Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xaneiro de 2018

A Coruña celebrará en abril o Foro Cidadán Tecendo Litoral para abordar de forma participada os futuros usos dos peiraos, “a maior oportunidade e a cuestión urbanística máis relevante das próximas décadas”

O alcalde presentou o evento, que se celebrará os días 27 e 28 de abril dentro do proceso de investigación sobre os usos dos terreos que queden liberados nos peiraos urbanos que desenvolve o Concello. A web www.coruna.gal/tecendo-litoral/gl pon a disposición da veciñanza a información desta análise O Concello volverá a reclamar a Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña unha resposta á proposta do goberno local para conformar un consorcio interadministrativo para abordar a transformación do espazo portuario

O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá Tecendo Litoral. Investigación e diálogo sobre o futuro da Coruña e os seus peiraos, unha iniciativa que impulsa o goberno local, a través das concellerías de Participación e Innovación Democrática e Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, dirixida a definir solucións para a xestión e os usos do espazo que quedará liberado nos peiraos urbanos cando as empresas se trasladen ao Porto Exterior de Punta Langosteira. O proceso, que comezou a fase de investigación o pasado mes de novembro continuará, segundo avanzou o rexedor, os próximos 27 e 28 de abril, co Foro Cidadán Tecendo Litoral, un espazo de reflexión aberto á cidadanía que servirá para presentar o resultado dos traballos de estudo e investigación realizados na primeira fase, con propostas de usos para os terreos portuarios, que se debaterán por parte das persoas participantes. "A liberación dos terreos do porto é unha oportunidade enorme para a cidade. É seguramente a discusión urbanística máis importante, pero tamén no económico, social e de dereito á cidade, que imos a ter nas próximas décadas", indicou Ferreiro. Como apuntou, as actuais instalacións comerciais portuarias ocupan máis de 430.000 metros cadrados, polo que supoñen unha "enorme oportunidade" para renovar este espazo portuario urbano e construír unha Coruña que integre a relación da cidade co mar e o porto.  

O proceso Tecendo litoral arrincou no mes de novembro de 2017 cunha análise en profundidade, a través dun estudo técnico, da documentación legal e urbanística existente así como de exemplos doutras cidades do mundo (Barcelona, Bilbao, Valencia, Saint Nazaire, Hamburgo, Xénova, Rotterdam ou Marsella) que acometeron trasformacións portuarias de xeito participativo, innovador e sostible. Esta primeira fase completouse cun traballo de campo cos axentes implicados da cidade e a súa área metropolitana, a través de grupos de discusión e entrevistas con axentes institucionais, económicos, entidades sociais, medioambientais e aquelas cunha estreita relación co mar. "Neste estudo tamén se van poñer enriba da mesa as propostas de definicións de usos do Concello", sinalou Ferreiro. Esta vontade de diálogo continuará na segunda fase do proceso, a celebración do Foro Cidadán Tecendo Litoral que terá lugar en  Palexco. Este encontro servirá, segundo indicou Ferreiro, para recoller o sentir da cidadanía e tamén para presentar os resultados da primeira fase do proceso. Tamén se escoitará a perfís expertos en transformación portuaria do eido estatal e internacional e especialistas sobre as experiencias dos portos de Barcelona, Bilbao e Saint Nazaire, así como os principais axentes implicados no desenvolvemento da nova fachada marítima da cidade. Neste sentido, o alcalde recalcou a importancia de integrar e colaborar con outras administracións no proxecto e lembrou que o Concello trasladou en outubro a Puertos del Estado e á Autoridade Portuaria da Coruña unha proposta de protocolo para canalizar esta colaboración e comezar a traballar nun consorcio interadministrativo, da que aínda non obtivo contestación. "Pedíusenos un mes para dar unha resposta e dende outubro ate agora pasaron xa catro", apuntou o alcalde, que adiantou que esta semana reiterará a necesidade "de ter unha resposta por parte de Puertos del Estado".

A terceira fase do proceso Tecendo Litoral levarase a cabo no próximo mes de maio. Será entonces cando se presentará un resumo do traballo levado a cabo que recolla a análise, a diagnose e as conclusións das dúas fases anteriores. Este documento incluirá as principais conclusións e recomendacións de usos para a fachada marítima coruñesa tiradas do proceso Tecendo Litoral e será "a base da estratexia a medio e longo prazo" do Concello.

O alcalde presentou tamén este luns a páxina web municipal (www.coruna.gal/tecendo-litoral/gl) da iniciativa, na que se pon a disposición da veciñanza o traballo desenvolvido ata o momento e o que se realizará nos próximos meses. Nela tamén se pode atopar a documentación lexislativa, urbanística e política de referencia empregada no proceso de investigación e que permite entender a relación da Coruña cos peiraos e o conxunto do bordo litoral.

Documentos:

Dossier 'Tecendo litoral' (214 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión