Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de novembro de 2017

O alcalde salienta que a proposta gañadora “resolve a cuestión estrutural, pero tamén a calidade estética do proxecto, así como as posibilidades de mantemento e conservación da cuberta”

O Concello impulsa a renovación do estadio de Riazor “coa adxudicación dunha obra que mellora un equipamento urbano icónico e que proxectará a imaxe da Coruña no exterior”

A proposta elixida foi, como sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana, a que obtivo a mellor valoración técnica tanto pola súa solución estrutural, como pola funcionalidade e resultado estético do material da cuberta e pola planificación de obra, que segundo o calendario da adxudicataria podería quedar lista en verán do ano que vén

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron este mércores a proposta gañadora para levar a cabo a redacción e execución do proxecto de reforma e conservación da cuberta e das estruturas metálicas das bancadas do estadio de Riazor, unha vez que a adxudicación recibiu o visto bo da Xunta de goberno local, esta mesma mañá. A proposta, adxudicada á firma Arias Infraestruturas por 7,162 millóns de euros, supón, en palabras do primeiro edil, "unha obra máis que relevante para a cidade, porque significa darlle unha nova imaxe ao que xa é un edificio icónico, no que vai ser o estadio do século XXI". "O estadio de Riazor é un dos símbolos da Coruña e esta obra vai permitir solucionar o problema estrutural das cubertas, e ao mesmo tempo, mellorar un equipamento urbano con gran valor funcional que se sitúa no centro da Coruña, o que consideramos que é, fronte a outros modelos, un valor que servirá para proxectar a imaxe da cidade no exterior".

Con esta proposta, que foi a mellor valorada tecnicamente polo persoal municipal, resólvense, segundo apuntou o rexedor, cuestións prioritarias, "como é afrontar a cuestión estrutural, pero tamén a calidade estética do proxecto, as posibilidades de mantemento e conservación da cuberta ou a súa protección contra o ambiente mariño e a corrosión pola proximidade do mar": Ferreiro  subliñou tamén a redución de tempos de obra que supón esta elección, que prevé a execución total da reforma no ano 2018, e destacou que a proposta seleccionada programa ademais futuras intervencións que lle darían ao estadio unha solución estética unitaria e definitiva. "Esta proposta xa está contemplando solucións estruturais que compatibilizan a obra das cubertas, que é responsabilidade do Concello, cunha intervención no resto do peche do estadio, e cónstame que o Deportivo está interesado en dar continuidade a todo o resto de  melloras", incidiu, advertindo que as recreacións do proxecto recollen, non só o resultado da obra das cubertas, senón a previsión de como quedaría a reforma completa. Tamén, o alcalde avanzou, como proxecto "de futuro", a medio ou longo prazo, actuacións de mellora na contorna do estadio, que poidan complementar a súa reforma "e servir para aumentar a calidade de vida e o atractivo do barrio, e reforzar o valor icónico do estadio".

En canto ao proxecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana salientou durante a súa intervención  algunhas das cuestións que incidiron na alta valoración técnica da proposta gañadora, como é a solución estrutural que plantexa, que "mellora e afina o anteproxecto de partida, mantendo as condicións xerais que se propoñían, e que pautaban que o proxecto estrutural definitivo fose semellante esteticamente ao existente". A este respecto, Varela sinalou que a relación co sistema actual se mantén mediante un sistema de barras, que se asemella visualmente ao sistema estrutural actual, en malla espacial, "que confire unidade estética ao conxunto". A proposta contempla a substitución dos dous lados longos do estadio -o correspondente á avenida da Habana e Manuel Murguía-  e a rehabilitación dos lados curtos, que se atopan en mellor estado, e prevé a cubrición da grada de Preferencia, para ter máis superficie de bancada cuberta, eliminando a antiga viseira, de forma que minora as molestias derivadas da caída de auga nas bancadas e se mellora a visión, sobre todo nas partes altas; ademais, e tamén en canto á recollida de augas, proponse un canalón perimetral exterior, "unha mellora interesante", considerou o concelleiro.

A proposta respecta tamén o corredor perimetral interior que se prevía no anteproxecto, para facilitar o  mantemento e conservación das cubertas, e garantir percorridos accesibles e seguros na superficie. Ademais, tamén se mellora o funcionamento estrutural coa introdución duns tirantes que, a maiores, posibilitan futuras intervencións no resto das fachadas de Riazor, "coordinando e programando esas actuacións, de xeito que se poida manter  a unidade de actuación no estadio", detallou Varela, recalcando o "rigor técnico" do anteproxecto elaborado polo Concello como paso previo á adxudicación conxunta do proxecto e a obra, "para non repetir erros do pasado e non atoparnos con problemas na fase de execución".

Tamén destacou o concelleiro a solución definida para a cuberta, que aposta por un material "único, transparente e moi resistente -policarbonato celular-" , o que, por unha banda, redunda na coherencia estética pero, ademais, permite que a cuberta sexa "totalmente accesible e transitable, o que facilita o seu mantemento e a conservación, xa que se pode camiñar por enriba en toda a súa extensión". Ademais, e segundo indicou, a elección dun material transparente "mellora a transmisión da luz, e permite máis liberdade de deseño, porque evita a necesidade de colocar lucernarios dado que toda a cuberta é un grande lucernario". Isto traerá consigo unha  mellora do  funcionamento enerxético do propio estadio e unha redución do consumo de electricidade e, ademais, facilitará o soleamento, estado e mantemento do céspede. Segundo observou o concelleiro, esta solución transparente "servirá tamén para amplificar o impacto do estadio sobre a zona, por ter capacidade de ser retroiluminada, de xeito que a imaxe poderá ser impactante".

Por último, o responsable municipal de Rexeneración Urbana se referiu á planificación de obra, "unha cuestión que foi moi valorada, e fundamental, porque reduce os tempos de execución de forma considerable, que en principio estaba planificado para facerse entre 2018 e 2019 e que pasa a compactarse na proposta definitiva", ao plantexar a actuación simultánea nas catro gradas durante a  fase de peche do estadio. Deste xeito, e segundo se contempla no cronograma previsto pola adxudicataria, a actuación desenvolveríase en oito meses e medio desde a firma do contrato, con obras no estadio entre os meses de maio e agosto, durante o parón de verán. Os traballos, segundo esta planificación, desenvolveríanse nun prazo de 124 dias, con distintas fases intermedias, solapadas nalgúns momentos. Antes, a adxudicataria deberá desenvolver o proxecto, que terá que ser aprobado polo Concello.

Pola súa banda, o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, incidiu na relación "exemplar" entre dúas institucións, como son o Concello e o Real Club Deportivo. "En todo este proceso, Concello e club camiñaron da man, en beneficio dun símbolo e de toda a cidade, e cunha idea que abre novos camiños no compromiso do Deportivo cara á cidade e cara ao deporte de base, a través da reformulación desta relación, que xa vén plasmando nos últimos tempos e que estreita máis o vínculo entre ambas institución", enfatizou Sande. Tamén destacou o traballo do persoal municipal, en especial das áreas de Rexeneración urbana e Deportes, "un exemplo de sintonía e esforzo conxunto, nun proxecto, ademais, desta ambición e características, que actúa sobre un estadio histórico que é patrimonio real e simbólico da cidade".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión