Coincidindo co seu 50 aniversario, a Fundación Barrié presentará na Coruña a exposición "Sorolla tierra adentro" con fondos do Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla.
Para público en xeral
Dende o 04/11/2016 ata o 26/02/2017
Xa rematou
Joaquín Sorolla. As Covachuelas, Toledo. 1906
© Museo Sorolla
A Coruña, 15 de setembro de 2016 - Desde o 4 de novembro, a Fundación Barrié acollerá, na súa sede da Coruña, a exposición "Sorolla tierra adentro". A exposición, composta por 67 pinturas, todas elas pertencentes á colección Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla, presentaranse na Fundación Barrié coincidindo co seu 50 aniversario. A exposición aborda a pintura de paisaxe de Sorolla, que abandona momentaneamente as praias do Mediterráneo para percorrer "terra adentro" o campo das diferentes rexións do noso país.
A exposición foi producida polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e a Fundación Museo Sorolla coa colaboración da Fundación Barrié. O acto de inauguración verase complementado por unha conferencia sobre o mestre valenciano a cargo de Carmen Pena, comisaria da mostra.
Grazas ao convenio asinado con motivo desta exposición, a Fundación Barrié colaborará no programa de catalogación do fondo de fotografía antiga do Museo Sorolla (con máis de 6000 fotografías) que desenvolve a Fundación Museo Sorolla.
Sorolla. "Tierra adentro"
O xénero da paisaxe foi central na evolución da pintura moderna: considerado "menor" pola academia ata o século XIX, foi en cambio colocado polo realismo na vangarda da innovación e a experimentación.
Se algo identifica a pintura de Sorolla é o seu traballo ao aire libre e en plena natureza. Os escenarios de luz intensa das costas de Valencia e Levante son o seu referente máis coñecido; con todo, "terra adentro" realizou numerosas paisaxes de enorme calidade e importancia: estas paisaxes interiores sitúan a Sorolla no contexto xeral das inquietudes artísticas do realismo final e tamén das correntes intelectuais renovadoras da Institución Libre de Ensino e os rexeneracionistas españois.
Sorolla estudou na Escola de Belas Artes de Valencia con Gonzalo Salvá, que o introduciu no realismo francés, e Ignacio Pinazo Camarlench, que lle deu a coñecer os "macchiaioli" italianos; e nas súas viaxes a París entrou en contacto coas versións realistas do "luminismo", o impresionismo e o postimpresionismo, que el integrou á súa maneira, dentro da particular estética renovadora da paisaxe española do seu tempo, que intentaba achar un carácter diferencial na nova arte encaixando a tradición realista nacional na modernidade internacional.
Tras a fracasada Revolución do 68 e o desastre colonial, tanto os pensadores como os artistas contemporáneos de Sorolla buscaron unha imaxe nova de país, afastada da representación historicista das glorias pasadas, e atopárona na pura paisaxe, tanto nas rexións da periferia peninsular como na meseta central e de Castela; nesta particularmente descubriuse unha estética xeolóxica do chan -segundo termo de Giner- e un espiritualismo en liña co gusto decadentista europeo. Para eles, Castela -sobria, austera e transcendente- sería a imaxe máis auténtica da nación.
Inmerso naquela cultura, e en contacto con gran parte dos seus protagonistas, Sorolla deu novas versións ás diversas paisaxes españolas, profundando no seu novo sentido e significación, desde os da Alhambra deshabitada a aqueles dos campos abatidos e vellas cidades castelás, que descubriu en compañía de Aureliano de Beruete, magnífico pintor de paisaxe e ilustre institucionista.
A exposición divídese en catro ámbitos:
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible