29 de novembro de 2019
A próxima semana comezan xa as inscricións para algunhas das actividades gratuítas da programación de Nadal dos centros cívicos municipais.
A programación da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación para o Nadal de 2019 é a seguinte:
1. XXI EDICIÓN DE MÚSICA NO NADAL (interxeracional). As corais dos centros cívicos municipais e doutras entidades da cidade participan neste recital de panxoliñas que organiza a Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación. A cita será no Centro Ágora, o día 11 de decembro a partir das 18.30 h. Ademais da intervención das corais dos centros cívicos e outras, este ano contaremos coa actuación dos nenos e das nenas da Asociación Cultural Donaire. A entrada é gratuíta con invitación, que poderá recollerse o mesmo día do recital no Centro Ágora, entre as 16:30 e as 18:15 h
2. CAMPAMENTOS URBANOS DE NADAL 2019 (infancia). A temática principal dos campamentos 2019 será a ecoloxía e o coidado do medio ambiente. Nos campamentos realizaranse xogos individuais e cooperativos, actividades lúdicas, artísticas, musicais etc. Ademais, en todas as xornadas do campamento urbano dedicarase unha hora diaria á práctica da lingua inglesa. Estes campamentos están dirixidos a nenas e nenos nados entre o 01/01/2007 e o 31/12/2015. A preinscrición farase os días 2, 3 e 4 de decembro en cada centro cívico municipal no seguinte horario: 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 h
3. FESTAS DE REIS (infancia) A entrada será gratuíta con invitación, que poderán recoller no propio centro cívico no que se realice a festa. As nenas e nenos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta, a cal permanecerá cos menores mentres estean na festa. (Recoméndase confirmar previamente en cada centro cívico as datas e horarios das festas)
4. TALLERES DO NADAL (interxeracional, infancia e familias). Desde o 15 de decembro, nos centros cívicos municipais impartiranse diversos talleres que complementan a programación de Nadal. Os talleres que se ofertarán son:
Talleres a partir dos 16 anos:
-Elaboración do álbum de Nadal scrap
-Elaboración de adornos do Nadal
-Elaboración de candeas do Nadal
Talleres para familias:
-Taller de Nadal en familia
Talleres para nenos e nenas:
-Elaboración de tarxeta do Nadal shaker (de 7 a 11 anos)
-Taller de adornos (de 4 a 6 anos)
A información detallada cos requisitos de cada taller e do resto da programación de Nadal, coas datas e horarios de realización, poderán consultarse en calquera dos centros cívicos municipais da Concellería de Igualdade, Benestar Social e Participación, nesta web ou chamando ao teléfono 010.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible