Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de agosto de 2018

A limitación afectará ás vivendas situadas entre os números 68 e 78 de Matadoiro, 1 e 3 de Cantábrico, e 2 e 4 de Santa Teresa

O dispositivo de seguridade do disparo pirotécnico da Batalla Naval limitará o tránsito en distintos treitos das rúas Matadoiro, Santa Teresa, Cantábrico e Adelaida Muro

O goberno local da Coruña vén de trasladar á veciñanza do perímetro afectado as restricións que se producirán a partires das 23.00 horas, cando se prevé o inicio da celebración, así como consellos de prevención de cara á gozar do espectáculo, que terá unha duración de 25 minutos

A enseada do Orzán acollerá mañá, a partires das 23.00 horas, o disparo pirotécnico da Batalla Naval, o espectáculo de fogos de artificio que lembra a vitoria da cidadanía coruñesa, liderada por María Pita, fronte á armada inglesa baixo os mandos do pirata Drake. Con motivo desta celebración, cuxo acto terá unha duración estimada de 25 minutos, e nos que se empregarán 840,86 kgs de elementos pirotécnicos, o Concello da Coruña despregará un dispositivo especial de cara a garantir a seguridade tanto do público asistente como da veciñanza que se poida ver afectada polo lanzamento dos fogos de artificio, que se fará, como é habitual, tanto desde as Esclavas como o mirador situado na Finca dos Mariño.

Así, desde o pasado venres, o goberno local está a trasladar á veciñanza ás restricións ao tránsito tanto peonil como rodado que se producirán durante a celebración do espectáculo na noite de mañá, e que afectará principalmente a un espazo delimitado entre as rúas Matadoiro (en particular entre os números 68-78), Cantábrico e Santa Teresa (ambas as dúas, dende Matadoiro até Adelaida Muro), así como Adelaida Muro (desde Cantábrico até Santa Teresa). O perímetro no que restrinxirá o uso do espazo público vén delimitado pola instrución da Subdelegación do Goberno, polo que non se poderá transitar nas inmediacións destas vivendas durante os 25 minutos de duración do espectáculo. Ademais, as restricións tamén afectarán aos locais de hostalería situados nesta zona, que non poderán ter obxectos no exterior durante, como mínimo, dúas horas antes do inicio do disparo (21.00) até unha hora despois de rematar o mesmo (00.30).  

Xunto á comunicación das instrucións da Subdelegación do Goberno, o Concello está a remitir á veciñanza da zona afectada polas restricións unha carta con indicacións preventivas vinculadas á celebración de espectáculos pirotécnicos, coa finalidade que a cidadanía poida gozar, da maneira segura, da Batalla Naval. Deste xeito, os servizos de seguridade municipais recomendan evitar deixar roupa colgada ou obxectivos cara ao exterior, para evitar posibles combustións de restos do material pirotécnico, así como non achegarse ás xanelas para ver o espectáculo, posto que as ondas sonoras poden provocar a rotura de cristais.

O Concello recomenda, ademais de seguir en todo momento as instrucións do persoal de seguridade e emerxencias, respectar as barreiras de seguridade establecidas pola organización do evento así como evitar achegarse aos puntos nos que se produce o disparo. A este respecto, os corpos de emerxencias salientan que a mellor vista dos fogos é, como mínimo, a 100 metros de distancia en adiante. Os servizos de seguridade tamén recomendan asistir ao lugar desde o que se presenciará o espectáculo con antelación, polo menos 30 minutos antes do comezo e, no caso de asistir con nenas ou nenos --cómpre evitar carriños ou similares, pola súa propia seguridade--, convén chegar cedo para poder situalas e situalos xunto á barreira de seguridade. Destacan tamén a importancia de deixar as mascotas na casa, debido ao seu ouvido sensible ás explosións, que adoitan ser desagradables para elas.

A carta do Concello tamén sinala que os fogos artificiais poden ocasionar queimaduras ou lesións, e que, por mor do vento, poden caer restos de cinzas. No caso de que algunha destas se introduza nos ollos, cómpre enxaugalos con auga abundante. No caso de sufrir algunha ferida durante o espectáculo, ou de sufrir lipotimias ou mareos, cómpre falar co persoal de asistencia sanitaria, que se situará ao longo da barreira de seguridade. Finalmente, os servizos de emerxencias lembran que, aínda que é pouco habitual que ocorra, pode caer algún compoñente do fogo artificial preto das espectadoras ou espectadores. Neste caso, é fundamental non manipulalo nin empurralo co pé, xa que se pode reactivar e estourar, polo que é necesario avisar, inmediatamente, ao persoal de seguridade.

Transporte nocturno

O goberno local da Coruña estableceu, co gallo da celebración das Festas de María Pita 2018,  un dispositivo especial do servizo de transporte público, co obxectivo de favorecer o seu uso por parte da veciñanza durante os principais eventos, como é o caso da Batalla Naval. Así, despois do disparo pirotécnico, a partires das 00.30 horas, comezará o servizo nocturno desde o Obelisco, que durante a primeira hora de servizo reducirá a súa frecuencia a tan só 15 minutos. Xa desde as 01.30 horas, quedarán dous buses en servizo, cunha frecuencia de 30 minutos. A última saída do autobús nocturno, como é habitual en festivos e fins de semana, terá lugar ás 05.00 horas.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión