Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de outubro de 2017

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07:00 horas do 24 até as 07:00 horas do 26 de outubro

DENUNCIADAS CINCO PERSOAS POR UN POSIBLE DELITO DE FURTO CONTINUADO NUN DISPOSITIVO PROGRAMADO

Na mañá do 24 de outubro realizouse un dispositivo policial programado para o control da venda non autorizada no Mercadiño dos Mallos. O operativo, no que participaron 10 axentes, coordinados por dous inspectores, iniciouse ás 10:05 horas, cando unha dotación detectou que en dous postos de roupa tiñan á venda produtos alimenticios e de cosmética que ocultaban entre a roupa e en dous vehículos contiguos. Nestes vehículos, un Peugeot 206 e unha furgoneta Fiat Escudo, ambos os dous de cor branca, almacenaban gran cantidade de mercadoría, cun valor aproximado que supera os 3.000 euros. As persoas que estaban á fronte dos dous postos non puideron xustificar a procedencia destes produtos, algún presentaba referencia de supermercados, nin tampouco presentar factura ou ticket de compra, polo que foron comisados. Neste dispositivo identificouse un total de cinco persoas: dúas mulleres de 36 e 29 anos, dous homes de 62 e 37 anos e unha moza de 16 anos, á que sinalaron como responsable de ambos os postos. Así mesmo, as dúas mulleres realizaron manifestacións do tipo: `Quitádesnos isto pero agora mesmo imos aos supermercados para roubar máis e vendelo´. As persoas que estaban á fronte destes postos, nos que xa se realizaran actuacións policías con anterioridade, serán denunciadas ao Xulgado de Garda por un posible delito continuado de furto. Así mesmo, tramitaráselles denuncia administrativa, no Departamento de Licenzas de Uso de Zonas de Dominio Público, ao exercer a actividade de venda ambulante sen a preceptiva licenza municipal, xa que as licenzas que aportaron autorizaban unicamente a venda de produtos téxtiles. Nin os titulares nin os suplentes destas autorizacións se atopaban no lugar, polo que tamén a estes se lles tramitarán sendas denuncias administrativas por ceder as licenzas de venda a terceiros non autorizados.

INTERVENCIÓNS PREVENTIVO-DISUASORIAS DE SEGURIDADE VIARIA

- Ás 14:15 horas do 25 de outubro, o equipo de Atestados foi requirido para atender un accidente de circulación con feridos, da clase `mixto´ (raspado, alcance, saída de vía e obstáculo fixo). No accidente, que tivera lugar á altura do número 396 da Rolda de Outeiro, estiveron implicados tres vehículos: un Land Rover Discovery, un Seat Ibiza e un Mini Cooper. Como consecuencia da colisión, resultaron feridos, con carácter leve, os ocupantes do Seat Ibiza: o condutor, un home de 22 anos, e unha muller de 20 anos, ambos os dous veciños da Coruña, que foron trasladados ata o Hospital Quirón por unha ambulancia do 061.

- Ás 01:30 horas do 26 de outubro, produciuse un accidente á altura do número 88 da rúa Orillamar, cando un vehículo circulou en sentido contrario ao establecido ata golpear contra un banco de formigón situado diante do portal de acceso ás dependencias da Xefatura da Policía Local. O condutor, un home de 48 anos e veciño da Coruña, presentaba signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que foi requirido para someterse ás probas de alcoholemia, pero este negouse. Tras ser informado da obligatoriedade destas probas e continuar coa súa negativa, este condutor foi detido, tras ser reducilo pola forza, e quedou custodiado nos calabozos policiais. Tramitaráselle denuncia, ante o Xulgado de Garda, pola concorrencia de tres delitos: dous contra a seguridade viaria, por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas e por negarse a realizar a proba de alcoholemia e un terceiro por atentado a axentes da autoridade no exercicio das súas funcións, con resultado de dous axentes feridos. O vehículo que conducía, da marca e modelo Mercedes 300, foi inmobilizado preventivamente e trasladado ata o Depósito municipal.

- Ás 02:55 horas do 26 de outubro, unha patrulla deu o alto a un turismo na avenida Salgado Torres, cuxo condutor presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas, polo que deu aviso ao equipo de Atestados. O condutor, un home de 28 anos e veciño da Coruña, arroxou uns resultados positivos (0,61 e 0,58 mg/l), polo que se lle tramitou a correspondente denuncia administrativa, que lle poderá supoñer unha sanción de 1.000 € e a perda de 6 puntos do seu permiso de conducir. Do vehículo que conducía, da marca e modelo Ford Transit, fíxose cargo un coñecido do condutor.

- Ás 03:40 horas do 26 de outubro, unha dotación deu o alto a un turismo que circulaba dun xeito anómalo pola Rolda de Outeiro, á altura do número 109. O condutor, un home de 58 anos e veciño de Betanzos, que presentaba signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, arroxou un resultado positivo (0,80 e 0,76 mg/l) nas probas que lle realizou o equipo de Atestados, polo que se lle tramitaron dilixencias ao Xulgado de Garda. O vehículo que conducía, da marca e modelo Citroën Saxo, foi inmobilizado de forma cautelar e retirado por un guindastre ata o Depósito municipal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión