Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2024

O Concello abre a mil usuarios con móbiles iOS a fase de probas para o pagamento do transporte urbano mediante códigos QR

A incorporación deste sistema testarase en todas as liñas de autobús durante un prazo aproximado dun mes. Será o paso previo á súa implantación definitiva, que dará servizo tanto a iOS como a Android. Os actuais métodos de pagamento manteranse operativos

O Concello da Coruña abriu hoxe a fase de probas previa á implantación da aplicación móbil que permitirá pagar o transporte urbano mediante códigos QR. A nova aplicación, que se abre hoxe a un milleiro de usuarios de iOS en dita fase de probas, estará operativa cando remate ese período, tanto para iOS como para Android. A aplicación actualmente operativa, a Millennium Próxima, só servía para Android, mais a nova dará cobertura a todos os terminais, sexa cal sexa o seu sistema operativo.

Coa incorporación dos códigos QR como método de pagamento, o Goberno de Inés Rey busca darlle máis facilidades á cidadanía á hora de viaxar nas liñas de transporte urbano, mellorando e axilizando este tipo de procedementos.

A alcaldesa explicou hoxe que esta fase de probas durará aproximadamente un mes. Co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas usuarias, tamén se creou un apartado específico na APP Coruña onde comunicar as posibles incidencias que se detecten á hora de proceder aos pagamentos nas terminais dixitais dos autobuses. Nesta fase, a comunicación de incidencias mediante a aplicación é importante para detectar posibles erros e deseñar a versión definitiva da app.

"O noso obxectivo é atender as necesidades de todas e todos os usuarios do transporte urbano, sabendo que en función do seu perfil tamén hai unhas preferencias específicas á hora de aboar o custo dos billetes. A dixitalización dos métodos de pagamento é unha medida moi destacada, que estamos a implantar de forma progresiva e amplía o abano de opcións dispoñibles, xa que ademais da tarxeta dixital tamén contamos coa tarxeta Millenium en formato físico", expuxo a alcaldesa. Todos os actuais formatos de pagamento manteranse operativos.

A activación da tarxeta virtual para dispositivos iOS, na APP Coruña

As persoas usuarias do transporte urbano que desexen realizar o pago dos billetes con dispositivos iOS mediante a lectura de códigos QR deberán configurar a súa tarxeta virtual Coruña Millenium na APP Coruña. Para isto é preciso, en primeira instancia, darse de alta ou contar previamente cun perfil de usuario ou usuaria na propia app cidadá.

Para proceder á instalación da tarxeta virtual Coruña Millenium, as e os usuarios con dispositivos iOS que a proben deberán clicar no icono 'Autobús' do menú principal da app, e configurar a tarxeta virtual na sección 'Tarxetas de transporte'. Cómpre lembrar que, entre as melloras incluídas nesta actualización para iOS, está a da posibilidade de realizar recargas dun mínimo de 5 euros, mediante o uso dunha tarxeta bancaria de crédito ou débito, de calquera entidade e sen comisións para o usuario.

Á hora de realizar o pago mediante a lectura de código QR, a ou o usuario poderá proceder á operación achegando o seu dispositivo móbil ao lector instalado na cabina de acceso ao autobús. No procedemento de pago, a persoa usuaria poderá aboar o custo de ata cinco billetes como máximo.

O Concello habilitou na APP Coruña un tutorial QR para orientar ás persoas usuarias con dispositivos iOS á hora de realizar os pagos no transporte urbano.

O tutorial especifica, por exemplo, como xerar o código QR desde a app e, posteriormente, como colocar o móbil fronte á maquina de validación do autobús á hora de escanear o código.

A aposta pola mobilidade sostible e o transporte público

Inés Rey recalcou esta mañá o compromiso do Goberno municipal para fomentar "as novas formas de mobilidade sostible e o transporte público, que deben ser as espiñas dorsais sobre as que transformar a paisaxe urbana en termos de desprazamento".

A este respecto, Rey lembrou que, a mediados deste mes, o Concello reforzou o seu plan de bonificación á tarifa universitaria no transporte urbano, ampliando ata un total de cinco liñas o desconto vixente en virtude do convenio de colaboración coa Universidade da Coruña, cun custo de 0,15 € por billete -ao que se suma o 50 % de desconto que o Concello está coaplicando xunto co Goberno estatal desde xaneiro de 2023-.

Se anteriormente esta tarifa para as e os estudantes universitarios xa se aplicaba na liña UDC, 24 e 2-A, dando servizo aos campus de Elviña, A Zapateira e Oza, o pasado 15 de abril habilitouse tamén nas liñas 12 e 12-A, que pasan polo campus universitario de Riazor.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión