Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

CMIX

Métodos anticonceptivos

A sexualidade é unha das grandes fontes de pracer para os seres humanos, unha forma de autocoñecemento e de relación cos demais. Pero ademais de todas estas vantaxes, as relacións sexuais teñen unha serie de consecuencias que hai que ter presentes para non ter que enfrontarse a situacións non desexadas. De aí que sexa importante ver o sexo como unha opción que leva consigo unha serie de responsabilidades. Unha das consecuencias das relacións sexuais, cando inclúen a penetración vaxinal, é a posibilidade dun embarazo. E é unha das consecuencias da práctica sexual que pode afectar dunha forma máis radical á vida dunha persoa; tanto máis se o embarazo non é desexado e, sobre todo, se se produce na adolescencia. A segunda consecuencia, esencial, é a posibilidade de contaxio dunha enfermidade de transmisión sexual.

Se non se ten a certeza de que se vai poder asumir un embarazo de forma adecuada, o mellor é tomar precaucións. Para iso, hai dúas opcións:

  • BUSCAR ALTERNATIVAS AO COITO VAXINAL que permitan gozar da relación sexual, pero evitando o perigo do embarazo: bicos, caricias, masturbación, sexo oral, masaxes, coito anal, etc. Moita xente goza con estes xogos tanto ou máis que coa penetración, e as súas posibilidades son tantas como as que ofreza a imaxinación de cada parella. As prácticas sexuais non coitais teñen a vantaxe de que, en principio, son prácticas seguras, sempre que teñas en conta que o mozo non debe exacular nunca na entrada da vaxina. Se isto ocorrese, o esperma podería entrar nesta e comezar o seu ascenso cara ao útero posibilitando o embarazo. É difícil, pero pode ocorrer, polo que é imprescindible eliminar todos os xogos nos que o pene roce a entrada da vaxina.

Iso si, ten en conta que non todas as alternativas ao coito vaxinal te libran do risco de contaxio dunha enfermidade de transmisión sexual. Non o esquezas!

  • UTILIZAR ALGÚN MÉTODO ANTICONCEPTIVO. A anticoncepción é a forma de evitar que o coito provoque un embarazo, interferindo en calquera dos métodos que o producen.

A muller que ten relacións sexuais de forma regular e non usa ningún método anticonceptivo ten un 85 % de posibilidades ao ano de quedar embarazada.

Sobre este tema tes que ter claro que:

  • Un só coito vaxinal pode producir un embarazo. Por iso é necesario empregar algún método anticonceptivo dende a primeira relación con penetración, a non ser que se queira ter un fillo.
  • Hai anticonceptivos moi eficaces na prevención de embarazos non desexados que non te protexen da SIDA e doutras ETS. Non o esquezas!
  • Á hora de elixir un método anticonceptivo hai que ter en conta moitos factores: saúde da muller, grao de participación masculina, posibles riscos de enfermidades de transmisión sexual, contraindicacións médicas, ideas relixiosas e morais...

Se cres que xa é o momento de ter relacións sexuais, ou se xa as tes, debes pensar en protexerte das enfermidades de transmisión sexual e de previr embarazos non desexados, desta maneira estarás coidando a túa saúde afectivo-sexual e a da túa parella, e evitarás riscos innecesarios.

Métodos biolóxicos

Son métodos que ofrecen pouca eficacia como métodos anticonceptivos. Permiten saber qué días do ciclo hai maior risco de embarazo, e adoptar as medidas oportunas: abstinencia de coito vaxinal ou uso de métodos de barreira. Lembra que non te protexe das ETS.

1. Método do calendario (de Ogino-Knauss)

Método calendario

Baséase en predicir a fertilidade futura analizando polo menos 6 ciclos menstruais. O cálculo realízase segundo a seguinte fórmula:

  • Anotar o ciclo máis curto e o máis longo dos 6.
  • Restar 18 do número de días que durou o ciclo máis curto, con iso obteríase o primeiro día do período fértil.
  • Restar 11 do número de días que durou o ciclo máis longo, o que indicaría o día que termina o período fértil.

2. Método da temperatura basal

Método da temperatura

Sistema baseado en pescudar os días fértiles da muller e absterse de realizar o coito durante eses días. Baséase en que os días en que se produce a ovulación, a temperatura sobe unhas décimas, e baixa uns tres días despois de alcanzada a temperatura máis alta. Segundo isto, a muller, tomando a temperatura cada mañá, podería saber cando está en período fértil. Non é un método moi fiable, porque hai que ter en conta que a temperatura tamén pode alterarse por outros motivos (cambio emocional, arrefriado, tensión, etc.) e provocar confusións.

3. Método do moco cervical

Método moco

Consiste en coñecer e valorar as variacións do moco cervical presente no fluxo vaxinal para determinar qué días son fértiles e cales non: a medida que se achega a ovulación, o fluxo faise máis transparente e fluído, mentres que cando a muller non ovula é máis pegañento, espeso e ás veces escaso.

4. Método sintotérmico

É a combinación dos dous métodos anteriores.

5. Persoa

É un pequeno aparello electrónico que combina un analizador de ouriños e un ordenador. Con el a muller pode identificar a súa fase fértil con maior exactitude.

6. Método da lactación e da amenorrea (MELA)

Mentres a muller alimente o seu fillo/a exclusivamente con leite materno, que se manteña a ausencia de sangrado e non pase dos 6 meses postparto, non terá ovulación.

Métodos de barreira

1. Preservativo masculino

Preservativo masculino

É unha funda fina e axustada de látex ou poliuretano, que se coloca no pene cando está erecto, de forma que o cobre totalmente e evita que os espermatozoides entren na vaxina durante a penetración. É recomendable combinalo con axentes espermicidas para aumentar a súa eficacia.

Débese colocar antes de calquera aproximación á vaxina, e débese retirar o pene da vaxina antes de que empece a perder a erección, suxeitando o preservativo pola súa base.

É un método fácil de conseguir, que custa arredor dos 8 € a caixa de 6 preservativos (aínda que hai variacións segundo as marcas e o lugar onde o merques) sen contraindicacións e de uso sinxelo, que empregado correctamente ten unha eficacia moi alta na prevención de embarazos non desexados e protexe tamén da SIDA e doutras enfermidades de transmisión sexual (ETS). Algunhas persoas son alérxicas ao látex, e para estes casos existen preservativos doutros materiais, como o poliuretano, que poden utilizar sen problemas.

Como conseguilo:

  • Na máquina (Caros! e coidado! ás veces están caducados)
  • No super (o máis disimulado)
  • Pedíndollo a un colega (de confianza e sen abusar)
  • Na farmacia (un pouco máis atrevido pola túa parte)
  • Pedíndollo á túa parella (pero non deas por seguro que o leve)
Colocación preservativo masculino

COMO SE UTILIZA?

Non é complicado utilizar un preservativo, pero como ninguén nace sabendo, as primeiras veces é importante que lembres as seguintes instrucións:

  • Merca condóns de calidade, conservados adecuadamente, e fíxate na data da caducidade.
  • Leva sempre reposto (nunca se sabe...)
  • Ten coidado ao abrir o envoltorio, poderías rasgar o preservativo.
  • Non o leves no peto traseiro, nin en sitios en que poida romper ou quentarse (prohibidas guanteiras, sitios onde vaian as chaves...)
  • Asegúrate de que está en boas condicións; en caso de dúbida ou deterioración evidente, usa outro.
  • Colócao cando o pene estea erecto, e antes de realizar a penetración. Aperta a punta do condón entre dous dedos (onde está un pequeno depósito). Desenrólao con coidado ata cubrir o pene por completo.
  • O preservativo débese retirar antes de que empece a perderse a erección, suxeitándoo pola súa base, de forma que non saia o seme.
  • Logo só queda comprobar que non estea roto, facerlle un nó e tiralo ao lixo, nunca ao inodoro.
  • Lembra que o preservativo é dun só uso e debes conservalo en lugar fresco e seco.
Debuxo preservativo

QUE FACER SE ROMPE O PRESERVATIVO?

Neste caso hai risco de embarazo (e, se a relación sexual era unha práctica de risco, tamén hai perigo de contaxio de enfermidades de transmisión sexual), polo que debes acudir a un centro sanitario para recorrer á anticoncepción de emerxencia ("pílula do día seguinte").

En todo caso, mantede a calma. Aínda hai recursos á vosa disposición para evitar un embarazo. Tedes ata 72 horas para que a moza tome a pílula do día seguinte, aínda que é importante saber que será tanto máis eficaz canto antes se tome. Acudide canto antes ao Centro de Planificación Familiar ou ao médico de cabeceira ou ao Centro de Atención Primaria que corresponda á moza. Se xa non está aberto (por exemplo, porque o "accidente" ocorreu na fin de semana), e non queredes esperar ao luns, podedes acudir ao PAC (Punto de Atención Continuada) do centro de saúde que corresponda. En todo caso, é recomendable que a moza non se automedique nin siga consellos de amigas. O mellor é que acudades a profesionais sanitarios.

2. Preservativo feminino

Preservativo feminino


O preservativo feminino tamén proporciona unha gran protección fronte aos embarazos non desexados, a infección polo VIH ou outras enfermidades de transmisión sexual (ETS).

A diferenza da maioría dos preservativos, que son de látex, este é de poliuretano e introdúcese na vaxina. Está moi lubrificado para facilitar a súa introdución, e ten dous aros, un deles introdúcese na vaxina estreitándoo cos dedos, mentres o outro queda no exterior; é por este aro por onde se introduce o pene. É un método moi eficaz tanto na prevención de embarazos non desexados como de ETS. É especialmente útil para aquelas mulleres que se expoñen á SIDA ou a outras ETS debido ás súas condutas ou as das súas parellas, que ás veces se negan a tomar medidas de protección. Neste momento, é o único método de protección contra a SIDA e as ETS dispoñible para ser usado polas propias mulleres.

A pesar de todas estas vantaxes, a súa utilización, polo menos en España, non tivo moito éxito, en parte por falta de promoción e en parte porque o seu prezo é maior có do preservativo masculino.

3. Esponxa vaxinal

Esponxa vaxinal

É un tapón cilíndrico de esponxa impregnado de espermicida. Introdúcese no fondo da vaxina (coma un tampón) para que impida a entrada de espermatozoides no útero. Colócase antes de empezar as relacións sexuais e debe permanecer na vaxina polo menos seis horas despois do coito, aínda que pode manterse posto mesmo 24 horas. É de usar e tirar.

Esponxa vaxinal exemplo
Este método non serve para previr a sida nin outras enfermidades de transmisión sexual.

4. Diafragma

Diafragma colocación

É un "capuchón" de látex ou silicona que se introduce na vaxina e colócase de forma que tapona o colo do útero, impedindo que os espermatozoides pasen ao útero.

Hai que usalo sempre con cremas espermicidas, cuxa función é a de matar os espermatozoides.

Para adquirilo hai que ir a un centro sanitario ou de Planificación Familiar para que che ensinen a colocalo e para saber a medida que necesitas, xa que os hai de varios tamaños.

Diafragma debuxo

O diafragma é reutilizable e ben coidados poden durar arredor dun ano os de látex e arredor de dous anos os de silicona. Lávase con auga e xabón e sécase ben. De cando en vez convén revisalo para comprobar que non se rompeu.

O diafragma é un método que se proporciona gratuitamente nalgúns centros de Planificación Familiar, e moi eficaz no que respecta á prevención de embarazos non desexados (arredor dun 96%), pero non serve para previr ETS nin o VIH/SIDA.

5. Espermicidas

Colocación de espermicida

Son métodos de barreira químicos. Comercialízanse en forma de crema ou óvulos que se introducen na vaxina. Conteñen sustancias que anulan os espermatozoides.

Espermicidas

Hai que introducilos no fondo da vaxina como máximo dúas horas antes do coito, e no caso dos óvulos polo menos 10 minutos antes da penetración. Debe aplicarse unha nova dose de espermicida para cada exaculación. Hai que deixalos actuar ata 6 horas despois da última exaculación, evitando nese tempo os lavados xenitais con xabón. Véndense en farmacias, e o seu prezo é alcanzable.

Usados como método único non son demasiado eficaces, pero son moi adecuados para ser empregados xunto cos condóns ou no coito interrompido. Poden usarse sós cando a fertilidade da muller está diminuída: lactación materna e perimenopausa.

Diafragma esquema

COMO SE UTILIZA?

Débese colocar un máximo de 2 horas antes do coito vaxinal.

Antes de introducilo, imprégnase de crema espermicida e apértase cos dedos para introducilo na vaxina.

Non se pode retirar ata que non pasasen 6 horas dende o coito vaxinal.

Se se fan varios coitos, hai que aplicar espermicida antes de cada un, e contar entre seis e oito horas dende o último coito antes de retiralo.

Tras retiralo, hai que lavalo para o seu posterior uso.

Chámanse así porque impiden o contacto entre o óvulo e os espermatozoides por medios físicos e/ou químicos.

Métodos hormonais

Que debo facer se teño vómitos ou diarreas?

Pílula anticonceptiva

Como o contido hormonal das pílulas tanto combinadas como de proxestáxeno só pasa ao sangue a través do sistema gastrointestinal, os vómitos e diarreas poden afectar á súa eficacia. Neste caso, o máis importante é o tempo que transcorreu entre a toma da pastilla e o vómito ou diarrea:

Se pasou menos dunha hora dende a toma da pastilla, o máis seguro é que a expulsases, polo que deberías tomar outra (doutro envase, correspondente ao mesmo día).

Se pasou máis dunha hora, non pasa nada: estás protexida, porque o contido hormonal da pílula xa tivo tempo de pasar ao sangue.

No caso de diarreas persistentes o efecto anticonceptivo da pílula queda comprometido, polo que deberías utilizar outro método a maiores, como o condón.

Que debo facer se tomo outro medicamento coa pílula?

Debuxo hormonas

Acude ao teu centro sanitario para informarte de se ese medicamento interfire na eficacia da pílula.

Anel vaxinal

O anel mensual é un método anticonceptivo hormonal que consiste nun anel de plástico flexible e transparente. Dentro do anel atópanse as hormonas anticonceptivas que se van liberando mentres o anel está na vaxina. O corpo vai absorbendo as hormonas que impiden a ovulación. Aínda que as hormonas son as mesmas, a dose liberada no corpo é máis baixa que na pílula.

Como se utiliza o anel vaxinal?

O anel vaxinal úsase durante 3 semanas ininterrompidamente, sen retiralo. Ao cabo de 3 semanas retírase o anel, o mesmo día da semana e aproximadamente á mesma hora que se colocou. Despois de retirar o anel, hai que facer unha semana de descanso, sen anel. Durante esa semana prodúcese un sangrado parecido á regra. Debe empezar a usarse un novo anel exactamente despois dunha semana, o mesmo día e aproximadamente á mesma hora que a vez anterior, mesmo se o sangrado non terminou.

Como se coloca o anel vaxinal?

Colocación anel

A colocación é moi sinxela. Despois de lavar as mans, extrae o anel do sobre, e presiónao entre os dedos, para estreitalo. Logo escolle unha posición que che sexa cómoda (por exemplo, a mesma que utilices para poñer o tampón) e introduce o anel na vaxina, empuxándoo cara ao fondo ata que esteas cómoda e non o notes. É moi difícil "poñer mal" o anel, porque non importa a posición que este adopte dentro da vagina, sempre é eficaz. Retirar o anel aínda é máis fácil: basta introducir o dedo na vaxina, suxeitar o anel e tirar cara a fóra.

O anel vaxinal:

  • É un anticonceptivo moi eficaz.
  • É bastante cómodo: non se nota e só te tes que acordar del unha vez ao mes.
  • Ten unha dose hormonal moi baixa, que ademais se vai liberando de forma continua.
  • Como o uso do anel é vaxinal e as hormonas non se teñen que absorber a nivel gastrointestinal, se vomitas ou tes diarrea o anel segue sendo igual de eficaz.
  • É moi discreto: ninguén nota que o estás usando.

Son preparados ou fármacos, en diversas presentacións (pastilla, anel vaxinal, parche, inxección, implante subcutáneo) que conteñen unhas sustancias (estróxenos e/ou proxesterona) similares ás hormonas sexuais femininas. Estas sustancias van parar ao sangue e impiden a ovulación. Ao non existir ovulación, non é posible a fecundación nin, polo tanto, o embarazo.

É obrigatoria a súa prescrición por persoal sanitario para valorar as súas posibles contraindicacións e explicar as súas estritas normas de uso.

Son métodos anticonceptivos moi eficaces, pero non serven para previr ETS nin o VIH / SIDA.

Hai dous tipos fundamentais de anticonceptivos hormonais:

Anticonceptivos hormonais combinados: compostos de estróxenos e proxesterona.

Anticonceptivos hormonais de proxestáxeno só: compostos de proxesterona.

O seu funcionamento é similar. O que varía, fundamentalmente, é o modo de uso. Os anticonceptivos hormonais combinados utilízanse ciclicamente (tres semanas de uso e unha de descanso). Os anticonceptivos só de proxestáxeno úsanse continuamente, sen descansar. Outra diferenza é que, mentres que nos anticonceptivos hormonais combinados, durante o período de descanso prodúcese unha hemorraxia similar á regra, nos anticonceptivos hormonais de só proxestáxeno os sangrados poden ser regulares, irregulares ou inexistentes (amenorrea), o cal carece de importancia salvo se é incómodo para a muller.

Na farmacia atoparás os seguintes tipos, segundo sexa a vía de administración:

  • Anticonceptivos orais (a pílula).
  • Transdérmicos (parches).
  • Vaxinais (anel vaxinal).
  • Subdérmicos (implantes).
  • Inxectables.
  • Dispositivo intrauterino.

Na seguinte táboa indicámosche as diferentes presentacións dos anticonceptivos hormonais, a súa pauta de administración e un prezo aproximado:

 

ANTICONCEPCIÓN HORMONAL COMBINADA
Presentación Pauta de administración Prezo/Seguridade Social
Pílula Diaria (cíclica) Variado segundo marcas (entre 1,72 € e 12 €/mes)
Parche transdérmico Semanal (cíclica) 14,50 €/mes
Anel vaxinal Mensual (cíclica) 12,80 €/mes
Inxectable Mensual

3,20 €/mes (pola Seguridade Social 1,28 €/mes)

 

 

 

 



 

 

 

ANTICONCEPCIÓN HORMONAL DE PROXESTÁXENO SÓ
Presentación Pauta de administración Prezo/Seguridade Social
Pílula Diaria (cíclica) 6,14 €/mes (pola Seguridade Social 2,2 €/mes)
Inxectable 3 meses

2,55€/mes (pola Seguridade Social 0,34 €/mes)

Implante subdérmico 3 anos 162,09 € (pola Seguridade Social 4,50 €/mes)
Intrautero (DIU liberador de proxestáxeno) 5 anos

168,54 € (por indicación médica é gratuíto na Seguridade Social)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CONTRAINDICACIÓNS DA ANTICONCEPCIÓN HORMONAL

  • En caso de padecer determinadas enfermidades cardio-circulatorias (trombose venosa profunda, hemicrania, HTA grave, diabetes con complicacións vasculares, infarto de miocardio...)
  • En caso de padecer enfermidades hepáticas: hepatite, cirrose, tumores...
  • En caso de padecer cancro de mama.
  • A anticoncepción hormonal combinada tamén está contraindicada en:
    • Mulleres maiores de 35 anos e fumadoras.
    • Durante a lactación materna.

POSIBLES EFECTOS SECUNDARIOS DA ANTICONCEPCIÓN HORMONAL

  • Náuseas, vómitos.
  • Dor de cabeza.
  • Tensión mamaria premenstrual.
  • Sangrados intermenstruais.
  • Falta de sangrado.
  • Alteracións do carácter.
  • Diminución da apetencia sexual.
  • Na anticoncepción de proxestáxeno só:
  • Sangrados impredicibles.
  • Ausencia de sangrado.

EFECTOS SECUNDARIOS BENEFICIOSOS DA ANTICONCEPCIÓN HORMONAL COMBINADA

  • Alivia a dor menstrual.
  • Diminúe a cantidade do sangrado cíclico.
  • "Regula" o ciclo menstrual.
  • Diminúe o risco de padecer enfermidades benignas da mama, quistes no ovario, embarazo extrauterino, enfermidade inflamatoria pélvica, anemia.
  • Protexe de forma importante do cancro de endometrio e de ovario.

FALSAS CRENZAS SOBRE A ANTICONCEPCIÓN HORMONAL

  • Non é efectiva ao comezo e na semana de descanso.
  • Hai que descansar despois dun tempo tomando anticoncepción hormonal.
  • Hai que estar un tempo sen anticoncepción hormonal antes de buscar un embarazo.
  • Provoca malformacións fetais.
  • Aumenta a fertilidade e a posibilidade de embarazo de xemelgos.
  • Provoca aumento de peso e varices.
  • Cada muller ten indicada unha pílula.
  • É necesaria unha analítica para comezar coa anticoncepción hormonal.
  • Hai que facer revisións xinecolóxicas para tomar a pastilla.

Pílula

Pildora anticonceptiva

Como se dixo antes a pílula anticonceptiva pode ser combinada ou só de proxestáxeno. A combinada tómase diariamente durante 21 días seguidos dun período de descanso de 7 días, durante os cales aparece un sangrado parecido ao da regra. A de proxestáxeno só se toma todos os días sen período de descanso, e o patrón de sangrado pode ser variable, como xa se explicou con anterioridade.

Durante este proceso pode ocorrer algunha incidencia (por exemplo, que esquezas a pastilla, que empeces a tomar medicamentos que interfiran con ela, que sufras vómitos, diarreas, etc.) que poden diminuír a eficacia anticonceptiva da pílula. É importante que teñas claro qué facer nestes casos. De todos os xeitos, se tes dúbidas, non esquezas que podes consultar a un experto.

Que debo facer se esquezo unha pastilla?

  • Pílulas combinadas:

Se te dás conta do esquecemento antes de que pasasen 24 horas, toma de todos os xeitos a pílula "esquecida", e continúa co resto do envase coma sempre. Non te preocupes, porque ese mes estarás protexida.

Se esqueces unha soa pílula, estás protexida. Se esqueces dúas ou máis, acude ao teu centro de saúde ou ao Centro de Orientación Familiar máis próximo, onde che indicarán o que debes facer para evitar un embarazo; e mentres tanto se tes relacións con penetración vaxinal utiliza tamén o condón.

  • Pílula só de proxesterona:

Se te dás conta do esquecemento antes de que pasasen 12 horas, toma de todos os xeitos a pílula "esquecida", e continúa co resto do envase coma sempre. Non te preocupes, porque ese mes estarás protexida.

Se o esquecemento é maior de 12 horas, pode haber risco de embarazo; acude ao teu centro de saúde ou ao Centro de Orientación Familiar máis próximo, onde che indicarán o que debes facer para evitar un embarazo; e mentres tanto, se tes relacións con penetración vaxinal, utiliza tamén o condón.

Parche anticonceptivo

Como se utiliza o parche?

Hai que poñerse un parche por semana durante 3 semanas sobre a pel sa, limpa, seca e sen pelo (nádegas, abdome, parte superior externa dos brazos ou sobre a omoplata). Transcorrida a terceira semana, retírase o último parche e descánsase os 7 días seguintes, durante os cales aparecerá un sangrado similar á regra.

O parche hai que poñelo o mesmo día da semana durante as 3 semanas consecutivas. A primeira vez que se pon o parche debe aplicarse o primeiro día da menstruación.

Como se coloca o parche?

Colocación parche

A colocación é practicamente igual que a dunha tirita, presionando sobre o parche durante uns 10 segundos pasando os dedos polos bordos para asegurarse de que está ben pegado.

Se se che esquece cambiar de parche, ou se se che despega total ou parcialmente, pode diminuír a súa eficacia anticonceptiva. Por iso, nestes casos, o mellor é que consultes no teu Centro de Planificación Familiar.

O parche anticonceptivo:

  • É un anticonceptivo moi eficaz.
  • É cómodo: só te tes que acordar de cambiar o parche unha vez á semana.
  • Ten unha dose hormonal moi baixa, que ademais se vai liberando de forma continua.
  • Como as hormonas non se teñen que absorber a nivel gastrointestinal, se vomitas ou tes diarrea o parche segue sendo igual de eficaz.
  • O implante é discreto (aínda que se ve, podes escondelo debaixo da roupa).

Implantes subcutáneos

Implante subcutáneo

O implante subcutáneo é outro tipo de anticonceptivo hormonal de acción prolongada que consiste nunha ou dúas varillas moi flexibles dun material sintético impregnado de proxesterona, que se coloca debaixo da pel na cara interna do brazo. Miden cada unha uns 4 cm de lonxitude e uns 2 mm de diámetro. Van liberando a hormona de maneira constante, durante un período de 3 ou 5 anos, inhibindo a ovulación. Nótase ao tacto, pero non á vista. As súas principais vantaxes son a comodidade e a súa máxima eficacia. Colócase nos Centros de Planificación Familiar.

Inxectables intramusculares

Hai dous tipos: os que conteñen proxesterona, que se administran trimestralmente, e os que combinan estróxenos e proxesterona, de aplicación mensual. Son máis seguros cás pastillas xa que evitan algunhas causas de fallo destas e son os métodos anticonceptivos máis baratos.

Anticoncepción intrauterina

Dispositivo intrauterino

O dispositivo intrauterino (DIU) é un pequeno aparello de plástico que se introduce no útero para evitar o embarazo.

Hai varios tipos de DIU:

  • DIU con cobre: a súa acción máis importante é impedir a fecundación pola súa acción espermicida.
  • DIU liberador de proxesterona: no canto de cobre levan un depósito de proxesterona, que se libera de forma continua ao longo de 5 anos.

O DIU ten que colocalo un xinecólogo ou un médico de familia, que se encargará de facer unha valoración para ver en que medida este método é adecuado ás necesidades e fisioloxía da muller. Manteñen a súa máxima eficacia entre os 5 e os 10 anos, segundo a carga de cobre dos distintos modelos.

Lembra que o DIU é moi eficaz para evitar embarazos non desexados, pero non para evitar o contaxio do VIH/SIDA ou doutras enfermidades de transmisión sexual.

É un método moi eficaz, cómodo, e non hai que estar pendente del, porque non necesita toma diaria nin cambio frecuente. Ademais, é gratuíto na Seguridade Social. Non presenta ningunha acción sobre o sistema endócrino e non produce efectos secundarios xerais. Non interactúa con ningunha medicación que poida estar tomando a muller.

DIU

FALSAS CRENZAS SOBRE A ANTICONCEPCIÓN INTRAUTERINA

  • Provoca infeccións xinecolóxicas.
  • Non se debe empregar en mulleres sen embarazos previos.
  • Cun DIU non se pode utilizar tampóns.
  • É urxente a extracción do DIU cando cumpriu o tempo de uso recomendado.

POSIBLES EFECTOS SECUNDARIOS DOS DIU CON COBRE

  • Leve aumento da cantidade e/ou a duración da regra, salvo excepcións.
  • Dor coa regra. Non é habitual.
  • Pode aparecer un mínimo sangrado a metade de ciclo, sen ningunha relevancia.
  • Aumento do fluxo vaxinal, de características normais.
  • É un método ideal para as mulleres que teñan contraindicados os anticonceptivos (a pílula), e por iso recoméndase para as mulleres fumadoras maiores de 35 anos.
Debuxo DIU

POSIBLES COMPLICACIÓNS DO DIU

  • Perforación ao poñelo: moi improbable. Só se produce perforación da parede uterina por un DIU en aproximadamente 1 de cada 1.000 ou 2.000 insercións.
  • Descenso ou expulsión do DIU: é pouco frecuente. O principal problema que presenta a expulsión é que a muller non se dea conta da súa perda e que se arrisque a un posible embarazo non desexado. É conveniente por iso que as portadoras de DIU se afagan a comprobar se permanece posto despois de cada regra, cunha simple exploración dos fíos-guía por parte da usuaria.
  • As prácticas de risco de enfermidades de transmisión sexual en usuarias de DIU aumentan as posibilidades de enfermidade inflamatoria pélvica.

A "Marcha atrás"

A "marcha atrás" ou coito interrompido: un "método" inseguro

Consiste en retirar o pene da vaxina antes de que se produza a exaculación. Non é eficaz (nin para evitar embarazos nin contaxio de ETS) por dúas razóns:
  • Ás veces o mozo non é capaz de controlarse e pode expulsar algo de seme sen querer antes de retirarse da vaxina.
  • Por outra banda, cando un home se excita, as glándulas de Cowper comezan a segregar unha sustancia para lubrificar o pene. Este líquido denomínase preseminal, precisamente porque sae antes da exaculación. Este líquido, por si só, non ten espermatozoides; pero como percorre o mesmo camiño ca estes, pasando pola uretra, pode arrastrar consigo espermatozoides que quedasen na zona, depositándoos no interior da vaxina.

Métodos cirúrxicos

A ligadura de trompas na muller e a vasectomía no home son métodos anticonceptivos que implican realizar unha operación cirúrxica e que se deben considerar definitivos, aínda que nalgúns casos pódense facer reversibles.

A esterilización non afecta ao comportamento sexual, pero pódense producir problemas psicolóxicos se non existe unha boa información ou se a decisión de non querer ter máis fillos non foi clara e meditada.

Estes métodos non alteran a función hormonal, e non afectan ás relacións sexuais nin ao desexo. A súa eficacia anticonceptiva é altísima, pero tampouco protexen da SIDA nin doutras ETS.

Estes métodos indícanse, normalmente, para persoas que xa tiveron fillos e que non queren ter máis.

Vasectomía

Vasectomía

A vasectomía consiste en seccionar os condutos deferentes, de maneira que se interrompe a traxectoria dos espermatozoides. A intervención é moi sinxela: dura só uns minutos e faise con anestesia local. Non hai postoperatorio; como moito, pode haber un hematoma e certas molestias durante uns días, e hai que seguir algúns coidados durante un par de semanas para asegurarse de que a recuperación é completa. Non ten efecto inmediato, senón que hai que esperar a que as canles queden completamente limpas de espermatozoides. Non afecta a ningún outro aspecto da vida do home, que segue producindo seme e mantén o seu desexo e resposta sexual sen cambios.

Ligadura de trompas

Ligadura de trompas

Consiste en seccionar ou ligar as trompas de falopio, impedindo así que se atope o óvulo cos espermatozoides. Trátase dunha intervención cirúrxica en toda regra, que necesita anestesia e un postoperatoiro. Non ten ningunha consecuencia paralela no funcionamento do corpo da muller: séguese ovulando, e séguese tendo a regra, só que os óvulos, ao non ter o seu camiño aberto, son reabsorbidos polo organismo.

Non perdas

Actividades

Onde estamos

Centro Municipal de Información Xuvenil (CMIX)

Fórum Metropolitano

  • R/ Río Monelos, s/n, 15006 A Coruña
  • Tel.: 981 184 294
  • Fax: 981 184 295
  • Email: cmix@coruna.es
  • Horario: De luns a venres, de 10 a 14 e de 17 a 20 h. Sábados, de 11 a 14 h.
  • Horario de verán: pechado os sábados.
  • Agosto: De luns a venres, de 09:30 a 14:30 h.
  • Servizo de orientación legal: De luns a xoves, de 17 a 20 h.
  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?