Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xullo de 2018

SERVIZOS PRESTADOS POLA POLICÍA LOCAL

Dende as 07.00 horas do 11 de xullo até as 07.00 horas do 16 de xullo do 2018

DETIDO POR VIOLENCIA MACHISTA

Ás 02:27 horas do 14 de xullo, a Central Operativa do 092 requiriu a unha patrulla da Policía Local para que se trasladase a unha rúa do barrio do Ventorrillo, no cal, ao parecer, se estaba a producir un episodio de violencia de xénero, pois segundo requirimento telefónico da vítima, a súa parella estaba a agredila. Unha vez no lugar recibiulles a vítima, unha muller de 42 ano, que lles dixo que, momentos antes, comezara unha discusión coa súa ex-parella por motivos intranscendentes. Acto seguido, el comezou a golpeala por medio de puñadas e patadas á vez que a ameazaba de morte. Segundo relatou, conseguiuse protexer do seu agresor valéndose dun taburete que interpuxo entre o agresor e ela, e co que conseguiu botalo da vivenda e pechar a porta.A policía puido observar que a muller tiña marcas de golpes nos pómulos e a fronte, así como  arañazos no pescozo, e que se atopaba tamén nun estado de nerviosismo, polo que lle ofreceron a posibilidade de ser trasladada a un centro sanitario para ser atendida, aceptando o ofrecemento.Os axentes comunicaron ás outras patrullas que estaban pola zona, e que acudiran en apoio, os datos e descrición do agresor. Momentos máis tarde, unha das patrullas localizaba, polas inmediacións, a unha persoa que correspondía coa descrición facilitada polos compañeiros. Unha vez identificada comprobaron que era o agresor, un mozo de 36 anos. Os axentes procederon á súa detención, sendo denunciado de oficio por un suposto delito de violencia de xénero, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais.

DETIDO POR VIOLENCIA MACHISTA

- Ás 17:15 horas do día 12, unha patrulla da Policía Local comisionada pola Sala do 092, trasladouse á zona dos Mallos, onde ao parecer habia unha discusión na vía pública entre unha parella. Xa no lugar son requiridos por unha persoa, quen manifesta que, momentos antes, escoitara uns berros na rúa, observando como unha parella estaba a discutir na vía, e que cando se achegou a eles, observou como o mozo braceaba facendo espaventos moi violentos, gritándolle á moza "es unha puta e unha vagabunda". Cando esta persoa trata de mediar entre eles, é agarrada polo brazo polo mozo e apartada, polo que opta por coller á moza e levala ao interior dun establecemento. A muller, que se atopaba chorando e moi nerviosa, manifestou que o mozo era a súa parella, do cal recibira moitos insultos e ameazas, e que no día de hoxe recibira unha chamada telefónica da nai do seu noivo e discutiran, para posteriormente recibir outra chamada da súa parella insultándoa con frases como "puta, vagabunda, vou denunciar para sacarche a túa filla e vouche a abrir en canle".

Os axentes póñense en contacto co mozo, quen manifesta que vira andando á moza pola beirarrúa e que se baixou do coche para recriminarlle o que lle dicía por teléfono. Por todos os feitos e ponderando as circunstancias concorrentes, a policía local procede á súa detención, sendo traslado a un centro médico para posteriormente levalo a dependencias policiais onde quedou a disposición xudicial, sendo denunciado por un delito de violencia de xénero. A muller foi trasladada a un centro médico debido á crise de ansiedade que presentaba e, posteriormente, a dependencias policiais para presentar a correspondente denuncia. O detido trátase dun mozo de 35 anos veciño de Fene-Ferrol.

DETIDA UNHA PARELLA POR AGRESIÓN MUTUA E O VARÓN, ADEMAIS, POR QUEBRANTAMENTO DE ORDE DE AFASTAMENTO

- Ás 02:51horas do día 13, unha dotación da Policía Local, comisionada pola Sala do 092, trasladouse a un domicilio da zona dos Mallos, onde os veciños dun inmoble chamaron alertando porque estaban a escoitar unha forte discusión de parella, chegando a arroxar unha cadeira pola xanela. Xa no lugar, a Policía Local ve na rúa unha cadeira rota, polo que a dotación vai ao domicilio apuntado, onde se lles abre a porta e escoitan os berros dun home e unha muller. Os axentes entrevistáronse separadamente con ambos, coincidindo que saíran pola noite e que, ao chegar a casa, discutiran e se agrediran mutuamente, presentando ambos os lesións, tendo que mediar os avós para separalos. Os axentes identificaron a ambas as persoas e, tras solicitar datos a través da Sala do 092, ao home constáballe en vigor unha orde de afastamento da muller, motivo polo cal os axentes procederon á detención de ambas persoas, sendo trasladadas a un centro sanitario para o recoñecemento médico e logo a dependencias policiais.

Os detidos son un home de 24 anos e unha muller de 32 anos. Ambos foron denunciados por un delito de malos tratos no ámbito familiar e o home, ademais, por un delito de incumprimento de Resolución Xudicial (quebrantamento da orde de afastamento).

DENUNCIADO POR USO FRAUDULENTO DE TARXETA DE CRÉDITO NUN  ESTABLECEMENTO COMERCIAL

Ás 16:25 horas do día 11, unha patrulla da Policía Local foi requirida pola Sala do 092 para que se trasladase a un establecemento da rúa Panadeiras, onde un mozo tentara abonar unha compra cunha tarxeta da cal non era o seu titular e esta figuraba como bloqueada. Cando chegaron os axentes ao local, o mozo xa non se atopaba no mesmo debido a que, ao detectar as sospeitas, abandonara o local. O mozo foi localizado pola descrición facilitada nas inmediacións, no Campo de Artillería, séndolle solicitada a súa documentación. A patrulla atopou no interior da carteira unha taxeta de crédito a nome doutra persoa, polo que foi trasladado a dependencias policiais para a súa identificación e para o trámite de dilixencias por se dita tarxeta fora substraída, continuando así o CNP coas indagacións pertinentes.

DETIDO POR VIOLENCIA MACHISTA

- Ás 04.35 horas do 15 de xullo, a Central Operativa do 092 requiriu a unha patrulla da Policía Local para que se trasladase a un aparcadoiro do barrio do Agra do Orzán, requirimento dun dos seus vixiantes, xa que unha muller refuxiárase alí tras sufrir unha agresión da súa exparella. Xa no lugar, a dotación entrevistouse coa vítima que relatou como ao chegar ao seu domicilio acompañada por un home, atopouse con que a súa exparella estaba a esperala e comezou a agredilos. A ela agarrouna polo pescozo e tirouna ao chan e, a consecuencia diso, golpeouse a cabeza, momento no que puido fuxir e refuxiarse no aparcadoiro, onde pediu axuda. A patrulla comprobou que a muller, de 33 anos, tiña erosións no pescozo e atopábase en estado de nerviosismo. Ademais, tiña o teléfono móbil fracturado, tamén a causa da súa exparella, segundo relatou. Cando a dotación acompañou á vítima ao seu domicilio, onde se atopaba o seu fillo, detectou na contorna a un home que coincidía coa descrición do presunto agresor. O home, de 37 anos, foi recoñecido pola vítima, polo que foi detido e denunciado de oficio por un suposto delito de violencia de xénero, quedando a disposición xudicial nos calabozos policiais. Mentres o agresor era trasladado aos calabozos policiais por outra patrulla, a dotación actuante solicitou a presenza dunha dotación do 061 para que atendese á vítima das súas lesións. O persoal sanitario, tras unha primeira valoración das feridas que presentaba, decidiu o seu traslado ao CHUAC para unha mellor atención.     

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión