8 de agosto de 2018
A Concellería de Igualdade duplicará as horas lectivas que se ofrecerán á comunidade migrante. A adxudicataria do servizo realizará, ademais, 30 talleres que se desenvolverán nos propios centros educativos da cidade
A Xunta de goberno local deste venres dará luz verde ao procedemento aberto que derivará no novo contrato polo que se xestionará a Escola Intercultural, un servizo municipal que ten como obxectivo desenvolver actividades de dinamización socioeducativa, así como fomentar a adquisición de competencias sociais, culturais e lingüísticas entre a poboación migrante da Coruña. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, manifesta que esta acción "entronca con todas as políticas postas en marcha polo goberno local para transformar A Coruña na Cidade Acolledora que é". "Para conformar unha sociedade realmente plural e integradora debemos seguir, na medida do posible, ampliando os nosos servizos. O novo contrato para a Escola Intercultural, dunha duración de catro anos prorrogable a un máis, pasa de 35.000 a preto de 103.000 euros anuais", indica. O incremento posibilitará que as actuacións coa comunidade migrante se desenvolvan en tres ámbitos: o escolar, o familiar e o comunitario. "O que pretendemos é que a Escola Intercultural actúe nestes tres espazos, estreitamente interrelacionados, para poder ofrecer unha atención integral", sinala a responsable municipal, que explica que a coordinación tanto coas administracións públicas como coas entidades sociais da cidade que levan a cabo programas e recursos dirixidos á poboación migrante é outro dos requisitos marcados neste novo contrato.
Así, entre as melloras que se prevén na Escola Intercultural e que xustifican o aumento inversor, salienta o incremento de número de horas de atención docente. Desta forma, as horas lectivas que se ofrecen a menores da comunidade migrante pasarán das 1.600 actuais a preto de 3.000. "Co actual contrato podíanse atender até un máximo de 48 cativas, agora poderemos ofrecer estes recursos educativos a 72 menores", indica Fraga.
O novo contrato tamén incluirá como obrigatorio a realizaron de 30 talleres naqueles colexios e institutos onde estudan os e as menores que acoden á Escola Intercultural. "A finalidade destes talleres é traballar as relacións do alumnado estranxeiro e á poboación de acollida, de forma que se visibilice e sensibilice sobre a diversidade cultural que existe nos nosos centros educativos", comenta a titular de Diversidade. Estes talleres, de 90 minutos de duración e que inclúen traballo específico co profesorado, buscan tanto empoderar ao alumnado migrante, como intercambiar experiencias culturais e favorecer e ampliar o coñecemento sobre as diferentes culturas e tradicións. Ademais, tamén se incluirá o novo servizo dos Venres Alternativos, para ofrecer actividades nestas xornadas, así como unha Escola de Verán, de forma que o traballo cos e coas menores teña carácter intensivo e non se abandone durante as etapas non lectivas.
"Incluímos ademais outras novidades, xa que a intención do goberno local tamén é sufragar saídas e incluso unha excursión de fin de curso, así como elaborar información e dípticos que se envíen a todos os centros educativos ao inicio do curso escolar, a fin de que toda a comunidade migrante sexa consciente dos recursos da Escola Intercultural", indica a edila.
Os pregos do contrato, cuxo procedemento será aprobado este venres, tamén recollen a figura das auxiliares de idiomas. "A pretensión municipal é que os e as usuarias da Escola Intercultural, así como as súas familias, conten con intérpretes que as axuden a comunicarse tanto cos servizos sociais, no caso de precisalos, como co propio persoal. O obxectivo, ademais, é contratar a persoas migrantes para esta tarefa", di Fraga, quen engade que o contrato especifica, ademais, a necesidade de habilitar un local propio que, como mínimo, conte con dúas aulas para poder desenvolver as actividades da Escola.
Por último, a titular de Igualdade salienta que o incremento do investimento tamén veu dado pola necesidade de "realizar unha mellora substancial nas condicións salariais das persoas traballadoras".
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible