16 de octubre de 2018
A área que dirixe Alberto Lema repartirá 10.000 euros en vales de compra para favorecer a adquisición de produtos en calquera dos 109 establecementos que participan na iniciativa deste ano e organizará visitas aos mesmos por parte de distintos centros escolares
A Concellería de Emprego e Economía Social celebrará este mes de outubro unha nova edición do Samaín, unha campaña posta en marcha polo goberno local co obxectivo de visibilizar e promocionar o comercio de proximidade entre a veciñanza. Durante tres semanas, até o 31 de outubro, máis dun cento de establecementos da cidade que participan na iniciativa contarán con ambientación, na zona interior ou no escaparate, vinculada á campaña e recibirán visitas do alumnado de distintos centros escolares. Ademais, durante o mes de novembro, a cidadanía poderá adquirir produtos a través dos vales de compra que se entregarán, por valor de 10.000 euros, durante o concurso de disfraces que terá lugar na Festa do Samaín.
Nesta edición participarán un total de 109 establecementos que se atopan nos barrios ou zonas comerciais de Monte Alto, Obelisco-Orzán, Falperra-Picasso, Conchiñas-Barcelona, Os Mallos e Oza-Catro Camiños. A partires do luns 22 e até o venres 26, recibirán en grupos a máis de 200 nenas e nenos de sete colexios -- os CEIP José Cornide Saavedra, Zalaeta, Curros Enríquez, Sal Lence, Labaca, San Pedro de Visma e o colexio Esclavas-- que visitarán, con disfraces e acompañados polo seu profesorado, os comercios. As e os comerciantes contarán con castañas para agasallar ao alumnado que participe nestes pasacalles. Ademais desta actividade, celebrarase na tarde do mércores 31 de outubro, a partires das 18.30 horas na praza de María Pita, unha Gran Festa do Samaín, precedida pola habitual procesión que percorrerá as rúas do centro da cidade desde as 17.30 horas, e que inclúe un concurso de disfraces no que se repartirán, entre as gañadoras e os gañadores, 10.000 euros en vales de compra para utilizar nos comercios inscritos na campaña durante o mes de novembro.
O Concurso de Disfraces do Samaín 2018 contará con cinco categorías: Comparsa centros escolares --na que só poderán participar os centros que forman parte dos obradoiros e pasarrúas promovidos polo Concello--, Comparsa --para grupos de máis de 4 persoas--, Familia --até un máximo de catro persoas--, Parellas e Individual. Un xurado formado por tres integrantes será o responsable de valorar a imaxinación, posta en escena, a elaboración do disfrace e a maquillaxe que as e os participantes empreguen na súa proposta, cuxo deseño e materiais serán de libre elección. Entre os centros escolares entregaranse 3 premios de 1.500 euros, mentres que no resto de categorías entregaranse dous premios de diferentes contías económicas. Se o xurado así o estima, poderá designar algunha categoría como deserta.
Para poder participar no certame poderase realizar a inscrición no posto que se instalará na praza de Lugo, o día 31 de outubro, entre as 16.30 e as 17.00 horas, antes da saída da procesión, e será necesario asistir á Gran Festa que se celebrará na praza de María Pita, para desfilar diante do xurado. As bases do concurso están dispoñibles no web www.samaincoruna.com.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible