Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de setembro de 2016

O alcalde aposta polas políticas de igualdade como "ferramenta imprescindible para avanzar cara a unha cidade realmente inclusiva, que non deixe a ninguén atrás e onde as diversidades sexan tomadas como un valor"

Xulio Ferreiro e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, participaron hoxe na presentación da III Carreira de Obstáculos pola Integración do Proxecto ENKI, que se celebrará o 16 de outubro na cidade

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste mércores, xunto á concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, na presentación da III Carreira de Obstáculos pola Integración, dentro do Proxecto ENKI, unha iniciativa deportiva coa que o Concello colabora co obxectivo de visualizar as distintas diversidades funcionales e avanzar na inclusión e participación de todas as persoas. A esta proba, de carácter non competitivo e que chegará o 16 de outubro á cidade deportiva de Riazor, "entronca ben cos principios que rexen a acción deste Goberno local, que ten na igualdade un dos eixes de todas as súas políticas", indicou o rexedor durante o acto, no que tamén tiveron intervención a presidenta da Fundación Abrente, Carmen Touza, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, entidades impulsoras da iniciativa, así como o deportista Ángel López Fernández, participante no proxecto. "Sendo conscientes de que as políticas de igualdade son unha carreira de longo percorrido, sabemos tamén que estas son imprescindibles se queremos avanzar cara a unha cidade realmente inclusiva, que non deixe a ninguén atrás e na que os dereitos de todas e todos estean garantidos; onde a diversidade, sexa funcional ou cognitiva ou de calquera outra índole -como a económica, a cultural, a relixiosa ou a afectiva- non só teña recoñecemento senón que sexa tomada como un valor", incidiu o alcalde, remarcando que "igualdade non significa uniformidade, e dar a coñecer as diferentes diversidades que conviven nesta cidade e nesta sociedade é un paso necesario no camiño cara a esa igualdade efectiva de todas e de todos".

Neste sentido, Ferreiro, fixo mención á aposta do Goberno local polo deporte, e en especial o deporte de base e o non competitivo, "como unha verdadeira escola de inclusión e compañeirismo e unha ferramenta ao servizo da igualdade, a xustiza social e da visibilidade", do mesmo que o será a proba deportiva do proxecto ENKI, na que participan de forma conxunta persoas con diversidade funcional con deportistas e calquera persoa que se queira sumar á iniciativa, que inclúe actividades deportivas, lúdicas e educativas dirixidas a todo tipo de públicos. Nesa xornada, e de forma simultánea, celebrarase na explanada de Riazor a Feira da Solidariedade, que servirá para dar a coñecer o labor de máis de vinte entidades sociais e colectivos que agrupan a persoas con diversidade funcional.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión