Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xaneiro de 2018

As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do Carné Xove obterán unha bonificación do 50% ao formalizar a participación

O Concello mantén aberto o prazo de inscrición ordinario do X Medio Maratón Coruña21 até o 10 de febreiro

As e os atletas poden asistir, nas fins de semana, a adestramentos colectivos para a preparación desta proba así como da Coruña42

A décima edición do Medio Maratón Coruña21, a primeira das tres grandes carreiras da tempada, celebrarase o domingo 18 de febreiro. A proba, que percorrerá o núcleo urbano do termo municipal, terá a súa saída e meta no Canton Grande e contará cun trazado de 21.097,50 metros homologado pola Real Federación Española de Atletismo. O Concello mantén aberto o prazo de inscrición á proba, que se pode realizar a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com, até as 00.00 horas día 10 de febreiro, así como de forma presencial --até o 3 de febreiro-- no Departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal e no Marineda City, ademais dos centros da entidade en Santiago de Compostela e Vigo. A cota de inscrición para todas aquelas persoas de colectivos sen bonificación, até o día 10 de febreiro, será de 15€ e, a continuación, abrirase un segundo prazo extraordinario do 11 ao 13 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos. No caso do colectivo que se poida beneficiar da bonificación do 50% --maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas--, as persoas deberán acreditar estas circunstancias a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, enviar os documentos correspondentes --fotocopia do DNI e do Carné Xove, así como do informe de períodos de altas e baixas expedido polo INEM antes do día da inscrición na carreira ou fotocopia do cartón de desemprego-- antes das 00.00 horas do 10 de febreiro. O goberno local lembra que, nesta ocasión, ao igual que nas dúas últimas edicións da proba, Coruña21 manterá o seu carácter accesible ao permitir a participación de deportistas en cadeira de rodas que cumpran as normas do IPC Athletics.

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais --que incluirán un código QR para rexistrar os tempos--, que serán de uso persoal e intransferible, os días 16 e 17 de febreiro no Departamento de Deportes de El Corte Inglés no centro comercial Marineda City, en horario de 17.00 a 21.30 horas o venres 16, e de 10.00 a 21.30 horas o día 17. As e os atletas que non poidan recoller os seus dorsais nestes horarios, poderán facelo o propio día da proba, na zona da saída, entre as 08.00 e as 09.00 horas. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que a inscrición, así como o uso de dorsal, é imprescindible para a cronometraxe.

Percorrido

O Medio Maratón comezará o domingo 18 ás 10.00 horas da mañá. As e os atletas sairán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez alí, volverán até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar á rotonda das Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo - Pelamios. Desde alí encararán os últimos tres quilómetros de Coruña21 até chegar á meta, no Cantón Grande. O peche da carreira realizarase ás 12.30 horas, dúas horas e media despois da saída e, como na pasada edición este ano, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que permanezan na carreira deberán retirarse da competición. Servizos e adestramentos

Ao igual que outras probas populares do Concello, o Medio Maratón ofrecerá unha serie de servizos para facilitar a participación das e dos usuarios, que contarán cun servizo de gardarroupa e de duchas ao finalizar o percorrido, ademais de asistencia médica e avituallamento, tanto na meta como durante o trazado do circuíto que, segundo as normativas da IAAF, se situarán a partir do quilómetro cinco e, aproximadamente, cada cinco quilómetros. De cara á preparación do Medio Maratón Coruña21, así como do Maratón Atlántica, o Servizo Municipal de Deporte e o Club Hércules Termaria ofrecen un programa de adestramentos nas fins de semana. As vindeiras sesións terán lugar o domingo 4 de febreiro, a partires das 11.00 horas, e o sábado 10, ás 11.00 horas. Toda a información sobre o programa está dispoñible no web http://www.coruna.gal/carreiraspopulares/gl/coruna21/servizos-ao-corredor.

O circuíto de probas deportivas continuará no vindeiro mes de marzo coa celebración da VIII Carreira Popular da Torre de Hércules --cuxo desenvolvemento, como é habitual, será en horario nocturno-- e no mes de abril co Maratón Atlántica Coruña42 e a súa proba popular 10K. A inscrición para as tres carreiras está aberta, tamén, a través da páxina web de Carreiras Populares, na que se pode consultar o regulamento e outras informacións de interese para as e os atletas.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión