Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de febreiro de 2018

O concelleiro José Manuel Sande presentou a nova edición da carreira, considerada pola Real Federación Española de Atletismo “como unha das dez mellores na súa distancia”

O VII Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o 15 de abril, "exemplifica o vínculo da práctica deportiva co espazo público nunha carreira única, á beira do mar"

“Coruña42 pon a cidade aos pés das e dos participantes, tanto no maratón como na carreira 10K, que ten un carácter máis popular”, sinalou o edil. O prazo ordinario de inscrición permanecerá para participar nas dúas probas permanecerá aberto até o 1 de abril

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a nova edición do Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o vindeiro 15 de abril nas rúas da cidade. "A Coruña é unha cidade eminentemente deportiva que aposta pola convivencia entre o deporte de base e o de máis alto nivel, entre os circuítos populares e a tríade de grandes probas. Recentemente celebrouse, con bastante éxito, o Medio Maratón Coruña21, e agora presentamos Coruña42, unha das 10 mellores carreiras da distancia no Estado segundo a Real Federación Española de Atletismo" expuxo o concelleiro, quen lembrou que a carreira coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs.

A proba, un circuíto de 42.195 metros que transcorre polo centro urbano da cidade e o seu bordo litoral, "exemplifica e reforza o vínculo da práctica deportiva co espazo público a través dunha carreira única", aseverou Sande. "Na Coruña contamos con programas como Coruña en Forma, ou mesmo o circuíto Coruña Corre, que fomentan a vertente accesible e saudable do deporte na rúa, unha liña que, neste Maratón, manterase con bonificacións a colectivos e a participación de persoas que dispoñan dunha cadeira de rodas homologada para a realización deste tipo de eventos deportivos, ademais dunha proba de carácter popular, a 10K. Pero na Coruña42 tamén queremos potenciar a súa vertente atlántica e, cun percorrido xunto á beira do mar, situar a cidade aos pés das e dos atletas participantes, nunha homenaxe a todas aquelas persoas que asistan á proba de longa distancia", afirmou o edil, que estivo acompañado na presentación polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, así como por representantes de El Corte Inglés, Coca Cola, Hornos Sanbrandán e Powerade, entidades patrocinadoras da C42.

A carreira comezará o domingo 15 ás 08.30 horas, e terá a súa saída no Cantón Grande. As e os atletas percorrerán un circuíto de tres voltas no que percorrerán tanto a enseada do Orzán, desde Riazor até o Aquarium Finisterrae, ou o bordo dos terreos portuarios, entre os cantóns e a rotonda do Porto de Oza. Unha vez finalizado este, tras a derradeira volta, percorrerán Ambrosio Feijoo e a avenida da Mariña até chegar á meta, situada na praza de María Pita. Ás 14.00 horas terá lugar o peche da proba --e, posteriormente, a entrega de premios-- que, por segundo ano, establecerá un tempo de 2 horas e 45 minutos para o paso polo medio maratón. A medida supón que, unha vez pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que sigan na carreira deberanse retirar do circuíto oficial de competición.

O prazo para formalizar a inscrición no Maratón Atlántica, no que poderán participar persoas maiores de 20 anos, xa está aberto a través do web www.carreirasgalegas.com. Estableceranse dous prazos. Até o 1 de abril, ou ata acadar as 1.500 persoas inscritas, o prezo será de 25 euros. A continuación abrirase un prazo, extraordinario, do 2 ao 8 de abril, no que as persoas que se inscriban deberán abonar un suplemento de 15 euros. Tal e como avanzou o edil, e para favorecer a participación, o Concello impulsará bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do Carné Xove ou maiores de 65 anos, unha axuda que se deberá solicitar, mediante declaración responsable, no momento de formalizar a inscrición, antes da finalización do prazo ordinario de inscrición, que terá lugar ás 23.59 horas do 1 de abril.

Proba popular 10K

A partires das 08.45 horas do propio domingo 15 terá lugar, no Obelisco, a saída da carreira 10K, "unha proba de carácter máis popular", tal e como salientou o concelleiro, e que percorrerá, nunha única volta, o bordo litoral máis próximo aos terreos portuarios --desde os xardíns de Méndez Núñez até Linares Rivas--, así como o Paseo Marítimo desde o Castelo de San Antón até o Aquarium Finisterrae. A meta situarase na praza de María Pita, e a entrega de premios ás primeiras persoas clasificadas na proba terá lugar ás 11.30 horas.

Os prazos de inscrición na 10K, na que poderán participar persoas maiores de 18 anos, serán os mesmos que na Coruña42. Desde modo, no primeiro treito, até as 23.59 horas do 1 de abril de 2018, a cota de participación será 5 euros, mentres que no segundo e extraordinario, do 2 ao 8 de abril, a inscrición terá un suplemento de 10 euros.

Para máis información sobre estas carreiras, pódese visitar www.coruna.gal/carreiraspopulares, o portal web municipal de referencia que contén os regulamentos, percorridos e outros servizos vinculados coas probas organizadas polo Concello da Coruña.

Documentos:

Plano da C42 e da proba 10K (3 MB)

Cartel oficial da C42 e da proba 10K (933 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión