Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de febreiro de 2018

O Concello da Coruña asumirá a partir deste verán a xestión do Teatro Colón en base a un convenio coa Deputación “que posibilita integrar este simbólico recinto na rede pública de espazos culturais da cidade”

O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou que “o anuncio desta cesión temporal, pero con vocación de continuidade, evidencia que a colaboración entre institucións é posible e deriva no beneficio da cidadanía tanto da Coruña, como de toda a área metropolitana”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ratificou este venres que o Concello da Coruña asumirá o próximo verán a cesión temporal da xestión do Teatro Colón en base á firma dun convenio coa Deputación da Coruña, ente que posúe a titularidade deste equipamento, que quedará "plenamente integrado na rede pública de espazos culturais municipais". Así o manifestou o rexedor nun acto no propio Colón xunto ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, e o presidente e a vicepresidenta da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín. O primeiro edil coruñés salientou "que hoxe é un día para felicitarnos, xa que poñemos os vimbios para un traspaso temporal, pero que ten vocación de permanencia, e que derivará nun reforzo e impulso da programación cultural". "O anuncio que hoxe facemos demostra, unha vez máis, que cando dúas administracións traballan de forma cooperativa, a cidadanía se beneficia no seu conxunto", dixo, á vez que recordou outros proxectos en marcha entre a administración local e o ente provincial, como a renovación das cubertas de Riazor, o carril bici metropolitano ou a oferta do viveiro de empresas do Papagaio.

Ferreiro indicou que este acordo de cesión servirá "para dar un impulso a un equipamento especialmente simbólico non só dentro da cidade, senón para toda a área metropolitana". "Con este compromiso, o de impulsar e abrir á cidadanía a programación cultural deste espazo, estamos dando servizo non só á veciñanza da cidade, senón a toda a área e a provincia, polo que cómpre felicitármonos deste traballo conxunto", indicou o primeiro edil.

Ao fío, o presidente da Deputación, que apuntou que "o de hoxe é un gran día para toda a provincia", comentou que "non ten sentido que dous equipamentos culturais, como o Colón e o Rosalía, situados a menos de 100 metros de distancia, compitan entre elas e non oferten unha programación complementaria".

Reordenación de espazos e aportación anual

A e os representantes políticos trasladaron a vontade das dúas institucións de que a cesión de uso se produza a partir do próximo 2 de xullo, e se estabeleza no marco dun convenio que, entre outros termos, estipulará a creación dunha comisión de seguemento conformada por representantes tanto do Concello como da Deputación. "Este ente fará unha análise da programación que, na mesma liña que até o de agora, manterá a súa aposta pola cultura e o fomento da lingua propia, así como traerá espectáculos de calidade e de referencia", salientou a vicepresidenta da Deputación, que indicou que o convenio estipulará tamén que o ente provincial realizará unha achega anual de 500.000 euros, para colaborar no mantemento e programación deste equipamento. Ademais, a Deputación reservarase o uso do Colón durante 30 días ao ano "co obxectivo de dar servizo a aqueles tanto a entidades do tecido social coo a concellos da provincia de menor tamaño que necesiten facer uso destas instalacións".

Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, explicou que "con esta cesión, o Teatro Colón convertirase, de facto, no quinto recinto xestionado polo IMCE, xunto ao Coliseum, o Teatro Rosalía, o Fórum e o Ágora". "Queremos deixar patente a nosa satisfacción por ter acadado un acordo que permitirá que un espazo tan significativa poida contar cunha programación específica ligada ao do resto de equipamentos públicos da cidade". A cesión da xestión do Colón derivará, a súa vez, nunha "reordenación xeral da programación de cada recinto do IMCE, así como nunha revisión do propio ente municipal, que experimentará un reforzo do seu persoal de cara a poder dar a cobertura precisa as novas necesidades que xurdirán". O titular de Culturas indicou que, nesta liña, tamén está previsto "designar de forma inminente unha nova figura de dirección do IMCE".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión