Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visitas escolares

OFERTA ESCOLAR CURSO 2023/2024

CASA DAS CIENCIAS

  • EXPOSICIÓNS
  • Exploratorium. NOVO. Novos módulos interactivos para descubrir sucesos sorprendentes, investigar efectos singulares, facerse preguntas e aprender a buscarlles resposta. Vive en primeira persoa fenómenos relacionados co son e a música, a luz, a construción de estruturas, o movemento circular ou as forzas magnéticas.
  • Pitiños. A incubadora de ovos da planta baixa renovouse para poder ver o proceso de eclosión do ovo e o nacemento de pitiños de galiña.
  • A astronomía como cha contan. Meteoritos, fósiles de dinosauro, fragmentos dunha nave espacial soviética ou dos paneis do telescopio espacial Hubble forman parte desta exposición sobre a forma en que asimilamos noticias de astronomía a través dos medios de comunicación.
  • Puro Swing. Unha exposición sobre péndulos cos que xogar e aprender a facer música, columpiarse dunha maneira diferente ou sentir no teu corpo as propiedades dos sistemas caóticos. Ademais dunha explicación do funcionamento do famoso botafumeiro.

  • PLANETARIO

Estreamos planetario dixital con novos recursos, maior resolución e imaxes máis reais para viaxar polo universo, trasladarnos ata outros planetas, visitar a Lúa ou subir a cometas. Profundaremos na noite estrelada como nunca o faciamos antes.

  • Astronomía en directo. Unha sesión de planetario para descubrir os astros que é posible observar na noite estrelada do día da visita. Ademais respondemos ás preguntas do público nunha conversa ilustrada con todos os recursos audiovisuais do planetario. Duración: 45 minutos. Idade: maiores de 8 anos
  • Polaris. Unha aventura científica sobre o misterio da noite polar, na que James, un pingüín turista procedente do polo sur e Vladimir, un divertido oso do polo norte, atópanse nos xeos do océano Ártico. Xuntos charlan sobre os seus respectivos fogares e contemplan as estrelas, preguntándose por que é tan larga a noite nos polos. Tratan de resolver ese misterio mediante o razoamento e a observación, aplicando o método científico, o que lles conduce a construír un observatorio e unha improvisada nave espacial. Duración: 30 minutos. Idade: maiores de 7 anos.
  • Dinosauros. Unha historia de supervivencia. Unha apaixonante aventura na que a protagonista, Celeste, unha nena curiosa e inqueda, visitará a Terra nun pasado moi remoto, no que verá as fascinantes transformacións que acompañaron os dinosauros durante millóns de anos creando criaturas xigantes, seres acoirazados e súperpredadores, ata o día no que o grande impacto dun meteorito provocou unha extinción masiva na Terra. Duración: 35 minutos. Idade: maiores de 6 anos.

Dispoñemos doutros programas adaptados a calquera nivel.

DOMUS

  • EXPOSICIÓNS
  • Próbate. NOVO. Un ámbito expositivo que convida a reflexionar sobre a vestimenta como forma libre de expresión. Este espazo propón xogar coa propia imaxe probando diversas pezas, de estética moi variada, e convidan a explorar como nos mostramos ante as demais persoas. Podémonos observar e sacar un selfie cos espellos e a zona de probador. Este proxecto é o resultado dunha actividade colaborativa dun grupo de persoas, organizadas en grupos e coa axuda de expertos, para a creación dun módulo museográfico sobre a diversidade. Ademais, o módulo presenta paneis informativos sobre sexo biolóxico, orientación afectivo- sexual e xénero.
  • Bocados: unha exposición sobre a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Todas as persoas teñen dereito a unha alimentación adecuada. Por este motivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU comprométennos para actuar a favor de cambios globais e integrados que permitan poñerlle fin á fame e á malnutrición antes de 2030. Esta exposición aborda temas que van desde a vida urbana e a educación ata o acceso á auga, á saúde ou á igualdade de xénero. Os ODS son 17 obxectivos que están relacionados, de forma directa ou indirecta, coa nutrición. Unha boa nutrición constitúe a base para garantir o benestar e o potencial humano. Non é só un produto do desenvolvemento, senón tamén a semente que posibilitará un futuro mellor. O reto é pensar en global e actuar en local para a transformación cara a unha nutrición, e un mundo, máis sostible.
  • CINEMA

«Claqueta científica». Asómate á pantalla xigante da Domus. Gratuíto.

Ofrécense estes títulos:

  • Expedición Arrecife. NOVO. Embarca nunha viaxe ao redor do mundo oculto dos arrecifes de coral nesta película que explora algúns dos ecosistemas máis biodiversos, e ameazados, do noso planeta. Aprende como desenvolvemos solucións sostibles para protexer estes ecosistemas de vital importancia para o futuro. Polo camiño, descubre como viven, respiran e reprodúcense os corais, que sustentan unha cuarta parte de toda a vida mariña da Terra e proporcionan beneficios fundamentais ás comunidades humanas no noso mundo en constante cambio. Unha película da California Academy of Sciences. Duración: 26 minutos. Versión en inglés con subtítulos en español. Nivel educativo: 5º e 6º de Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos.
  • Descubre con Tadeo. Tadeo Jones é un guía ideal, entrañable, divertido e popular que nos mostra o traballo que realizan os centros de investigación en España. O intrépido explorador, protagonista da película de animación con máis éxito de público da historia do cinema español, viaxará a diversos enclaves nacionais como as Covas de Altamira, o Parque Natural de Doñana, a Serra de Atapuerca, o Buque de Investigación Oceanográfico ou o Gran Telescopio de Canarias, entre outros. Duración: 20 minutos. Nivel educativo: Educación Infantil e ata 4º de Educación Primaria.

OBRADOIROS E ACTIVIDADES

As reservas para os obradoiros do Laborario Aberto e a sala maker@domus para o curso 2023-2024 poderán solicitarse a partir do 25 de setembro.

>> LABORATORIO ABERTO

Un espazo para vestir a bata de laboratorio, poñer as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan os científicos no seu día a día, desde micropipetas a centrifugadoras, pasando por axitadores, básculas, tubos e moito máis.

A capacidade máxima é de 30 persoas por obradoiro

  • PCR: Investigamos a escena do crime. Experimentando coa técnica da PCR (reacción en cadea da polimerasa), os estudantes poderán simular a elaboración de perfís de ADN tal e como se realizan habitualmente nos laboratorios forenses. Duración: 2 horas e media. Nivel educativo: Bacharelato e Ciclos Formativos.
  • Xperimenta coas flores. Cada estudante realizará a súa propia disección de flores con todo o equipo científico que se utiliza ao investigar a natureza. Duración: 1 hora. Nivel educativo: 3º a 6º de Primaria.
  • Bocados. Un taller para descubrir a nutrición como nunca a vías. Exploraremos os cereais, faremos cociña molecular e aceptaremos o reto dun concurso moi saboroso. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: 5º de Primaria a 2º de ESO.
  • Como se desenvolven os fármacos? Para participar na síntese dun novo fármaco que se está investigando para o Párkinson. Duración: 2 horas. Nivel educativo: Educación Secundaria (3º e 4º ESO), Bacharelato e Ciclos Formativos.
  • Diseccións en directo. Nivel educativo: Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. Duración: 1 hora
  • Artistas da prehistoria. Un obradoiro no que se converter nun artista prehistórico e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos dos nosos antepasados. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: Educación Primaria (3º a 6º) e Educación Secundaria (1º e 2º).
  • ExploraDomus Escola. A cociña é un laboratorio de ciencia! Un obradoiro para explorar a ciencia máis próxima. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: Educación Primaria (1º e 2º)

>> ESPAZO MAKER@DOMUS

O espazo da Domus para experimentar a cultura maker, aprender tecnoloxía con materiais sinxelos e sobre todo con moita imaxinación. Unha oportunidade única para «pensar coas mans».

Impartimos os talleres adaptándoos ás necesidades, coñecementos e habilidades de cada grupo e de cada alumna e alumno.

Ademais destes obradoiros "listos para usar", o profesorado interesado noutros talleres ou temáticas concretas pode poñerse en contacto co equipo de maker@domus para estudar outras posibles opcións.

Dispoñibles os seguintes talleres "listos para usar":

  • circuitos@domus. Un obradoiro para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos. Axuda o alumnado para comprender o mundo da electricidade, e descubrir como funcionan obxectos cotiáns. Martes de 11.00 a 12.30. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º de ESO.
  • robots_garabateadores@domus. O obradoiro comeza construíndo un dispositivo móbil baseado nun motor vibrador, que rexistra o seu percorrido sobre a mesa, describindo formas caóticas inesperadas e garabatos incribles. Un reto é conseguir "domar" o seu funcionamento traballando con pesos e contrapesos, modificando a súa forma e aspecto, o seu equilibrio ou variando calquera outro parámetro físico. Martes de 11.00 a 12.30. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5º e 6º de Primaria; 1º e 2º de ESO.
  • electrónica_téxtil@domus. Neste obradoiro, o alumnado traballa con materiais novos e sofisticados como fío condutor ou LEDs, para deseñar e construír unha creación que ten elementos de arte, tecnoloxía e artesanía. Durante a actividade poden ir definindo e afinando o aspecto final que terá a súa creación. Para aproveitar mellor o obradoiro é aconsellable (aínda que non imprescindible) que o alumnado teña uns coñecementos básicos de electricidade. Martes de 11.00 a 13.00. Duración: 120 minutos. Nivel educativo: 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.
  • autómatas_de_cartón@domus. Deseña e constrúe un mecanismo con levas e seguidores que che pode servir de comezo para contar unha historia. O obradoiro é un camiño de ida e volta continua entre a historia que queremos contar e o deseño do mecanismo que mellor se adapte ao relato que imaxinas. Martes de 11.00 a 13.00. Duración: 120 minutos.Nivel educativo: 5º e 6º de Primaria; 1º, 2º, 3º e 4º de ESO.
  • materiais espaciais@domus. O alumnado debe elixir o material máis adecuado para empregalo nunha parte dun proxecto espacial. Para iso terá que analizar as propiedades dun conxunto de probetas de materiais. Quizá ningún dos materiais cumpra completamente con todos os requisitos do proxecto, polo que terán que ser creativos e establecer un compromiso valorando cales son as propiedades máis importantes para este proxecto. Martes de 11.00 a 12.30 horas. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5º e 6º de Primaria; 1º de ESO.

AQUARIUM FINISTERRAE

  • EXPOSICIÓNS

SALA MAREMAGNUM. Ademais de grandes acuarios, contén decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas. Seguimos renovando os seus contidos, como o tanque cilíndrico, o acuario de augas profundas e a OceanoSfera (proxector esférico que permite simular fenómenos naturais a escala planetaria).

Rema connosco! .... axúdanos a renovar os contidos da sala Maremagnum.

Queremos responder ao interese do alumnado sobre a crise ambiental que estamos a vivir, especialmente no que lle afecta ao mundo mariño, e necesitamos as túas preguntas. O profesorado que aborde estes temas na aula e entregue as preguntas do seu alumnado recibirán un póster educativo do Aquarium Finisterrae.

SALA ISABEL CASTELO

«Fotografías da natureza 2023». NOVO. Contén as fotografías galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year. Inclúe imaxes que sorprenden pola beleza da natureza e amosan como tratamos e maltratamos esa mesma natureza; simultaneamente lémbrannos a urxencia de protexela.

SALA HUMBOLDT

«Sexo azul». Presenta unha selección curiosa e divertida de especies que representan a variedade de estratexias reprodutivas dos animais acuáticos. Entre os seus módulos inclúense dez acuarios que mostran peixes e invertebrados mariños especialmente interesantes.

CORREDOR LÓPEZ SEOANE. NOVO

Contén exposicións fotográficas sobre Historia Natural cuxo contido cambia periodicamente. Comezamos o curso cunha exposición fotográfica titulada «Avistamentos atlánticos» sobre os cetáceos máis frecuentes das nosas costas. Será substituída por unha exposición sobre anfibios galegos; os anfibios son o grupo zoolóxico máis ameazado do planeta.

SALA NAUTILUS

Está mergullada nunha gran piscina de cinco millóns de litros de capacidade e a súa decoración lembra a do gabinete do capitán Nemo a bordo do Nautilus. Ao redor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas, corvinas, seriolas, douradas, robalizas e meros. Tamén hai cardumes de xardas e xurelos.

EXTERIORES

Neles exponse a áncora do petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 embarrancou fronte á Torre de Hércules provocando unha marea negra; e nas piscinas viven tres machos e oito femias de Phoca vitulina.

  • ITINERARIOS E OBRADOIROS

Os grupos escolares poderán reservar unha visita libre ao Aquarium ou complementala con algún dos nosos itinerarios e talleres.

Se o grupo chega máis de 15 minutos tarde da hora de chegada, perde a opción de realizar o itinerario escollido.

ITINERARIOS XERAIS

  • Veñen os peques. Os grupos terán a posibilidade de reservar unha visita guiada e adaptada ao seu nivel polos nosos espazos expositivos. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: Educación Infantil. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Mundo submarino. Os grupos poderán iniciar a súa visita cun itinerario polos acuarios da sala Maremagnum e finalizar cunha visita á sala Nautilus. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: Educación Primaria. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Viaxe ao Nautilus. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre as especies que habitan o maior tanque do acuario. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.

ITINERARIOS TEMÁTICOS.

  • Reproducirse baixo o mar . Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre os variados procesos de reprodución que empregan as especies mariñas; centrarémonos nas que mantemos na exposición «Sexo Azul». Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Biodiversidade. NOVO. Os grupos realizarán un itinerario pola sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre a biodiversidade e algúns dos conceptos máis importantes relacionados a través dos módulos e especies que mantemos en exposición. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Sinais de alarma. Os grupos realizarán un itinerario pola sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre algúns dos cambios ambientais que están a sufrir os océanos e que ameazan as especies que os habitan. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: Educación Primaria, Secundaria e Bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Visita «20.000 leguas de viaxe submarina». NOVO. Está dirixida só a Clubs de Lectura que programen a famosa novela de Jules Verne entre as súas lecturas. Recibirán unha charla de contextualización e descrición do Gabinete do Capitán Nemo e da Sala Nautilus. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: Todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

OBRADOIROS

  • Tiburóns á vista. Preséntanse aspectos curiosos da bioloxía das quenllas, dos peixes e dos invertebrados mariños do Aquarium Finisterrae. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: Todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.
  • As focas do acuario. Coincidindo co momento en que se dá de comer ás focas, impártense charlas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o seu adestramento. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: Todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

Normas xerais das visitas

  • Ao acceder ao museo, a persoa responsable do grupo dirixirase á recepción para a organización da visita. Mentres tanto, o grupo deberá permanecer no exterior ou no espazo indicado polo persoal de atención ao público.

  • O persoal docente acompañante será o responsable do cumprimento das normas da visita aos Museos Científicos Coruñeses.

>> INFORMACIÓN ADICIONAL

Prezos

> Cota especial*

  • Casa das Ciencias: 0 €
  • Planetario: 0 €
  • Domus: 0 €
  • Aquarium Finisterrae: 0 €

*Cota especial só para grupos con reserva previa nalgún destes casos:

  • A Coruña | Grupos de centros educativos do Concello da Coruña.
  • XANEIRO E FEBREIRO | Grupos que nos visiten nos dous primeiros meses do ano.
  • AMIGOS | Se o centro escolar é socio da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.

> Tarifa reducida

Os grupos escolares sen cota especial, pero con reserva, teñen tarifa reducida:

Casa das Ciencias: 1.03 €

Planetario: 1,03 €

Domus: 1,03 €

Aquarium Finisterrae: 4,12 €

> Gratis total

En ningún caso pagan entrada:

  • O PROFESORADO, se acompañan a un grupo escolar ou se van debidamente acreditados.
  • O alumnado con DISCAPACIDADE FÍSICA Ou PSÍQUICA.
  • Grupos cuxo profesorado asista a unha reunión de preparación previa da visita.
  • Menores de 4 anos.

> Xornadas de portas abertas

Os tres museos son gratuítos estes días do curso 2023/2024:

  • Festivos locais Concello da Coruña.
  • Semana da Ciencia. Do 11 ao 19 de novembro de 2023
  • Día da Ciencia na Rúa.
  • Día dos Museos. 18 de maio.

Onde comer?

  • Pícnic da Domus

Traede a vosa comida ao pícnic da Domus. Haberá catro quendas de luns a venres, ás 12, 13, 14 e 15 horas para unha capacidade máxima de 80 persoas.

  • Comedor do Aquarium Finisterrae

Este curso dispoñemos dun comedor para as visitas escolares cunha capacidade para 80 persoas.

Pode reservarse en dúas quendas de 13.00 a 13.45 horas e de 14.00 a 14.45 horas.

A asignación do uso e quenda de comedor, tanto da Domus como do Aquarium Finisterrae, estarán suxeitos á dispoñibilidade do espazo na data solicitada.

Como reservar?

1. Escolle as visitas e/ou actividades que queres levar a cabo co teu grupo escolar nos Museos Científicos Coruñeses.

2. Enche a folla de reserva que podes descargar ao final desta páxina web. Neste proceso podes seguir unha destas dúas opcións:

  • Descarga o formulario, ábreo con Adobe Acrobat Reader DC, éncheo e gárdao.
  • Tamén podes imprimir o formulario, enchelo a man e dixitalizalo despois para envialo.

3. Envíanos a folla de reserva correspondente cuberta a través deste enderezo de correo electrónico:

> Importante

A reserva só quedará formalizada cando comuniquemos a confirmación do número exacto de prazas reservadas, a data ou datas de visita e o programa detallado.

> Máis información:

Teléfono: 981 189 848

Correo electrónico: reservas@casaciencias.org

Documentos relacionados

  • Formulario de solicitude de reserva de visita (galego) (175 KB)
  • Formulario de solicitude de reserva de visita (castelán) (176 KB)

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión