Concello da Coruña

Concello da Coruña

Situación xeográfica

Vista aérea do castro e da súa contorna

Dominando terra e mar

O castro de Elviña sitúase nun pequeno outeiro de 120 m de altura, situado xeograficamente nos Montes da Zapateira, que dominan o acceso á península coruñesa desde as terras do interior. O castro construíuse nunha posición estratexicamente avanzada: sobre un outeiro, illado no centro do val, dominando as rutas de tránsito terrestres e as áreas costeiras da península da Coruña.

Conta con numerosas terras de labradío, nunha contorna moi apta para a agricultura e a gandería, que o converten nunha localización idónea para a subsistencia dunha sociedade agropecuaria. Hoxe en día, aínda se estenden por el terrazas de cultivo ben estruturadas e comunicadas co castro, que poderían datar mesmo da mesma época como indican os topónimos da zona: Maceiras, Viñas, Sobrado, Souto, Grelas, Fontenla...

A ría que nace aos seus pés ofrece boas características para a navegación de navíos dedicados ao comercio a longa distancia, bos portos e fondeadoiros, e constitúe, ademais, a saída máis cómoda cara ao mar. Esta área do Golfo Ártabro é unha das escasas zonas nas que é posible establecer unha navegación interior desde as Rías Altas ata as Rías Baixas. De feito, o castro contou con notables conexións con outros pobos alén do atlántico.

Vista aérea do castro e da súa contorna

O oppidum de Elviña

Fotografía aérea do castro de Elviña

Monumentalidade e complexidade social

A paisaxe da Segunda Idade do Ferro mostra un territorio cheo de castros, pero con realidades heteroxéneas en función da rexión. No interior e en determinadas áreas do norte, os castros son de pequenas dimensións e as estruturas adoitan estar construídas en materiais perecedoiros. Noutras áreas, os castros son lixeiramente máis grandes e contan con vivendas pétreas. E, finalmente, noutras áreas (especialmente na contorna das Rías Baixas e na conca fluvial do Miño), emerxen grandes xacementos fortificados, cunha complexa planificación urbana, vivendas de grandes dimensións e con varias estancias, e unha acumulación de espazos públicos e colectivos que indican un aumento da complexidade e, quizais, tamén da xerarquización da súa estrutura social.

Fotografía aérea do castro de Elviña

Este proceso, que se estende ao ancho de boa parte da Europa morna ao ancho dos ss. III-I a. C., forma parte do xurdimento dos que coñecemos como oppida: lugares centrais e fortificados que funcionaron como centros políticos e que controlaron diversas funcións de carácter relixioso, simbólico, económico e cultural con relación á súa contorna. Neste proceso, influíron moitos factores, entre eles, os contactos de distintas culturas e imperios (púnicos, romanos etc.), mais é un proceso local, con moitos factores que explican a súa aparición.

Fotografía aérea do castro de Elviña durante as intervencións

Elviña é o oppidum máis setentrional coñecido no territorio galaico. No obstante, quizais fose o único, senón o único que coñecemos na actualidade: grandes asentamentos aínda sen explorar, como Nemeño (Ponteceso), Pastoriza (Arteixo) ou Cances (Carballo) poderían ser receptores de dinámicas semellantes, a pesar de que aínda permanecen, agardando, a que descubramos cal foi a súa historia.

  • Oppidum

Ao outro lado do castro

Edificio dos betilos

O Mediterráneo chega a Elviña

Contamos con moitas evidencias materiais que indican un estreito vínculo con pobos alén da fin do mundo que supoñía, para moitos pobos, o mundo atlántico. Son moitas as evidencias materiais representativas: contamos con moitas evidencias de ánforas vinarias procedentes da área da Bética, cerámica fina de verniz negro (ou campanense) procedente de áreas itálicas, kalathoi e askoi do Levante mediterráneo... Por se fose pouco, un edificio relixioso como o Edificio dos Betilos sinala, precisamente, o valor das interaccións entre Elviña e outras culturas durante a Idade do Ferro.

Froito desas relacións, así como das dinámicas internas propias do castro, é posible que Elviña tivese unha situación predominante, quizais mesmo controlando as relacións cos castros da contorna. É posible que xacementos, como o documentado na Idade do Ferro da península coruñesa, fosen directamente dependentes de Elviña, neste caso, como un espazo de intercambio e consumo de produtos. Queda por saber se castros como Santa Cristina, Nostián, Os Castros ou Rutis tiveron unha relación semellante.

Celtismo

¿Eran celtas os habitantes de Elviña?

O celtismo é unha cuestión que, hoxe en día, levanta paixóns e rexeitamento a partes iguais. O movemento celtista xorde durante o romanticismo, no s. XIX, onde se reclama unha identidade particular dos pobos da fachada atlántica (Irlanda e Escocia versus Gran Bretaña, Galicia versus Castela, Bretaña ante o centralismo francés...) buscando unha diferenciación étnica e cultural. Con todo, e co paso do tempo, o celtismo sería unha arma empregada por nacionalismos de distinta índole: durante o franquismo, a xénese da identidade española definíase a través da amálgama do céltico co ibérico, tal e como o expresaban numerosos historiadores e arqueólogos da época. De feito, o interese sobre a "romanización" dos castros xurdiu, en certa medida, como unha resposta contra os aspectos máis identitario-nacionais e desfasados do celtismo xerado en época de Franco.

Para coñecer algo máis a preto da historiografía sobre o celtismo e as súas consecuencias no campo da investigación e da sociedade, recoméndase a lectura de Alfredo González-Ruibal (2006-7, en concreto o capítulo "Arqueoloxía da arqueoloxía: ciencia e política na Protohistoria do noroeste", p. 24-54) e Francisco Javier González García (2021); ambos os indicados nos Créditos.

Conquista romana

E chegaron os romanos ao castro

As primeiras referencias sobre conflitos entre o imperio romano e os pobos galaicos atopámolos nas campañas de Décimo Xuño Bruto, quen vencería aos galaicos na contorna do actual Porto. ¡Ollo! Os galaicos, por aquel entón, non aludían á totalidade dos pobos do actual territorio galego, senón a unha tribo do norte de Portugal, asentada ao sur do actual Porto. Estes conflitos situaron o límite da fronteira romana xusto na contorna do territorio bracarense, pero sen establecer, aínda, un control político e territorial férreo sobre ese territorio.

Antes das Guerras Cántabras, sucedéronse distintas expedicións puntuais no Noroeste, como as de Marco Perpenna (94 a.C.) e, sobre todo, a de Xullo César, quen atacou varias áreas do norte do actual Portugal, así como a área de Brigantium e Elviña, no 61 a.C., antes de afrontar a conquista das Galias.

O territorio do Noroeste, xunto coa área astur, cántabra e vascona, seria definitivamente integrada no imperio romano tras as Guerras Cántabras (29-19 a.C.). Iniciada por Augusto e capitaneada polo legado augusto prol pretor da Lusitania, Publio Carisio, iniciouse un conflito bélico que implicou o dominio total da Península Ibérica unha vez finalizado.

A conquista romana provocou un cambio paradigmático na maneira de vivir das comunidades locais. As formas de poblamiento cambiaron paulatinamente, abandonando lentamente os castros en favor de novas formas de ocupación, sen fortificar e máis próximas as zonas chairas. Os modelos arquitectónicos das vivendas, os produtos para consumir, a agricultura... transformáronse en gran medida, especialmente na contorna de áreas urbanas. Estableceuse unha nova cultura de prestixio, especialmente en ámbitos urbanos e militares, sendo necesario ser ou aparentar comportarse como un correcto cidadán romano (o que implicaba transformar a vestimenta, o fala ou a relixión) para poder manter unha posición de prestixio en determinados círculos, así como para poder acceder a determinados dereitos (como, por exemplo, a cidadanía latina, que se concedeu a aqueles que exercesen certos cargos administrativos a partir do 74 d.C.). Os cambios non foron tan profundos naquelas áreas rurais afastadas dos novos núcleos de poder, pero si resultaron significativos naqueles espazos máis achegados aos novos centros neurálxicos, a centros militares ou a espazos de explotación económica (sobre todo, xacementos mineiros), especialmente para todos aqueles que se resistiron á conquista. Dunha forma ou outra, e seguindo distintos ritmos en función do ámbito, a conquista romana supuxo un cambio de gran relevancia no territorio galaico.

O encanto de Elviña

Contos, lendas e encantamentos

A gran maioría dos xacementos arqueolóxicos de Galicia teñen lendas e contos asociados a eles, e Elviña non é unha excepción:

"Todos os veciños da zona saben do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que daban moitas onzas aos veciños que lles levaban gañado, leite ou manteiga: ..."

Unha vez abandonado o castro, esta zona converteuse para os veciños das aldeas próximas nun lugar do monte onde levar o gando e coller toxo, habitado por seres fantásticos, recordos dunha ocupación anterior: os mouros.

"...Os mouros cubrían as casiñas con xestas e terrones, as portas eran moi pequeniñas, os patillos, cuencos e culleres eran de madeira, traballaban de sol a sol."

Relativo ao Castro de Elviña reproducimos o seguinte conto:

"Todos os veciños da zona saben do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que daban moitas onzas aos veciños que lles levaban gañado, leite ou manteiga; e de haber mouros, tamén tiña que haber encanto e tesouro, dise. Así foi como un día hai moitos anos, un neno de Someso, fíxose co libro de San Cibrao e comentoulle ao seu amigo que quería ir con el a levantar o tesouro.

Puxéronse de acordo os dous homes, que tamén eran veciños, fóronse antes de que amencese camiño das Croas, e ao chegar, o do libro fixo todo canto é costume, aínda que ao ler, confundiuse e leu ao dereito como é mandado para os cristiáns, e non ao revés, como tiña que facer, entón, levantouse da terra unha cousa que nunca souberon o que foi, se un refacho de vento ou unha forza estraña e misteriosa, pero, o que se souberon xa que o contaron, que o que foi lanzounos polo aire, como foguetes, e caeron a máis de seiscentos metros do castro, no medio dun prado, preto das casas onde eles vivían.

Tiveron moito medo e correron un perigo moi grande, dise que nunca souberon dicir que fose aquilo que os lanzaba polo aire, nin como sucedera, durante moito tempo, ao pechar os ollos volvía a eles aquela sensación de caer ao baleiro, ademais de estar durante varios días entre a vida e a morte, tras o forte golpe que levaron ao caer contra o chan."

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Horario de verán

(1 de xuño - 30 de setembro)

Sábados e domingos ás 12.00 h

Horario de inverno

(1 de outubro - 31 de maio)

Domingos ás 12.00 h

Contacto

RESERVA PREVIA no teléfono do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón

981 189 850

Chamadas locais: 010 / 981 184 278

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión