Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de novembro de 2017

O alcalde salienta que "o Pleno deixou claro que existe unha ampla maioría cidadá que quere que a transformación e xestión do bordo litoral sexa decidida na Coruña"

Ferreiro volveu avogar pola conformación dun consorcio onde estean representadas todas as administracións con competencias no desenvolvemento da fachada atlántica, logo de que a Cámara municipal dese luz verde a dúas mocións “que reprobaron actuacións de carácter unilateral, como a levada a cabo pola Xunta de Galicia”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou este martes que o Pleno municipal celebrado onte no Pazo de María Pita "deixou claro que existe unha ampla maioría que quere que a transformación e xestión do bordo litoral sexa decidida na A Coruña". Así se manifestou en alusión a dúas mocións aprobadas pola maioría da Cámara, co único voto en contra do grupo municipal do PP, e que avogaban porque "a cidade non sexa excluída do debate sobre o futuro da fachada atlántica", nin de órganos representativos de decisión, motivo polo que insistían nas vantaxes da creación dun consorcio público.

En concreto, a moción a respecto do porto coruñés presentada polo grupo de goberno local --que foi aprobada onte, igual que a do BNG--, puxo de manifesto a "falta de lealdade institucional do Presidente da Xunta de Galicia coa cidadanía da Coruña e cos seus representantes institucionais no Concello", en relación á comparecencia que o pasado 10 de outubro Alberto Núñez Feijoo realizou co titular de Puertos del Estado, José Llorca, "sobre a rectificación da venda de terreos patrimoniais, e na que se evidenciou a intención de apartar ao Concello da Coruña e a súa veciñanza das decisións a tomar no borde litoral". "Cremos que o que se esixiu onte foi, maioritariamente, que non se exclúa á Coruña deste debate. Cremos que é unha reclamación de sentido común, aínda que semella que vai facer falta repetilo", comentou o rexedor, que recordou que a administración local coruñesa remitiu un documento, o pasado día 23 de outubro, a Puertos del Estado e á propia Xunta de Galicia na que se detallaba polo miúdo unha proposta de protocolo de colaboración que permita que tanto o Concello como o resto de administracións implicadas no rescate dos terreos portuarios da cidade e o impulso dun novo horizonte litoral poidan "emprender xuntas unha senda de traballo en común". No mesmo documento, tal e como onte se volveu poñer de manifesto no Pleno, evidenciábase a necesidade de que as administracións implicadas no futuro do bordo litoral (Concello, Puertos del Estado, Autoridade Portuaria da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Fomento, ADIF ou Deputación) conformen un consorcio de carácter público "que funcionará como forma de participación e xestión do novo horizonte litoral e no que o consistorio coruñés teña garantida a participación suficiente para a súa execución".

"Cremos que o importante é que se xeren consensos ao redor do que ten que pasar no porto. O PP decidiu hoxe quedar só e posicionarse en contra da vontade do Pleno, vontade ademais que xa tiña expresado en varias ocasións. Temos que artellar un consenso en canto a titularidade e xestión pública dos espazos portuarios que se van ver desafectados", dixo o alcalde, quen recordou que o Concello conta cun proxecto definido sobre o que está aberto a traballar. "Ademais de albergar espazos libres para a veciñanza e equipamentos públicos, entendemos que o noso horizonte litoral e, especialmente, San Diego, debe ser un dos principais motores económicos da cidade", declarou, á vez que salientou que "outra das cousas que quedaron patentes no Pleno de onte é que a maioría dos e das representantes da cidade non entenden nin comparten anuncios de carácter unilateral sobre o futuro da Coruña como os que fixo o presidente Feijóo".

"Imos seguir traballando a prol da creación do Consorcio, que é un ente que xa existe noutras moitas cidade, como é o caso de Barcelona, e que non entendemos por que non pode funcionar aquí", salientou o primeiro edil, que insistiu na necesidade de que o futuro do bordo litoral da cidade sexa disposto e xestionado a través dun órgano onde haxa representación proporcionada de todos as administracións implicadas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión