Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de marzo de 2017

O concelleiro de Culturas recorda “a defensa que, dende o respecto, este Goberno sempre fará da liberdade de expresión”

José Manuel Sande manifesta, a respecto do requirimento a declarar por parte do xulgado de instrución número 3 da Coruña en base a unha denuncia que entende que un dos carteis de Entroido da cidade ofende os sentimentos relixiosos, que “dende o Goberno local hai absoluta tranquilidade”. “Non houbo ningunha vontade de ofensa. A imaxe entronca cunha festa irreverente e lúdica”, explicou

O xulgado de instrución número 3 da Coruña vén de citar ao concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, a comparecer ante o órgano xudicial a fin de prestar declaración "en calidade de investigado" por unha denuncia que considera que o deseño dun dos carteis cos que se publicitaron as festas do Entroido 2017 na cidade ofende "sentimentos relixiosos". O edil recorda que "o procedemento habitual cando existe unha denuncia, como é o caso, é que o xulgado de instrución abra unha investigación e chame a comparecer ás persoas aludidas". "Dende o Goberno local temos absoluta tranquilidade xa que non houbo ningunha vontade de ofensa cun cartel que reproduce un disfrace habitual no Entroido coruñés dentro do carácter irreverente e lúdico que caracteriza esta festa", indicou o edil, que insiste, no obstante, "na absoluta vontade de colaboración coa Xustiza en calquera tipo de cuestión".

Á marxe, o responsable municipal, como xa fixo no seu momento, volveu a recalcar este venres "a defensa que dende este Goberno local se fai e sempre se fará da liberdade de expresión, o que inclúe por suposto as expresións culturais e as manifestacións artísticas, como é o caso deste cartel de Entroido". "As festas do Entroido, que durante un período moi concreto e escuro da historia do Estado español foron prohibidas, sempre se caracterizaron polo seu humor e por un espírito de irreverencia e crítica de determinados poderes, sempre dun xeito saudable, que non debería faltar. Cremos que as imaxes en cuestión ás que alude a denuncia interposta non son ofensivas con ningunha crenza relixiosa, senón que entroncan cunha tradición festiva nesta terra e co humor gráfico", sinalou Sande, quen matizou ademais que o cartel en cuestión, "non representa á figura do papa católico, senón que se trata simplemente da representación dunha persoa ataviada cun dos disfraces clásicos do Entroido coruñés".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión