Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de novembro de 2021

Na lingua que eu falo... con Clara Vidal

Na lingua que eu falo é unha serie de entrevistas e conversas con persoas que fan da lingua un medio de expresión pero tamén unha elección individual e comprometida.

Nas lapelas dos seus dous libros de poemas, Linguaxes dixitais (Urutau, 2018) e A (Des)memoria (Medulia, 2021) conta de si mesma que é coruñesa do 92, filóloga de titulación, con mestrado en Estudos Artísticos, Literarios e da Cultura ademais dunha especialidade simultánea en Literatura Comparada, Teoría Literaria e Retórica.

Estaba claro que con este perfil Clara Vidal viviría pegada á palabra e á poesía e, ademais, na veciñanza do noso barrio, tan fértil en persoas con intereses artísticos como imos descubrindo grazas ás nosas actividades.

Clara veu visitarnos e conversar de todo un pouco; de lingua, de educación regulada, de vocación literaria e docente, de obstáculos, de neofalantes, de memoria e, sobre todo, de desmemoria.

Este é o título do seu libro de poesía máis recente, enfornado na coruñesa Medulia editorial e que xa se presentou na cidade. Agora continúa a súa andaina por outras cidades como Vigo, onde estará este venres ou Betanzos, a onde chegará o vindeiro 22 de novembro.

Clara preséntase como unha procuradora das palabras mentres que tamén se confesa neofalante e na procura dunha voz propia. Enlea coas palabras no exercicio poético pero tamén a través do xogo. Tras anos de obradoiros literarios como os de Yolanda Castaño, Dores Tembrás ou Emma Pedreira, fai coincidir a súa traxectoria profesional como docente e a artística como poeta nos últimos tempos.

Foi adquirindo unha conciencia sobre a lingua a través do exercicio literario ao participar en micros abertos, lecturas públicas e aulas unicamente en galego e superando ese estrañamento inicial pola lingua, xa que o galego non foi o seu idioma de raíz. Igual que os seus devanceiros agochaban o galego na casa nunha máis que evidente diglosia, ela ocultaba os seus primeiros textos en español e vai superando unha educación totalitaria (música, libros, medios de comunicación, círculo social) castelánfalante.

Cando lle preguntamos como entra o galego na súa vida recorre á filoloxía e ao seu interese por todas as linguas, sobre todo a través dos libros de textos pero ten que recoñecer que non é ata a chegada ao ámbito universitario que reconduce a súa vida cara á lingua galega. "Eu quería ser profesora de literatura española. Expresábame en galego como podía despois dunha educación regulada moi desleixada no aspecto lingüístico e en que era quen de lle colocar tres pronomes a un verbo e sentir que era correcto".

Os textos que se lle foron achegando durante o ensino medio marcaban o escaso interese do profesorado e do alumnado por adquirir coñecementos mínimos (canto menos unha digna base de lingua, historia e memoria). Nas bibliotecas chegarán as escollas conscientes e nos obradoiros a adquisición de experiencias das que hoxe se serve para ordenar a súa meticulosa obra poética.

É obrigado preguntarlle polas súas referencias e cítanos a José Ángel Valente e Pizarnik como dous piares imprescindibles aos que lles xuntar a Pilar Pallarés, a Berta Dávila poeta (sobre todo no seu poemario Dentro) ou Lucía Aldao.

Lingüisticamente busca a súa raizame nas antergas, a quen ten moi presentes na súa poética. Non en van A (des)memoria acompaña os pasos da súa avoa no avance do alzheimer e da que sente que herdou unha estrutura lingüística galega. "É curioso, di Clara, aínda non sendo quen adoitaba ser, e aínda non sendo galegofalante, a miña avoa agora recorre a un galego que está aí como parte da súa estrutura lingüística".

Clara Vidal precisa da sinestesia. Non só da vista para ler e xerar textos senón do ouvido para unha métrica transcendente e unha prosodia que faga do poema algo que encaixe no musical e nos seus recorrentes videopoemas, dos que se alimenta o seu espazo web: https://claravidalpoemas.wordpress.com/

Tamén precisa dun percorrido lento para crear o tecido do poema, indo da palabra ao texto, e dunha unidade de texto que trata de incorporalo á fala cotiá. Todo é imprescindible, desde a fonética ata a etimoloxía, e isto podemos velo en textos coma este:

COA PRECISIÓN CIRÚRXICA

De contraerme,

                                                               eu sinto o son exacto

das teclas negras

cando apalpas.

Pasas

                de atoutiñar o piano

A ficar no corpo tépedo.

Gábasme o fermento.

Constrúesme en altura.

Ademais de participar en lecturas poéticas colectivas, encárgase da sección de poesía da revista electrónica A que cheira, papá? (http://aquecheirapapa.com/) e respondeu á chamada aberta da Editora Urutau, editorial galego-brasileira de poesía asentada en territorios da lusofonía. Así foi como chegou en 2018 o seu primeiro libro individual de poesía, Linguaxes dixitais, un moi solvente poemario íntimo e polisémico, que pouco ten que ver cunha voz nova como a súa. Nestes poemas conceptuais e intensos, desvestidos do artificial, podemos ver o torrente vivencial que trouxo a Clara Vidal ata este libro debut.

RÍSCAME CO XIZ

no a negro

que me pintou outro home.

Serpe celosa da mazá o teu ollo bicromático

e iso que eu

son

-só para ti-

corda pulsada.

En 2016, o seu micropoemario De nome propio, Alois foi galardoado no IV Certame de Poesía Manuel María e xa adiantaba unha temática que agora calla no seu traballo A (des)memoria, un libro que retrata un realidade próxima e o coñecemento da doenza do alzheimer. O acompañamento e os coidados son base para procurar un benestar na persoa doente pero que incide no desgaste da coidadora, como é o caso. Mais en Clara Vidal todo ten nutrientes e a lectura procura acougo e a escrita experiencia.

A través deste libro fala do proceso que observa medrar na súa avoa. A infantilización da doente, o desleixo da memoria pero a chegada da curiosidade e as re-descubertas, son temática referencial no poemario. Sinxelo e íntimo pero tamén creador dunha rede:  a das familiares de persoas que padecen o terrible mal da desmemoria progresiva.

Os recursos rebordan o libro e preocúpanse por ela, pola avoa que vai perdendo este papel de dobre nai para facer dobre filla pero tamén tenden unha ponte de coidados para os e as coidadoras. Clara considera, como cada vez máis autoras na nosa escrita, que a voz literaria ten que ter un aproveitamento social. E se este libro lle procura acougo no só á persoa sobre quen o escribo e a quen llo leo senón a unha multitude de mulleres e homes que están nesta mesma situación?

Clara Vidal proponnos os textos da (des)memoria coma un bálsamo para a dor pero tamén como a asunción de que esta doenza é un mal co que xa nace toda a familia, xa que non só existe o desamparo de quen o sofre, senón que intervén nas vidas de todo o círculo social e familiar que, pouco a pouco vai desdebuxándose.

Eu digo: mira, vai moito frío fóra.

Ti

transfórmaste en poeta sinalando o bafo e declamas:

mira, os cristais                                                               choran.

O libro como acougo e a voz acougada de Clara Vidal cando recita para levarnos da man a un recanto e prometernos que todo vai ir ben.

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades

Tamén podes revisar a nosa axenda de actividades

Próximas inscricións

  • “Son animal”, de Paco Nogueiras, ás 17.00 h

    Cando:

    07/05/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 03/05/2024 ata o 07/05/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • “Son animal”, de Paco Nogueiras, ás 18.30 h

    Cando:

    07/05/2024

    Horario:

    18.30 horas 

    Inscricións:

    Dende o 03/05/2024 ata o 07/05/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

  • "Un conto ao revés", de Chuches Amil, ás 17.00 h

    Cando:

    14/05/2024

    Horario:

    17.00 horas 

    Inscricións:

    Dende o 10/05/2024 ata o 14/05/2024

    A inscrición comezará ás 10.00 h. A actividade está dirixida a crianzas de 3 a 6 anos (incluídos), acompañadas dunha persoa adulta. Só precisa a inscrición a/o nena/o. 

    Se por algún motivo non puiderdes vir á actividade, agradecemos que nolo comuniquedes para que poidan asistir outras persoas. Pídese puntualidade.

    Enderezo:

    Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña

Próximas inscricións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión