14 de marzo de 2018
Dende as 07.00 horas do 11 de marzo até as 07.00 horas do 13 de marzo do 2018
DETIDO POR UN DELITO DE VIOLENCIA DOMÉSTICA
- Ás 17.00 horas do 10 de marzo, unha patrulla foi comisionada pola Sala 092 para que se trasladase a un domicilio na contorna da avenida Fisterra, onde se producira un episodio de violencia doméstica. Xa no lugar, a dotación entrevistouse coas requirentes do servizo, dúas mozas de 22 e 13 anos, que manifestaron que o seu pai estaba moi agresivo e tiñan medo de que chegase a agredilas xa que bebera alcol. A patrulla mediou no conflito e acordou que o pai abandoara a vivenda ata que se acougasen os nervios. Posteriormente, ás 20.50 horas, de novo recibiuse unha alarma na sala do 092, indicando que o pai volvera ao domicilio e que agredira as fillas. Xa no lugar, a menor manifestou que o seu pai a collera por un brazo para acto seguido propinarlle varias puñadas nas costas, indicando que lle tiña tanto medo que, nesta ocasión, ía abandonar a vivenda xusto no intre en que chegou a dotación. A patrulla detectou que a moza tiña agochado algo debaixo da roupa, que explicou que se trataba dun coitelo de cociña que collera para defenderse no caso de que volvese a agredila. A dotación requeriu unha ambulancia do 061, que decidiu o traslado da moza ao CHUAC, e entrevistouse co pai, que manifestou que a empurrara. O home, de 52 anos, foi detido e traslado a dependencias policiais, onde se lle tramitou denuncia por un delito de malos tratos no ámbito familiar.
DENUNCIADOS DOUS LOCAIS POR INSTALAR TERRAZAS SEN AUTORIZACIÓN
- Ás 23.30 horas do 10 de marzo, tramitáronse dúas denuncias a locais de lecer da rúa San Andrés por ter instaladas terrazas en zona peonil sen a autorización municipal pertinente, infrinxindo así a ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público. Os responsables foron identificados e requiridos para a retirada inmediata do mobiliario de terraza.
DETIDO POR UN DELITO DE VIOLENCIA DE XÉNERO
- Ás 15.37 horas do 11 de marzo, unha dotación foi comisionada para que se trasladase a un domicilio da zona dos Mallos, onde ao parecer, e segundo unha chamada á Sala 092, unha muller atopábase encerrada nunha habitación mentres a súa parella estaba a golpear a porta moi alterado. Unha vez no lugar, a patrulla entrevistouse co home que explicou que tivera unha discusión coa súa parella e que esta se atopaba dentro dunha habitación sen permitirlle o paso. A muller manifestou que a súa parella estivera a noite anterior de copas e que, ao regresar, comezara a insultala, chegando a amezala con cortarlle o pescozo. A dotación detivo ao home, quedando custodiado nos calabozos policiais a disposición xudicial, e tramitolle denuncia de oficio por un delito de violencia de xénero.
DETIDO POR ESTAR EN BÚSQUEDA E CAPTURA XUDICIAL
- Ás 13.20 horas do 12 de marzo, unha patrulla da Policía Local identificou por unha infracción administrativa a un home na rúa Galileo Galilei e comprobou, a través dos servizos informáticos da Sala do 092, que tiña en vigor unha reclamación xudicial de búsqueda e detención emitida por un xulgado de instrución da provincia. Este home, de 35 anos, foi informado destes feitos e posto a disposición xudicial, quedando custodiado nos calabozos policiais.
CONTROIS PREVENTIVO DISUASORIOS DE SEGURIDADE VIARIA
- Ás 23.30 horas do 10 de marzo, unha patrulla deu o alto a un turismo na avenida Salvador de Madariaga, á altura do mercado municipal de Elviña, e detectou que os seus ocupantes resentaban signos de ebriedade. O seu condutor, un home de 25 anos, arroxou un resultados positivos de 0.71 e 0.74 mgs/l nas probas de alcoholemia que lle practicou o equipo de Atestados que se trasladou ao lugar. A dotación tramitou dilixencias ao xulgado por un delito contra a seguridade viaria polo procedemento de xuízo rápido. O vehículo, da marca e modelo Porsche Carrera, foi inmobilizado e retirado ao depósito municipal por un guindastre.
- Ás 06.15 horas do 11 de marzo, unha dotación deu o alto a un condutor que circulaba pola avenida do Porto con aparentes signos externos de conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas. O home, de 29 anos, foi sometido ás probas e arroxou uns resultados de 0.40 e 0.41 mgs/l, polo que foi denunciado con 500 euros de multa e a retirada de 4 puntos do permiso de condución. O vehículo, un Toyota Yaris, foi inmobilizado e retirado ao depósito municipal por un guindastre.
- Ás 11:45 horas do 12 de marzo, no barrio do Birloque, á altura do club "A Chave", produciuse o atropelo dun can que cruzaba por un paso para peóns debidamente suxeito pola correa da súa dona, segundo as indagacións policiais, tras o que a persona que conducía marchou do lugar. O can foi trasladado a unha clínica veterinaria onde certificaron o seu falecemento. Varias testemuñas dos feitos facilitaron datos do vehículo, da marca e modelo Peougeot 5008, cos que se localizou ao propietario fuxido, ao que se requirirá para tomarlle declaración por un posible accidente de circulación con resultado de morte dun can e non facilitar os seus datos á propietaria do mesmo nin poñer os feitos en coñecemento dos axentes da autoridade encargados da vixilancia do tráfico.
- Ás 18.30 horas do 12 de marzo, recibiuse un aviso da Policía Nacional de que unha dotación tiña retida unha furgoneta, cuxo condutor estaba implicado na substracción de material na autoestrada. O equipo de Atestados trasladouse á avenida do Ferrocarril e comprobou que o condutor carecía de permiso de conducir e que o vehículo carecía de seguro obrigatorio e de ITV en vigor. O condutor, un home de 36 anos, foi detido e denunciado ante o xulgado de garda por un delito contra a seguridade viaria ao conducir un vehículo a motor sen obter nunca o permiso de condución e por carecer de seguro obrigatorio e non pasar a ITV no prazo correspondente. A furgoneta, da marca e modelo Renault Express, foi inmobilizada e retirada ao depósito municipal por un guindastre.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible