Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de decembro de 2015

O Pleno aproba de xeito definitivo as Ordenanzas Fiscais e de Prezos Públicos, que impulsan "unha política tributaria redistributiva e xusta"

O documento, que saíu adiante cos votos do grupo de Goberno e do PSOE e a abstención do BNG, amplía as bonificacións para a actividade pesqueira da Lonxa, que o Goberno local considera "estratéxicas"

  • O Pleno municipal deu luz verde na sesión extraordinaria deste martes á aprobación definitiva da modificación das Ordenanzas Fiscais e de Prezos Públicos para o ano 2016, un documento que saíu adiante cos votos do grupo da Marea que compón o Goberno local e o PSOE, e a abstención do BNG, e que supón, en palabras da concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, “unha política fiscal progresiva e redistributiva”. “Temos ben claro a quen defendemos, e para facelo é necesario levar esta política fiscal redistributiva e xusta;  por iso conxelamos o IBI e redistribuímos a carga tributaria mediante bonificacións e reducións que se dirixen a aquelas persoas contribuíntes con menores niveis de renda e en risco de exclusión social”, subliñou a responsable municipal, quen avanzou que a principios de ano o Goberno municipal prevé unha nova revisión de tributos, “sempre con criterios de  xustiza distributiva, equidade e progresividade fiscal”.

A versión definitiva do documento de Ordenanzas Fiscais incorpora –en estimación de varias alegacións, presentadas desde a Lonxa e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social, FREMSS– a posibilidade de bonificacións fiscais no IBI para aquelas actividades económicas relativas á extracción, produción e transformación de produtos de pesca, o que amplía texto inicial, que vinculaba esta bonificación ao comercio ao por maior e menor de peixe e produtos de pesca e acuicultura. “Protexemos, a través das bonificacións, as actividades pesqueiras, que consideramos estratéxicas”, indicou ao respecto a concelleira de Facenda e Administración. Tal e como se recolle na ordenanza, esta bonificación está vinculada a que esta actividade económica constitúa “a principal do negocio” e servirá para compensar a modificación ata o 1,3% do tipo aplicable aos grupos de aeroportos e portos comerciais dentro dos Bens Inmobles de Características Especiais (BICES), que se iguala ao tipo que se aplica ao resto de BICES da cidade.

O Pleno deste martes tamén aprobou de forma definitiva a Ordenanza Xeral de Recadación, cos votos das concelleiras e concelleiros do grupo que sustenta ao Goberno coruñés, do PP e do BNG, e a abstención do grupo municipal socialista. Vieito salientou que a medida vese “mellorada considerablemente pola estimación de alegacións dos grupos municipais, que completan e fan moito máis operativa a ordenanza”, cuxa aprobación definitiva estaba pendente desde o anterior mandato. “O establecemento dun sistema de pago fraccionado constitúe unha clara vantaxe para o contribuínte, que poderá axustar o ritmo dos pagos ás súas dispoñibilidades económicas e beneficiarse ademais dunha bonificación do 3% por acollerse a este sistema de pagos domiciliados. Pero, ademais, supón unha importante vantaxe para a Administración local, que deste xeito pode dar periodicidade aos ingresos tributarios ao longo do ano  e así reducir o risco de falta de liquidez”, destacou a concelleira, que tamén salientou que o documento, na súa redacción definitiva, “vai  permitir beneficiarse a persoas que estean a atravesar dificultades económicas, que poderán acollerse a aprazamentos e fraccionamentos, e non só xa a entidades mercantís e grandes debedores”.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión