5 de abril de 2018
As persoas participantes contarán con lebres que marcarán os tempos para axudar, ás corredoras e aos corredores, a acadar rexistros por debaixo das catro horas de competición
Atletas como Pedro Nimo, Luis Feiteira, Mónica Granero ou María Rosario Figueroa participarán no Maratón Atlántica, que coincidirá co Campionato de Galicia no que tomarán a saída 200 persoas
A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento avanza na preparación da nova edición do Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o vindeiro 15 de abril. A área que dirixe José Manuel Sande vén de dar a coñecer o nome das e dos atletas máis recoñecidos que participarán na proba, e que inclúe, entre outros, ao corredor santiagués Pedro Nimo ou ao olímpico Luis Feiteira. Tamén contarán con dorsal Mónica Granero, gañadora o pasado ano da carreira, ou María Rosario Figueroa, a primeira muller en cruzar a liña de meta no maratón do ano 2016. Deste xeito, a cita co circuíto coruñés reunirá a grandes nomes da distancia, aos que se sumarán os deportistas ecuatorianos Manuel Gustavo Cañar Sandoval, Ángel Gerardo Chasi Toalombo e Marco Antonio Erazo Montero, todos eles con marcas por debaixo das 2.21.03 horas. A proba, como vén sendo habitual, coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto de Veteranos e Clubs, que conta con 200 persoas inscritas, das que 178 son homes e 22 son mulleres.
O prazo de inscrición para participar na VII edición de Coruña42 aínda está aberto até o vindeiro 8 de abril a través da web da Federación Galega de Atletismo, nun período extraordinario no que a cota final é de 40 euros no caso do Maratón Atlántica. Neste segundo treito de inscricións, tamén é posible formalizar a participación na proba popular 10K, un percorrido destinado a un perfil máis amador que o da maratón e no que xa hai inscritas, con datos de primeira hora desta mañá, máis de 1.315 persoas. Para a carreira de 10 quilómetros a contía que se deberá aboar será, finalmente, de 15 euros.
Outras actividades
Entre as novidades avanzadas esta mañá pola Concellería de Deportes está a da inclusión de lebres no Maratón Atlántica, unha proposta demandada polas e polos participantes, que contarán con axuda de expertos atletas para acadar as marcas que precisan. Así, Alejandro Fernández Ramos marcará o ritmo das 3 horas 15 minutos, mentres que Xabi Rodríguez será o responsable de entrar na liña de meta ás 3 horas e 30 minutos. Un cuarto de hora despois, cun ritmo de 3,45, entrará o grupo liderado por Francisco Javier Nigorra Caro, mentres que José Ramón Fernández López marcará un tempo de catro horas.
Ademais, o Concello está a preparar unha programación especial de cara a fin de semana da celebración do Maratón, no que se entregarán os dorsais e outros elementos ás e os participantes de Coruña42. O atleta internacional Pedro Nimo participará o sábado 14 nun coloquio aberto á cidadanía no que se abordará a preparación necesaria para unha carreira destas características.
Para máis información sobre as actividades e servizos, pódese consultar a páxina web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares, así como os perfís sociais do Maratón Atlántica en Twitter, Facebook e Instagram.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible