Xullo César por Nicolás Coustou, procedente do arquivo de Wikipedia.
Roma e A Coruña
No ano 61 a. C., tal como conta o senador e historiador romano Dión Casio, o propio Xullo César dirixiu unha expedición procedente de Gades (Cádiz) que chegou por mar a Brigantium , durante a súa estadía na península ibérica.
Non sería o primeiro contacto dos romanos cos ártabros, poboadores desta zona do noroeste galaico. O seu obxectivo era establecer contactos e rutas comerciais neste territorio, que puideron materializarse na fundación dun pequeno asentamento colonial de importancia estratéxica nos límites do Imperio. A escasa poboación local tivo que asistir a un espectáculo inédito nas súas costas, coa chegada da escuadra de Roma.
Deste xeito establecíase unha ruta de comercio marítimo que impulsaría o crecemento de Brigantium e que se concretaría máis adiante na construción do faro romano no século I: a Torre de Hércules. Quedaría aberta a navegación de altura cara ao "Mare Britanicum".
A romanización vai ser un proceso dilatado no tempo, durante o que se transformarán os asentamentos dos poboadores anteriores á chegada dos romanos. Nel, o castro de Elviña, do mesmo xeito que o resto de castros de Galicia, cambiará substancialmente a súa estrutura e funcións.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible