Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de xaneiro de 2018

O goberno local pon en marcha o proxecto ‘Caixa da Memoria', co obxectivo de poñer en valor a riqueza patrimonial da cidadanía da Coruña, "que é irrenunciable"

José Manuel Sande sinala que o primeiro acto público vinculado á iniciativa municipal serán as xornadas públicas de debate 'Reflexións sobre pasado e cidade', que se celebrarán os días 17, 24 e 31 deste mes

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de poñer en marcha a Caixa da Memoria, un proxecto municipal que ten como finalidade preservar, conservar e difundir a riqueza patrimonial da cidadanía. "A Coruña  é unha cidade diversa e plural que construíu a súa identidade con contribucións individuais e colectivas. É o momento de recuperar e recoñecer a riqueza do noso pasado en común, e convertelo nun polo de desenvolvemento", explica o edil José Manuel Sande. A iniciativa nace dentro das actuacións previstas polo goberno local, ao longo do pasado exercicio, de posta en valor do patrimonio material e inmaterial na cidade. Tras o inicio dos traballos de consolidación do Castro de Elviña, a creación do Consello Municipal da Memoria Democrática, a organización da primeira edición das Xornadas Memoria e Democracia, ou a colaboración coa publicación Farruco de Montrove, que pon en valor a música tradicional e popular da cidade, o Concello, con esta Caixa da Memoria, "dá un novo paso na recuperación da riqueza patrimonial da cidadanía, que é irrenunciable", afirma Sande. "Hoxe en día a construción do pasado realízase cada vez máis dun xeito horizontal, en paralelo entre axentes sociais e institucións, e este goberno cree necesario convertir o pasado da Coruña nun elemento activo e dinámico, pois a recuperación dese pasado segue vivo na nosa cidade a través de diversas iniciativas e actos culturais. Cómpre acompañar desde o consistorio o dinamismo social que estamos a vivir arredor da historia e da memoria", di o concelleiro.

O proxecto, "que está en proceso desde o ano pasado", segundo apunta o titular da área de Culturas, parte da creación do Informe da Caixa da Memoria, "un traballo de recollida, identificación, análise e valoración", sobre o aproveitamento e posibilidades de futuro do patrimonio histórico. "Trátase de obter unha serie de referencias que permitan conxugar as expectativas de progreso a través da análise do pasado que caracteriza ao espazo urbán de convivencia", sinala Sande, quen destaca que o recoñecemento dos sinais de identidade da comunidade "é imprescindible nas políticas públicas". "O relato sobre o pasado está impregnado na médula da conciencia social da veciñanza da Coruña", asevera o concelleiro, quen sinala que o proxecto estará coordinado polo profesor e investigador Emilio Grandío, acompañado, nesta primeira fase, por un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela.

Para a elaboración deste Informe, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento organizará este mes de xaneiro o Ciclo de Encontros Caixa da Memoria: Reflexións sobre pasado e cidade, unhas xornadas públicas de debate que nacen co obxectivo de xerar un diálogo arredor da paisaxe do pasado da Coruña, compartir investigacións, experiencias, traballo e datos para activar novos relatos e accións neste ámbito. "Este primeiro acto aberto á cidadanía, e vinculado á Caixa, quere reforzar o acceso público á memoria e ao patrimonio coa implicación directa da veciñanza", salienta José Manuel Sande. "Construír espazos de reflexión, abertos á opinión das e dos asistentes, arredor do futuro do noso pasado", engade.

O ciclo constará de tres mesas centradas na construción da cidade a través do seu pasado, no patrimonio histórico-cultural e na preservación da memoria, nas que participarán diferentes axentes e profesionais locais destes ámbitos. Na primera xornada, que terá lugar o vindeiro mércores, día 17, aboradarase O futuro da memoria nunha conversa na que intervirán  a membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, Ana Romero, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Fernando Souto, o fotógrafo Xosé Abad e o membro da Agrupación Cultural O Facho Enrique Sánchez. A mesa comezará ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga.

O segundo encontro xirará ao redor da Sociedade e Patrimonio. Terá lugar o 24 de xaneiro, ás 18.00 horas, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, e contará coa participación da directora do centro, Xulia Santiso; a profesora de Historia Antigua da Universidade de Valencia, Rosa Brañas; o profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela, José Miguel Andrade; e a directora da Torre de Hércules, Ana Santorum.

Finalmente, o Centro Cívico da Cidade Vella acollerá o mércores 31 de xaneiro, ás 19.00 horas, a mesa Facer cidade desde o pasado, que contará coa presenza da Directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, Isabel Blanco; o director do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, Xosé Fraga; o guionista e Presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; e o escritor Xavier Seoane.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión