27 de febreiro de 2015
Ano 2015
Con motivo da celebración do 8 de marzo, o Concello da Coruña realizará diferentes accións, entre as que destaca a campaña #DOUOPASO: Desta vez, serán os homes os que tomarán un protagonismo especial.
Con motivo da celebración do 8 de marzo, o Concello da Coruña, a través da Concellería de Servizos Sociais realizará diferentes accións, entre as que destaca a campaña #DOUOPASO: os homes que deciden implicarse activamente na transformación da sociedade e colaborar na loita polos dereitos das mulleres, asumen un protagonismo especial. Se ti tamén queres dar un paso a favor da igualdade de xénero, implícate dende hoxe mesmo e participa na campaña #DOUOPASO a través das redes sociais.
Como podes facelo? É moi sinxelo:
1. Pensa nunha conduta que promova a igualdade de homes e mulleres coa que te sintas identificado.
2. Se as ideas non flúen tan facilmente como che gustaría, le o noso decálogo e adopta unha das propostas que consideres máis axeitada.
3. Escribe a túa conduta nun folio ou cartolina e saca unha foto mostrándoa.
4. Comparte a túa foto nas redes sociais co hashtag #DOUOPASO.
5. Se o prefires, tamén podes enviarnos a foto por correo electrónico e nós compartímola: corunacim@gmail.com
6. Sigue os nosos perfís de Facebook www.facebook.com/cimcoruna e Twitter@cimcoruna para coñecer as propostas doutros participantes na campaña.
7. Comparte a túa experiencia coas túas amizades para que tamén se animen a dar un paso en prol da igualdade entre homes e mulleres.
Ademais, no punto de información de numerosos centros cívicos atoparás carteis cos diferentes lemas do decálogo para que poidas quitar unha foto con eles e compartila nas redes. Estes son os centros dende os que poderás participar: Castrillón, Eirís, Elviña, Labañou, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Os Mallos, Novoboandanza, Palavea, Rosales e San Diego.
Datas: do 2 ao 31 de marzo.
EXPOSICIÓN #DOUOPASO
Poderase visitar nun dos nosos centros cívicos municipais, do que daremos conta no seu momento. Será unha selección das fotos tomadas para a campaña en redes sociais #DOUOPASO, que reflectirá a homes de diferentes xeracións cun cartel que recolle unha conduta a favor da igualdade.
XORNADA “Mulleres no ámbito laboral: retos pendentes”
Cal é a situación real coa que se están atopando as mulleres no día a día nos seus postos de traballo? Con que obstáculos se encontran cando queren emprender o seu propio proxecto/empresa? Segue sendo a corresponsabilidade un reto pendente? Estes e moitos outros temas estarán presentes nesta xornada.
Data, hora e lugar: por confirmar.
XINCANA POLA IGUALDADE
Será para a infancia e nela abordarase de maneira lúdica a transmisión de valores vinculados co respecto e a igualdade entre ambos os sexos, profundando nos estereotipos e roles sociais como fonte de desigualdades. A xincana facilitará a reflexión sobre a corresponsabilidade, a desmitificación dos roles asignados a homes e mulleres e a visibilización do papel das mulleres en diferentes ámbitos como a historia, a cultura o deporte ou as ciencias.
Dirixida a: infancia (6 a 12 anos).
Datas: a partir do 9 de marzo.
Horario e lugar: consulta no teu centro cívico e no boletín que se envía cada mes a quen solicitou recibilo por email.
CURSO DE FORMACIÓN EN COEDUCACIÓN
Persegue propiciar unha conciencia crítica de xénero e potenciar a coeducación nos espazos educativos, estimulando a implicación das persoas profesionais do tempo de lecer e do ensino no desenvolvemento dunha educación igualitaria.
Este curso é de especial interese para o monitorado, educadores/as e profesionais do ensino.
Datas: 25 e 26 de marzo.
Horario: 09.00 - 14.00 h.
Lugar: Centro de información ás Mulleres. Barrio das Flores. R/ Hortensias s/n.
O día 6 de marzo ás 11.00 horas haberá tamén un acto institucional coas emprendedoras coruñesas no salón de Plenos do Concello. O Concello quere render homenaxe e poñer en valor as contribucións femininas á nosa cidade, significando o importante labor das mulleres emprendedoras, que puxeron en marcha a súa propia empresa nun contexto de crise e que -en moitos casos- supuxeron para elas a reformulación da súa traxectoria profesional e vital.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible