuarios da cidade e o impulso dun novo horizonte litoral poidan "emprender xuntas unha senda de traballo en común". Nunha comparecencia ante a prensa, o rexedor avanzou a súa intención de tratar esta proposta de colaboración na reunión que está prevista mañá con ambos interlocutores no Pazo de María Pita. O documento tamén foi remitido tanto ao resto de grupos que conforman a Corporación municipal da Coruña como aos máximos dirixentes da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao ser entidades chamadas a formar parte do consenso preciso para dar "unha solución realista" para o porto. "Confío en que este protocolo de colaboración que presentamos poida ser debatido a partir da reunión deste martes e que poidamos poñernos a traballar canto antes na folla de ruta que consigamos acordar", insistiu Ferreiro, que, con respecto ao resto de administracións implicadas, salientou que "cuns orzamentos que están en trámite, é o momento de dar pasos".

"Hai algo máis dunha semana, de maneira absolutamente desleal e improvisada, o presidente da Xunta e o presidente de Puertos del Estado fixéronse unha foto na Coruña e anunciaron un proxecto borroso para paralizar, temporalmente, a venda dunha parte da nosa fachada marítima. Máis alá das incógnitas que ese anuncio deixou sen despexar, segue a ser unha operación que pasa pola subasta dunha parte dos terreos, tanto do Hotel Finisterre como do peirao de San Diego, e segue a ser unha proposta nada realista que pasa por especular, con miles de vivendas, no maior dos peiraos interiores da cidade", dixo o alcalde, ao respecto do anuncio público feito polo mandatario autonómico nun acto ao que non foi invitado ningún representante do goberno local da Coruña nin da Autoridade Portuaria.

Principios xerais da proposta

O alcalde detallou ante a prensa os principios xerais da proposta, que se concretan "nun protocolo de colaboración que, evidentemente, está suxeito a cambios". "Os principais ítems que se deben abordar pasan por unha solución integral, garantir un liderado público, diálogo e cooperación entre as administracións implicadas, lealdade institucional, realismo, cero especulación, creación de emprego e 'Máis Coruña'", enumerou.

"É preciso acadar unha solución integral que necesariamente pase por entender que a beira atlántica da Coruña non se pode despezar. Require un proxecto integral de planificación e transformación, que inclúa tanto os terreos como nos que hoxe se ubican o Hotel Finisterre e a Solana, como os peiraos interiores afectados polos convenios de 2004, isto é, tanto Calvo Sotelo e Batería como San Diego", comentou o primeiro edil. "Pola súa banda, tanto a titularidade dos terreos como a iniciativa na súa transformación deben ser de carácter público, tal e como veñen reclamando a maioría da Corporación da Coruña, a veciñanza e a Comisión Aberta en Defensa do Común", dixo. Precisamente, por ese motivo, unha das propostas municipais implica a constitución dun consorcio presidido polo Concello da Coruña e participado por outras entidades públicas, como ADIF --en calidade de posuidor dunha infraestrutura en San Diego--, Puertos del Estado, Autoridade Portuaria, Ministerio de Fomento, Deputación provincial e Xunta de Galicia.

"O impulso dun novo horizonte litoral esixe, ademais da sinatura dun novo convenio e duns estatutos de consenso para o consorcio, da modificación do PXOM, a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, o Plan Especial do Porto e outros documentos", fixo notar o alcalde, quen sinalou que estes cambios "só se poderán traballar e realizar dende o diálogo e a cooperación". Por este motivo, entre as propostas do goberno local tamén figura "a creación inmediata dun grupo de traballo que o Concello pode coordinar". "Precisamos regras claras e transparentes, un marco de colaboración aceptado por todas as partes e con mecanismos de seguimento", manifestou, ao fío, en referencia á necesaria lealdade institucional.

Convenios urbanísticos de 2004

Tal e como explicou o alcalde, outro dos puntos clave da proposta de protocolo remitida a Puertos, del Estado, Autoridade Portuaria, Xunta e Deputación pasa polo "realismo". "Os convenios urbanísticos de 2004 non son realistas dende a perspectiva actual. Pretender, neste momento, amortizar a enorme débeda da Autoridade Portuaria vendendo San Diego, ademais de intolerable para a cidade, tampouco é realista. A nosa proposta é realista, na medida en que non pecha os ollos diante do problema que, neste caso é a débeda da Autoridade Portuaria, e é solidaria co impulso do Porto Exterior, que é importante tamén para toda a Área Metropolitana", comentou. "Cremos que a única saída posible é que as administracións aposten tanto por aliviar a débeda do Porto como por impulsar Langosteira e desenvolver, sen hipotecas, un gran proxecto para A Coruña", evidenciou.

Segundo recordou na comparecencia, os convenios asinados no ano 2004 supoñen "unha hipoteca para a cidade", ao estar baseados no financiamento dunha infraestrutura como o Porto Exterior, "que está chamada a ser esencial, pero que acumula sobrecustos e carencias importantes desenvolvendo un proxecto urbanístico moi pouco realista e nada apropiado para Á Coruña, privándoa de 450.000 metros cadrados na súa fachada marítima". Do mesmo xeito, Ferreiro recordou como a Autoridade da Coruña, co voto favorable de todos os representantes da Xunta e o Estado, e coa única excepción do concelleiro de Rexeneración Urbana do Concello da Coruña, reactivou aqueles convenios "e planificou e deu luz verde á poxa dos terreos portuarios", comezando pola Solana e o Hotel Finisterre. Se a venda logrou paralizarse foi, segundo incidiu, polas reiteradas peticións da corporación, "acompañando o sentir maioritario da cidadanía da Coruña e o posicionamento firme e claro do goberno local" para a revisión deses acordos de 2004 "para procurar un novo horizonte, máis sostible, axustado ás necesidades actuais da cidade e consagrado á creación de emprego e á dotación de equipamentos públicos e espazos libres". Desde aí, e nas dúas únicas xuntanzas do Concello con Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria, o goberno local trasladou o seu proxecto para impulsar "un ente público que puidese levar adiante a transformación global da fachada marítima, garantindo a titularidade pública dos terreos e a iniciativa pública da xestión", unha vía que nun primeiro momento contou, segundo fixo notar Ferreiro, coa "simpatía do resto de interlocutores" e na que se prevía seguir avanzando na xuntanza prevista para febreiro e posposta por Puertos del Estado este mes de outubro.

A proposta de protocolo de colaboración tamén recolle a necesidade dun compromiso contra a especulación no bordo litoral. "O novo horizonte, resultado da revisión dos convenios de 2004, debe ter unha premisa clara, e é que os terreos portuarios non poden estar ao servizo da especulación nin o enriquecemento de ninguén, así como tampouco poden quedar a mercede do mercado", apuntou.

"Todas estas actuacións tamén teñen que redundar en 'Máis Coruña'", manifestou o mandatario local, que incidiu en que "os terreos portuarios deben ser unha oportunidade para mellorar a mobilidade ciclista, peonil, ferroviaria e viaria da cidade". "Podemos gañar espazos libres, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez, creando equipamentos, tanto ordinarios como singulares, ampliando zonas verdes, conservando e poñendo en valor o patrimonio público e a memoria do mar, e dotando á cidade dunha fachada de interese arquitectónico", dixo.

Por último, o protocolo, que postula unha serie de criterios globais para todo o ámbito litoral, así como criterios específicos para cada un dos peiraos interiores, evidencia que "é necesario que o novo proxecto compatibilice o espazo público de calidade e os equipamentos cun impulso ás economías do mar mediante a creación dun distrito de innovación que contribúa á creación de emprego e riqueza para os próximos 50 anos, sendo San Diego o lugar acaido".

Unha aposta pola Coruña

No curso da súa intervención, o alcalde da Coruña fixo tamén unha primeira valoración do proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2018, unha proposta, aínda en trámite, que cualificou de "decepcionante e preocupante". "Nin a Xunta nin o Estado están a cumprir as expectativas da cidadanía na Coruña, e a insatisfacción pola falta de compromiso amosada coa cidade desde as últimas eleccións municipais é amplamente maioritaria", lamentou. "A Coruña segue sen estar entre as prioridades da Xunta, que amosa que en 2018, o goberno autonómico volverá estar ausente, pero nunca é tarde para rectificar. Cada un dos grandes proxectos desta cidade, dende a estación Intermodal até a constitución da Área Metropolitana, é unha oportunidade para cambiar de rumbo e apostar pola Coruña, e, evidentemente, a recuperación dos terreos portuarios e o impulso dun novo horizonte litoral é unha desas oportunidades, se non a maior. É o momento de apostar pola Coruña", puxo de relevo o rexedor, recordando que o compromiso cunha cidade da envergadura da Coruña "ten que manifestarse nos grandes proxectos, pero tamén nos pequenos e medianos investimentos, porque os servizos públicos que cada Administración presta ou axuda a prestar na Coruña dependen en boa medida do coidado do día a día, do mantemento, das melloras cativas".

Neste sentido, remitiuse a necesidades como as que presentan os centros sanitarios da cidade, "máis alá de que necesitemos un centro de saúde na zona centro, para o que o Concello ten, por certo, previsto un espazo no edificio do mercado de Santa Lucía e un segundo espazo alternativo, no Paseo das Pontes", ou ás melloras que precisan os centros educativos da cidade, "nos que a Xunta pode cumprir co seu compromiso coa cubrición dos patios nos colexios existentes ou investir nas melloras das súas instalacións ao ritmo similar ao que o Concello vén mantendo durante estes dous últimos anos, máis alá da urxente necesidade dun colexio en Novo Mesoiro, para cuxa construción o Concello xa fixo os trámites hai tempo, polo que podía terse empezado a construír con anterioridade".

Documentos:

Proposta de Protocolo de Colaboración (197 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión